MÁIS DE 330 VOLUNTARIOS PARTICIPAN ESTE ANO NO PROGRAMA DA XUNTA DE VOLUNTARIADO AMBIENTAL NAS ILLAS ATLÁNTICAS

 

  • As actividades a realizar polos voluntarios están establecidas e coordinadas polos técnicos do propio parque e centraranse especialmente na colaboración en tarefas de oceanografía e recursos mariños, fauna, flora e biodiversidade

  • A iniciativa permite canalizar a través do voluntariado a participación activa dos cidadáns no coñecemento e conservación do noso medio ambiente natural

Santiago, 25 de marzo de 2014.- Máis de 330 voluntarios participarán este ano no programa de Voluntariado Ambiental no Parque Nacional das Illas Atlánticas, que organizan as direccións xerais de Xuventude e Voluntariado, da Consellería de Traballo e Benestar; e de Conservación da Natureza da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

Este programa ten por obxectivo sensibilizar e infundir nos participantes criterios e coñecementos básicos sobre a concienciación medioambiental e a recuperación de ecosistemas nos arquipélagos de Cíes, Ons, Sálvora e Cortegada. As actividades a realizar están establecidas e coordinadas polos técnicos do propio parque, e centraranse especialmente na colaboración en tarefas de oceanografía e recursos mariños, fauna, flora e biodiversidade.

Entre outros traballos, os participantes poderán colaborar na retirada dos restos que arrastran os temporais, na erradicación de especies alóctonas, en apoio ás tarefas de guías e información, na adecuación de camiños, na construción de sinais indicativos, na reforestación con especies autóctonas ou na limpeza de praias e sistemas dunais.

Os voluntarios terán cuberta a manutención, o aloxamento, o material necesario para a actividade e contarán cun seguro de accidentes e de responsabilidade civil. Os participantes deberán desprazarse por conta propia ata o punto de embarque, onde serán recollidos en barco para o seu traslado ás illas.

Poderán participar maiores de 16 anos, se ben os menores de idade deberán contar con autorización paterna, materna ou do titor. Deberán ter en conta que a indumentaria ten que ser axeitada ás actividades a realizar e levarán unha mochila e saco de durmir.

Este programa permite canalizar a través do voluntariado a participación activa dos cidadáns no coñecemento e conservación do noso medio ambiente natural. Ademais, forma parte dunha das liñas estratéxicas do III Plan galego de acción voluntaria 2011-2014 é “a consolidación dun programa estable de voluntariado ambiental mediante a colaboración interdepartamental dentro da administración autonómica”.

Ao finalizar a súa participación neste programa, as persoas voluntarias obterán da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado un certificado acreditativo da acción voluntaria desenvolvida, que será inscrita como experiencia voluntaria no Rexistro de Acción Voluntaria de Galicia.

Programa de actividades

O programa conta con cinco accións diferentes. A primeira delas estase levando a cabo en todas as fins de semana deste mes de marzo na illa de Cortegada. Participan un total de 6 voluntarios por quenda. Nos meses de abril, maio e xuño a illa de Ons contará con grupos de 6 persoas voluntarias en quendas de 5 días, de luns a venres.

En xullo, agosto e setembro as illas de Sálvora e Cortegada contarán con grupos de 8 voluntarios en xornadas diarias, sen pernoctar. Os martes actuarán en Cortegada, con saída do porto de Carril ás doce e regreso ás sete da tarde e os xoves en Sálvora, entre as 10 da mañá e as seis da tarde, con saída dende Aguiño.

Nas Illas Cíes, este programa levarase a cabo nos meses de xullo e agosto con dúas accións. Na primeira delas o obxectivo principal é o de dar apoio as persoas con diversidade funcional que visitan a illa, ofrecéndolles acompañamento nas visitas guiadas e nos momentos de ocio. Esta acción desenvolverase en quendas de 5 días de luns a venres e poderán participar tres voluntarios por quenda.

A segunda destas accións de voluntariado nas Cíes está composta por un campo de traballo que contará con catro quendas de catorce días de duración cada unha. Poderán participar 120 voluntarios de entre 18 e 30 anos de idade de diferentes nacionalidades, xa que este campo é de carácter internacional.

Co obxectivo de mellorar os resultados deste programa de Voluntariado Ambiental no Parque Nacional das Illas Atlánticas, a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado organizará dous cursos formativos.

O primeiro deles será da modalidade en liña e está destinado aos propios voluntarios. Os contidos teñen por obxectivo capacitar ás persoas interesadas para o desenvolvemento das actividades necesarias para poder exercer o voluntariado no Parque Nacional. Entre outras materias, os voluntarios poderán coñecer a lexislación e normativa que afecta aos Parques Nacionais, o impacto do turismo nos espazos protexidos ou as características da flora e da fauna das illas.

O segundo curso está destinado aos axentes medioambientais que traballan no propio parque, a fin de dar a coñecer que impulsa ás persoas a converterse en voluntarios, os dereitos e deberes do voluntario, o seu marco lexislativo e cómo se elabora un plan de xestión do voluntariado.

 

Acerca de Vgomagazine

Revista Online.

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Cerrar sesión /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: