UN TOTAL DE 350 MOZOS E MOZAS GALEGOS BENEFICIARANSE ESTE ANO DOS PROGRAMAS DE MOBILIDADE ORGANIZADOS POR XUVENTUDE

  • O director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, presentou hoxe en rolda de prensa tres iniciativas: Galeuropa, Eurogal e o proxecto La Ida
  • O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a convocatoria de Galeuropa, que ten como fin realizar prácticas formativas non remuneradas en empresas do estranxeiro
  • A principal novidade este ano é que se amplía o ámbito xeográfico a calquera país do mundo, e non se limita só á Unión Europea
  • Eurogal, que se poderá solicitar no mes de xuño, oferta bolsas Leonardo Da Vinci para a realización de prácticas laborais en Francia, Italia, Irlanda, Polonia, Hungría e República Checa
  • O departamento autonómico colaborará tamén co proxecto La Ida, a través do que 10 persoas poderán beneficiarse de estadías formativas en Alemaña

 

Santiago, 28 de febreiro de 2014.- Un total de 350 mozos e mozas galegos poderán beneficiarse este ano de tres programas de mobilidade organizados pola Consellería de Traballo e Benestar, nas que investirá uns 745.000 euros. En concreto, trátase de Galeuropa, Eurogal e o proxecto La Ida.

O director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, presentou hoxe en rolda de prensa estas tres actuacións. Na súa intervención, destacou que os programas de mobilidade teñen como finalidade “apoiar a formación da mocidade, mediante a mellora da súa empregabilidade, xa que favorecen a adquisición de novos coñecementos, habilidades, capacidade e cualificacións”. Isto, considerou, axuda a facilitar a inclusión dos mozos e mozas no mercado de traballo.

Ademais de mellorar o currículo laboral dos participantes, as iniciativas de mobilidade permiten mellorar as competencias idiomáticas. Ao tempo, coñécese outra organización do traballo, e detéctanse novos sectores empresariais para implantar en Galicia, así como novas posibilidades de internacionalización para empresas galegas.

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a convocatoria de Galeuropa, que regula axudas para que mozos e mozas realicen prácticas formativas non remuneradas en empresas do estranxeiro. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, a partir de mañá.

As estadías terán unha duración de 8 semanas, cun mínimo de 25 horas de formación semanais. As prácticas deberán realizarse no período comprendido entre o día seguinte á resolución das axudas e o 30 de outubro deste ano.

Os beneficiarios son mozos e mozas con idades entre os 18 e os 30 anos, con coñecemento da lingua do país de destino e que estean en posesión do título universitario de grao ou equivalente, ou do grao medio ou superior de Formación Profesional, de ensinanzas profesionais de artes plásticas e deseño ou de ensinanzas deportivas.

A orde, que conta cun orzamento de 600.000 euros, presenta dúas novidades importantes este ano. Por unha banda, amplíase o ámbito xeográfico de realización das prácticas a calquera país do mundo, e xa non se limita á Unión europea. Por outro lado, a contía da axuda deixará de ser fixa para adaptarse ao país de destino. Así, oscilará entre un mínimo de 1.465 euros e un máximo de 2.400. A propia convocatoria prevé tamén un anticipo do 80 por cento da axuda.

Eurogal

Durante a súa intervención, Rodeiro adiantou tamén que Xuventude porá en marcha outra iniciativa relacionada coa mobilidade: o programa Eurogal. Este proxecto oferta bolsas Leonardo Da Vinci, para estadías de 12 semanas de duración, e permite aos participantes realizar prácticas laborais en seis países europeos: Francia, Italia, Irlanda, Polonia, Hungría e República Checa. Está destinada a mozos titulados dos sectores de hostalería e turismo, administrativo, electricidade e enerxía, marketing e comercio, informático e agroalimentario.

As estadías do Eurogal desenvolveranse entre setembro deste ano e marzo de 2015 e o prazo de solicitudes abrirase ao longo do mes de xuño.

O responsable autonómico informou tamén de que a Consellería de Traballo e Benestar colaborará un ano máis no proxecto La Ida, un programa transnacional para a realización de prácticas formativas en empresa de Alemaña.

No mes de xullo abrirase o prazo de inscrición para as prazas desta iniciativa. As estadías durarán entre catro e cinco semanas de duración, e terán lugar entre outubro e novembro. Neste caso, as prácticas realizaranse nos sectores do metal, xardinería, impresión, gastronomía e comercio.

Os destinatarios deste proxecto son mozos e mozas de entre 18 e 30 anos, sen titulación académica ou cun ciclo medio de formación, e en situación de desemprego superior aos 6 meses.

Acerca de Vgomagazine

Revista Online.

2 Respuestas a “UN TOTAL DE 350 MOZOS E MOZAS GALEGOS BENEFICIARANSE ESTE ANO DOS PROGRAMAS DE MOBILIDADE ORGANIZADOS POR XUVENTUDE”

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Cerrar sesión /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: