MATO DEFENDE A NECESIDADE DA IMPLICACIÓN DO CONXUNTO DA SOCIEDADE PARA FACER FRONTE AO “INVERNO DEMOGRÁFICO”

  • A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, inaugurou hoxe en Santiago de Compostela o Congreso Internacional de Demografía, que conta coa presenza de distintos expertos europeos
  • Sinalou que é preciso acadar un “Pacto de Estado” e “involucrarnos todos na loita contra a perda de poboación e o envellecemento”, co impulso e liderado das administracións públicas
  • O Goberno galego está a traballar en tres eixos: a concienciación social, a posta en marcha de novas políticas de familia, e a colaboración en rede con outras rexións
  • O incremento dos beneficios fiscais sitúa actualmente a Galicia á cabeza de todas as autonomías nesta materia
  • Galicia está a traballar con outras seis comunidades autónomas para buscar solucións comúns, e trasladar a súa problemática tanto ao Goberno central como á Unión Europea
  • De continuar a tendencia actual, Galicia podería perder 150.000 habitantes en 10 anos, e situarse nunha poboación total inferior á que existía en 1900

 

Santiago, 21 de marzo de 2014.- A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, apelou hoxe á necesidade dun “compromiso total, dun Pacto de Estado” para facer fronte á crise demográfica, unha “loita” na que tamén debe estar involucrada toda a sociedade no seu conxunto nunha sorte de “pacto social”.

Así o afirmou hoxe durante a súa participación no Congreso Internacional de Demografía, impulsado polo departamento autonómico que dirixe. Neste evento, que ten como principal obxectivo a sensibilización da sociedade e a transferencia de experiencia, están a participar expertos europeos recoñecidos na materia.

A responsable autonómica cualificou o problema demográfico como “estrutural e de calado”, polo que a súa resposta require dun “compromiso estable e continuado, máis aló de conxunturas económicas e de cores políticas”.

Aínda que indicou que a solución debe partir do “conxunto da sociedade”, asegurou que esta resposta debe estar “impulsada e liderada” polas administracións públicas. Precisamente, iso é o que está a facer o Goberno galego, que traballa actualmente sobre tres liñas principais: a concienciación social e a sensibilización; a posta en marcha de novas políticas de familia e apoios á natalidade, inscritos no Plan de dinamización demográfica; e a creación de grupos de traballo con outras rexións, a nivel español e europeo, para crear sinerxias e trasladar boas prácticas.

Trátase da primeira vez na historia da autonomía que un Goberno está a liderar un Plan de dinamización demográfica, composto por 69 medidas. A sensibilización é un dos seus eixos principais, pero a articulación de novas políticas son tamén fundamentais e constitúen un paso necesario na mellora do comportamento poboacional, como demostra o exemplo de “moitos países do noso contorno que, con políticas de familia axeitadas, teñen equilibrado o déficit demográfico nos últimos anos”, entre os que citou o modelo nórdico, ou o caso francés.

Como proba tamén de que as políticas de conciliación funcionan citou un estudio realizado en Italia que concluíu que un 10 por cento de aumento da ratio de cobertura de escolas infantís públicas supón un incremento de 0,2 puntos no índice sintético de fecundidade. De feito, esta ten sido unha das principais apostas da área de Benestar. Grazas a este esforzo, a rede autonómica de escolas para nenos e nenas de 0-3 anos conta actualmente con 8.750 prazas, un 61 por cento máis que en 2009.

Ademais, dentro do Plan demográfico estanse deseñando novos instrumentos como as casas-niño ou o servizo de axuda no fogar para a infancia. Engádese a isto que se teñen incrementado as deducións fiscais por nacemento ou adopción dun fillo nun 20 por cento –pasaron de 300 a 360 euros este ano-, unha liña de aumento que se seguirá nos próximos anos. Deste xeito, Galicia sitúase á cabeza de todas as autonomías en beneficios fiscais á natalidade.

En canto á colaboración con outras rexións afectadas pola mesma problemática, Mato lembrou que Galicia está a participar en diversos proxectos europeos como o Symbios, ou a Rede de rexións afectadas polo cambio demográfica (DCRN), da que tamén forman parte outras 40 rexións.

A cooperación estase impulsando tamén a nivel nacional. Galicia, xunto con outras 5 comunidades autónomas que están a “sufrir o inverno demográfico” –Asturias, Castela e León, Castela –A Mancha, Aragón e Estremadura-, forman parte dun grupo de traballo na procura de solucións comúns. Na última xuntanza, acordaron trasladar ao Goberno central á necesidade de acadar un Pacto de Estado. Este grupo tamén ten previsto levar a súa problemática ante a Unión Europea.

Datos demográficos

A conselleira inscribiu todas estas medidas na necesidade de facer fronte ao problema demográfico porque “non vai ser posible manter nas próximas décadas a sociedade do benestar, tal e como hoxe a entendemos”.

Lembrou, por exemplo, que a taxa de reemprazo poboacional sitúase en 2,1 fillos por muller en idade fértil, mentres que en Galicia actualmente non chega ao 1,1, “moi lonxe de acadar a renovación xeracional”. Esta caída da natalidade “non é nova, xa que leva ocorrendo desde os anos 70. No 1981 a taxa caeu por primeira vez por debaixo do umbral de reemprazo, e en 1998, en época de bonanza, marcou o seu mínimo histórico”.

Estas cifras supuxeron que en Galicia, desde o ano 1981, se perderan 46.000 habitantes. De continuar esta tendencia, a poboación podería caer noutras 15.000 persoas en 10 anos, polo que o número total de habitantes da comunidade autónoma en 2051 podería estar por debaixo dos que existían en 1900.

A perda da poboación non é a única consecuencia, xa que non se pode esquecer o envellecemento da poboación. En 1975 a idade media da poboación galega era de 35 anos, e hoxe sitúase nos 45,4.

Todos estes datos supoñen que, “de non tomar medidas, Galicia seguirá a perder poboación en idade laboral e haberá un número crecente de maiores e, en consecuencia, das situacións de dependencia”. Isto repercute na economía, de aí que a OCDE asegure que a crise demográfica vai rebaixar o crecemento do PIB europeo nun 0,7 por cento anual ao longo das próximas décadas.

No que se refire ás causas do inverno demográfico, a conselleira lembrou que todos os estudos destacan a existencia de diversos factores. Entre outros, citou a incorporación da muller ao mercado laboral, a postergación da maternidade, os cambios na estrutura familiar ou a crise económica, aínda que apuntou que este último factor “non se pode considerar de peso dado que o problema vense producindo desde os anos 70”.

En resumo e para rematar, Mato apostou por seguir afondando na sensibilización da sociedade, por continuar intercambiando experiencias, por seguir deseñando novas políticas de familia para impulsar á natalidade, e por conseguir o compromiso de toda a sociedade e de todas as administracións.

Acerca de Vgomagazine

Revista Online.

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Cerrar sesión /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: