Segunda crónica. Utopías danzadas – Iván Prado participa activamente no 10º Congreso do MST no Brasil

descarga (2)  Un movemento que canta é un movemento forte, un movemento que danza é un movemento máis forte, pero un movemento que crea a súa propia mística, ese é indestructible.

Cada sesión do congreso empeza cunha mística que envolve centos de persoas. A mística son teatralizacións con música en directo, poemas e palabras belas nas que este movemento de vida explica a súa loita, os seus soños e a súa coraxe armada fundida en dignidade e xustiza.

Cada sesión ten música e danza, cantos, consignas nas que milleiros de persoas dan movemento real a este movemento radical. A alegría, a arte e a forza están presentes en cada acto, en cada paso deste sexto congreso onde o movemento de masas máis grande de América cumpre trinta anos coa satisfacción de vencer ao estado, ao capital globalizado, á tendencia de caer no potencial burocratismo, ao perigo da inercia e o cansazo , ao monstro do dogmatismo e a verticalidade.

MST é sinónimo de diversidade, complexidade e sobre todo de vida. Poderase dicir que é contradictorio que o congreso o abra un relatorio que xunta na mesa presidencial unha monxa italiana de 92 anos coa filla dun dos representantes históricos máis importantes do comunismo latinoamericano. Algúns poderán ver debilidade na forza que a música, o canto e a festa teñen no interior dun colectivo radical que ocupa terras, enfronta a grupos armados dos terratenentes e padece en moitos casos o peso da (in) xustiza brasileira.

Algúns poderán pensar que é un disparate que no mundo do campesiñado brasileiro o movemento que promove a construción do socialismo se declare feminista e impoña a paridade en todos os niveis de organización desde fai case dez anos. Ata máis dun marxista dirá que poñer a loita indíxena no marco da reforma agraria atenta contra a ortodoxia.

Pero o MST é un lugar de creación e de evolución permanente que non ten medo de ensinar ás futuras xeracións a importancia de organizarse, de loitar e, ao mesmo tempo, debater sobre as súas tácticas e estratexias.

Este congreso deixa ver con claridade que a revolución pode ser tenra, xusta e bela, que ata dentro dunha cultura machista, Brasil e o seu campo, pódese equiparar a igualdade de xénero á reforma agraria e que durante un dos poucos momentos de crecemento económico dun país pódese cuestionar a globalización defendendo os dereitos dos pobos indios e o seu amor pola terra.

Que ocupar, resistir e producir non só é un lema, senón unha realidade para case un millón de persoas que ocuparon o seu lugar na terra e sobre todo na historia mundial, a base de traballo, alegría e moita entrega.

“A terra non é negocio” dixo un representante dos guaranís, “o futuro é onde as persoas son iguais socialmente, diferentes humanamente e libres en plenitude”, dixo unha muller.

Hai utopías de papel e utopías encarnadas, ou sexa vermellas como o sangue e abaixo e á esquerda como o corazón. Que poden crear lazos entre o pasado comunista e a igrexa dos pobres, entre os pobos indios e o feminismo internacional, entre o debate e a acción política e a produción dunha vida sustentable e comunitaria para os máis humildes de entre os humildes.

Son sen terra, pero tamén sen medo, sen dogmas e sen ortodoxia. Este movemento que naceu da igrexa pola terra, é tamén a casa de miles de almas que loitan polo socialismo e a abolición do mercado, este movemento é sen terra, pero con alegría, con fortaleza e, sobre todo, con vida.

Vén dun lugar sagrado e ancestral onde a terra e a vida eran sinónimos e están loitando para que o presente conxugue alimentos con xustiza, campo con utopía e agricultura con Rebeldía.

 

Iván Prado, portavoz de Pallasos en Rebeldía.

Brasília, 11 de febreiro. 2do día do 6º Congresso Nacional do MST

Acerca de Vgomagazine

Revista Online.

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Cerrar sesión /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: