GALICIA REXISTROU EN 2013 UN TOTAL DE 146 ADOPCIÓNS, DAS QUE 89 FORON DE CARÁCTER INTERNACIONAL

  • A directora xeral de Familia e Inclusión, Amparo González, ofreceu hoxe en rolda de prensa o balance dos datos do exercicio pasado
  • Os países dos que procederon a maior parte dos nenos e nenas foron Etiopía, China, Colombia e Vietnam
  • A responsable autonómica presentou tamén a Guía de entidades colaboradoras de adopción internacional (ECAI), que se edita por primeira vez na comunidade autónoma
  • O obxectivo do documento é achegar aos interesados as características e modos de traballar destas entidades, así como coñecer os seus dereitos e deberes

 

Santiago, 1 de febreiro de 2014.- Galicia rexistrou durante 2013 un total de 146 adopcións de menores. Deste total, 89 foron de carácter internacional –chegados de 17 países distintos- e  57 producíronse dentro do ámbito nacional.

 

Así o salientou hoxe a directora xeral de Familia e Inclusión, Amparo González, durante unha rolda de prensa na que fixo balance dos datos do exercicio anterior. En canto ás solicitudes, indicou que en 2013 presentáronse 217 en adopción nacional e 165 en internacional. Con todo, precisou que hai que ter en conta que o proceso de adopción non se resolve, en xeral, no mesmo ano no que se presenta a solicitude, polo que as resolucións producidas este ano veñen de expedientes de anos anteriores.

 

No que se refire á distribución de provincias, as 57 adopcións nacionais repartíronse do seguinte xeito: 23 en Pontevedra, 16 na Coruña, 10 en Lugo e 8 en Ourense.  Pola súa banda, das 89 asignacións internacionais, 50 foron na Coruña, 27 en Pontevedra, 9 en Ourense e 3 en Lugo.

 

Por países, a maior parte dos nenos asignados en 2013 proceden, por esta orde, de Etiopía, China, Colombia e Vietnam. Tamén se produciron adopcións en: Brasil, Bulgaria, Burundi, Costa de Marfil, Filipinas, Hungría, Kazakhstan, México, Panamá, Perú, Polonia, Rusia e Ucraína.

 

Guía de Ecais

Ademais, a responsable autonómica presentou hoxe a Guía de entidades colaboradoras de adopción internacional (ECAI), que se elabora por primeira vez na comunidade autónoma e que se publicará na web da Consellería o vindeiro luns.

 

As ECAI son entidades privadas sen ánimo de lucro habilitadas polas entidades públicas para intervir en funcións de intermediación en adopción internacional. Encárganse de tramitar os expedientes das persoas solicitantes para o país ou países para os que estean habilitadas. Polo tanto, sobre elas recae gran parte da responsabilidade na información, formación, acompañamento e asesoramento das familias.

 

Polo tanto, o obxectivo desta guía é achegar ás persoas interesadas de “forma práctica e sinxela” as características e modo de traballar destas entidades e comprender cal é o seu papel: qué condicións deben cumprir, cales son as súas funcións, as súas obrigas e os seus dereitos.

 

Pero a guía non só se limita a esta información, senón que tamén explica os pasos necesarios para tramitar un expediente de adopción internacional e o papel que xogan as ECAIs.

 

Na rolda, a directora xeral explicou os grandes pasos que hai que dar para abordar unha adopción internacional. Para iniciar o expediente, os interesados deberán asistir a unha sesión informativa e participar nun curso de formación. Posteriormente, entrégaselles o impreso de solicitude para comezar ao proceso.

 

Logo da solicitude, realízase a valoración de idoneidade, que é un estudo psicolóxico e social que ten como fin determinar se os solicitantes posúen as capacidades necesarias para atender aos nenos e nenas.

 

Unha vez obtido o certificado de idoneidade, de cara á adopción internacional, hai dúas vías: a través do Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade (protocolo público), no que os solicitantes deben preparar toda a documentación do expediente; ou a través de ECAI, que é a que se encarga de completar o expediente, traducilo, e remitilo á persoa que a represente no país de orixe do menor para presentalo ante as autoridades competentes.

 

Cada país establece as vías de tramitación que admite, e outros exclúen expresamente algunha delas. Por exemplo, pode haber países que só permiten a tramitación a través das ECAI, mentres outros non permiten esta fórmula.

 

Apoio ás adopcións

González resaltou que esta iniciativa inscríbese na aposta da Consellería de Traballo e Benestar por reforzar e apoiar a adopción. Ao respecto, fixo fincapé en que a adopción “é un dereito dos nenos, e non dos pais, e sempre debe prevalecer o interese superior do menor”.

 

Entre outras actuacións, o Goberno galego xa aumentou a duración dos cursos de preparación para os solicitantes, e seguiranse poñendo en marcha programas de formación e apoio ás familias que se atopen en espera, ademais de establecer un servizo de asesoramento postadoptivo.

 

A comunidade autónoma conta tamén, desde 2010 co Portal de adopcións (http://adopcions.xunta.es), que xa se ten convertido nun referente informativo para as persoas que queiran adoptar e que conta tamén coas estatísticas de adopción de anos anteriores. En 2013 recibiu case 48.500 visitas.

About Vgomagazine

Revista Online.

One response to “GALICIA REXISTROU EN 2013 UN TOTAL DE 146 ADOPCIÓNS, DAS QUE 89 FORON DE CARÁCTER INTERNACIONAL”

Deja una respuesta

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Salir /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Salir /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Salir /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Salir /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: