Archive | marzo 27, 2014

A XUNTA INVISTE MÁIS DE 300.000 EUROS NA MELLORA DAS ESTACIÓNS DE AUTOBUSES DE VIGO, CANGAS, GONDOMAR E PONTEAREAS

Estas actuacións lévanse a cabo no marco da primeira fase do Plan Renove de Estación de Autobuses de Galicia

 O investimento de maior envergadura corresponde á estación de autobuses de Vigo, na que se prevén 263.755 euros para obras de mellora da mobilidade como a substitución das escaleiras mecánicas, entre outras
 Na estación olívica xa se acometeron o pasado ano obras de reparación e mantemento por un importe superior aos 62.000 euros, polo que o investimento total achégase aos 325.000 euros
 Nas estacións de Cangas, Gondomar e Ponteareas contémplanse actuacións como a mellora do pavimento de dársenas e plataformas, melloras de mobilidade, pintado ou colocación de bancos
 O obxecto do plan é engadir valor a estas instalacións, ao mesmo tempo que se mellora a calidade que perciben os pasaxeiros ao potenciar aspectos como a accesibilidade, información aos usuarios e supresión de barreiras
 Nunha segunda fase do Plan Renove incorporaranse outras estacións da provincia como as de Pontevedra, O Grove, A Estrada, Cambados e Sanxenxo, cuxos proxectos atópanse en redacción ou supervisión

Santiago, 26 de marzo de 2014.- A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, a través da Dirección Xeral de Mobilidade, saca hoxe a concurso no Diario Oficial de Galicia as obras de mellora de accesibilidade, instalacións e sistemas de información das estacións de autobuses de Vigo, Cangas, Gondomar e Ponteareas, por un importe de 303.108 euros.

Este contrato enmárcase dentro do Plan Renove das estaciones de autobuses de Galicia, que ten como obxectivo mellorar e modernizar a rede de estacións de transporte público por estrada da comunidade autónoma.

Estación de Vigo
O investimento de maior envergadura corresponde á estación de autobuses de Vigo, onde a Dirección Xeral de Mobilidade achegará 263.755 euros. O máis destacable serán as melloras de accesibilidade, entre as que cabe salientar a substitución das escaleiras mecánicas existentes, unha delas inutilizada, e a substitución do mecanismo de apertura dos ascensores de xeito que as portas sexan corredeiras e de apertura automática.

Ademais, construirase un itinerario adaptado no acceso peonil principal e pintarase un paso de peóns no acceso posterior da estación, cos correspondentes vados peonís e colocación de sinais. O proxecto tamén inclúe a reparación dos canlóns existentes na cuberta.

Na estación olívica xa se acometeron o pasado ano obras de mellora por un importe superior aos 62.000 euros, polo que o investimento total achégase aos 325.000 euros. Ditas actuacións efectuáronse logo da inspección realizada por técnicos da Dirección Xeral de Mobilidade, que detectaron unha serie de deficiencias.

A empresa concesionaria da infraestrutura, como responsable do mantemento da estación, fíxose cargo dunha parte das melloras previstas, como a a instalación de portas automáticas novas de acceso á estación de autobuses; reparáronse os ascensores e sinalizáronse; repintáronse os aparcamentos para persoas con mobilidade reducida; mellorouse o sistema de iluminación, especialmente na zona das dársenas; e reparáronse os accesos á estación. Así mesmo, elimináronse as pintadas existentes, repintáronse os piares e paredes das dársenas ata media altura e reparáronse os falsos teitos, substituíndo os deteriorados.

Neste momento, estase realizando tamén o arranxo e reposición da cuberta da estación, afectada polos recentes temporais. Esta actuación ascende á cantidade de aproximadamente 5.000 euros.

Outras estacións
Na estación de Cangas do Morrazo as obras centraranse na colocación de bancadas na zona de dársenas, a adaptación de aseos para persoas con mobilidade reducida e a reparación dos pavimentos de acceso peonil, plataforma e dársenas Así mesmo, realizaranse outras melloras como a reparación de canalóns, baixantes e impermeabilización de terrazas.

Na estación de Gondomar acometerase o pintado dunha zona de aparcamento para persoas con mobilidade reducida, coa súa debida sinalización e execución de vado. Pintaranse pasos de peóns, cos correspondentes vados peonís, mellorarase a drenaxe da estación e repararanse os aseos, ademais de colocar bancos para a espera. No caso de Ponteareas, tamén se procederá ao pintado de paso de peóns, creación de vados peonís e colocación de sinais, reparación do pavimento nas dársenas e reparación dos aseos.

Plan Renove
O obxecto do plan é engadir valor a estas instalacións de servizo público, ao mesmo tempo que se mellora a calidade que perciben os pasaxeiros ao potenciar aspectos como a accesibilidade, información aos usuarios e supresión de barreiras arquitectónicas. Tendo en conta que a maioría das estacións da rede galega foron construídas nos anos 70,80 e 90 e por tanto non están adaptadas para as novas esixencias normativas de accesibilidade (tanto dos modos de transporte como dos usuarios), detéctase unha clara necesidade de adaptación de elementos para facer posible este obxectivo. O plan finánciase con cargo ao Programa Operativo do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), que dentro dos seus obxectivos estratéxicos pretende reforzar o desenvolvemento das infraestruturas ambientais e de transportes.

Nunha segunda fase do Plan Renove incorporaranse outras estacións da provincia como as de Pontevedra, O Grove, A Estrada, Cambados e Sanxenxo, cuxos proxectos atópanse en redacción ou supervisión.

Anuncios

XUVENTUDE OFERTA UN TOTAL DE 8.268 PRAZAS NA CAMPAÑA DE VERÁN, UN 2,7 POR CENTO MÁIS QUE O ANO ANTERIOR

 O director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, presentou hoxe en rolda de prensa os campamentos, campos de traballo e actividades para maiores de 18 anos
 O orzamento destinado a esta iniciativa supera os 2,3 millóns de euros e permitirá tamén a contratación de máis de 900 persoas como monitores e directores de tempo libre
 Ademais da oferta en Galicia, os mozos galegos poderán optar a campos de traballo noutras comunidades autónomas e e no estranxeiro, en países como Finlandia, México ou Taiwan
 O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a orde de convocatoria para os campamentos, dirixidos a mozos e mozas de entre 9 e 17 anos, e cuxo prazo de inscrición estará aberto ata o 10 de abril

Santiago, 26 de marzo de 2014.- A Consellería de Traballo e Benestar, a través da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, ofertará este ano un total de 8.268 prazas na campaña de verán, un 2,7 por cento máis que o ano anterior.

O director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, presentou hoxe en rolda de prensa esta campaña, que inclúe campamentos, campos de traballo e actividades para maiores de 18 anos. “Con esta iniciativa, Galicia pode seguir ofrecendo un recurso de ocio educativo e tempo libre de primeiro nivel”, asegurou.

En concreto, o Goberno galego inviste nestas actividades máis de 2,3 millóns de euros. Este orzamento non só beneficia aos usuarios das distintas actuacións, senón que tamén permitirá a contratación de máis de 900 persoas como monitores e directores de tempo libre.

Campamentos
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a orde de convocatoria para solicitar praza nos campamentos, nos que poderán participar mozos e mozas residentes en Galicia e de entre 9 e 17 anos. Posteriormente, realizarase un sorteo público ante notario. O prazo de inscrición estará aberto ata o 10 de abril.

Terán lugar nos meses de xullo e agosto, e desenvolveranse nun total de 19 albergues e campamentos en toda Galicia.

Na Coruña as instalacións dispoñibles serán as dos albergues xuvenís de Marina Española e Gandarío en Bergondo; e os campamentos de Furelos, en Melide; de Virxe de Loreto, en Porto do Son; e de Espiñeira en Boiro.

No caso de Lugo, os campamentos terán lugar na Residencia Xuvenil LUG II da capital; nos albergues xuvenís de Area, en Viveiro, e de Benigno Quiroga en Portomarín; así como nos campamentos de A Devesa en Ribadeo, no de Os Chacotes en Palas de Rei, e no Poboado Os Peares.

En canto a Ourense, a campaña de verán desenvolverase no complexo O Corgo en Muíños; no centro de educación ambiental Equal en Coles; no albergue Vilar de Ordelles en Escos; na estación de montaña de Manzaneda; e na residencia Xuvenil Florentino López Cuevillas, na capital da provincia.

Xa por último, en Pontevedra haberá actividades no albergue xuvenil das Sinas, en Vilanova de Arousa; e nos campamentos de Pontemaril, en Forcarei; e na Illa de Ons.

A maiores, Rodeiro explicou que os mozos galegos poderán optar a participar en campamentos de intercambio noutras comunidades autónomas, concretamente no País Vasco, Castela e León, Estremadura e a Rioxa. Pola súa banda, participantes doutras comunidades autónomas poderán vir a Galicia.

A duración dos campamentos oscilará entre os oito e os doce días, en función da idade dos participantes e das características dos mesmos. Este verán haberá actividades “para todos os gustos e sensibilidades”, desde aquelas de carácter náutico, de dramatización e expresión cultural, a xogos tradicionais, ou deportes de multiaventura. O director xeral salientou que este ano se inicia por primeira vez un proxecto piloto para realizar actividades en inglés no Poboado dos Peares, co obxectivo de elevar o nivel idiomático dos participantes.

Como todos os anos, tamén se colaborará coa Secretaría Xeral de Emigración para facilitar a participación de descendentes de emigrantes galegos. Así mesmo, reservaranse unha serie de prazas para colectivos específicos, que serán xestionados pola Secretaría Xeral de Igualdade, a de Política Social e a Dirección Xeral de Familia e Inclusión.

Unha importante novidade na orde deste ano é que os mozos e mozas con discapacidade inferior ao 65 por cento poden participar na convocatoria, optando en polo procedemento xeral ou ben polo de prazas reservadas para a inclusión social.

Na convocatoria de hoxe do DOG tamén se inclúe a oferta concertada. A través desta fórmula, Xuventude pon as súas instalacións a disposición de concellos, asociacións xuvenís, grupos informais de mozos e mozas e outros colectivos para que organicen as súas actividades.

Actividades de maiores de 18 e campos de traballo
Ademais dos campamentos e da oferta concertada, a campaña de verán tamén inclúe actividades para mozos e mozas de entre 18 e 30 anos. A finalidade desta actuación é ofertar unha programación de calidade onde se fomenta o intercambio de experiencias e o coñecemento do territorio. Inclúense actuacións como travesías náuticas, ou programas de convivencia con participantes da Galicia exterior.

Na campaña tamén se ofertan os campos de traballo, cun total de 400 prazas en Galicia, 90 máis que o ano pasado. A convocatoria estará previsiblemente a mediados do mes de abril. Haberá campos de traballo nas Illas Cíes, Cotobade, Riós, Muíños, Celanova, A Peroxa, Portomarín, Ponteceso, Boqueixón, Rois e Melide.

As quendas serán de entre 12 e 15 días, e os campos centraranse en actividades ambientais, etnográficas, sociais, arqueolóxicas ou de fomento do emprendemento.

Os campos de traballo están dirixidos a mozos e mozas galegos, a residentes noutras comunidades autónomas, así como de outros países como Francia, Alemaña, Grecia, Italia, Corea do Sur ou Xapón, así como voluntarios procedentes da Galicia exterior.

A mocidade galega poderá tamén optar a asistir a actividades organizadas noutras comunidades autónomas e no estranxeiro, en países como República Checa, Finlandia, México ou Taiwán.

TRABALLO FORMARÁ A 585 DESEMPREGADOS DO NAVAL GALEGO EN SETE ESPECIALIDADES PARA ATENDER ÁS NOVAS DEMANDAS DO SECTOR

 A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, asinou un convenio de colaboración co presidente de ASIME, Julio Gómez
 O Goberno galego destinará 1,1 millóns de euros, entre 2014 e 2015 a executar un total de 39 accións formativas
 O principal obxectivo da iniciativa é formar a profesionais especializados e con homologación internacional para facer fronte aos novos retos do naval, especialmente no que se refire á alianza con Pemex
 Os cursos desenvolveranse en Vigo e Ferrol e comezarán de inmediato

Vigo, 26 de marzo de 2014.- A Consellería de Traballo e Benestar formará a un total de 585 desempregados do sector do naval en situación de desemprego, de xeito que recibirán unha formación especializada e homologada entre este ano 2014 e o próximo exercicio.

Ese é o obxecto do convenio de colaboración que firmou hoxe a conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, co presidente de ASIME, Julio Gómez. Segundo destacou a titular do departamento autonómico, este proxecto constitúe “un novo paso adiante no apoio do Goberno galego a este sector”, que se está levando a cabo de forma “transversal e coordinada”.

Traballo destinará un total de 1,1 millóns de euros estes dous anos a esta iniciativa, o que permitirá executar 39 accións formativas en sete especialidades diferentes: tubería naval, soldador naval, soldador tubería, caldeireiro naval, pintor naval, habilitador naval e electricista naval. Os cursos, que se desenvolverán en Vigo e Ferrol, comezarán de inmediato.

Neste sentido, estas actividades van ofrecer aos traballadores a homologación internacional necesaria para traballar nos estaleiros e nas empresas auxiliares, unha “condición esencial” nun sector tan globalizado como o naval.

O obxectivo do convenio é permitir ás empresas do sector contar con profesionais “máis preparados e acreditados” para facer fronte aos novos retos aos que se teñen que enfrontar, principalmente pola alianza con Pemex.

Este acordo vai posibilitar a contratación de 1.400 traballadores en Vigo e Ferrol nos próximos meses. Ademais, en 2015 produciranse novas contratacións, que permitirán posiblemente alcanzar os 8.000 empregos.

Ademais do contido do convenio, Mato puxo tamén en valor que estas accións se desenvolvan en colaboración “cun axente social tan relevante como ASIME”, que representa a 800 empresas do sector do metal. A cooperación entre o departamento autonómico e esta entidade “ten sido moi estreita”, e tense materializado a través de avances en prevención de riscos laborais, na posta en marcha de actividades formativas, ou iniciativas novidosas como Empreganav.

Este último programa, que vén de rematar, promoveu a reinserción laboral de 450 profesionais do sector. Os resultados teñen sido “moi positivos”, xa que se alcanzou o 42 por cento de inserción consolidada dos seus participantes.

En definitiva, Mato concluíu que o Goberno galego ten o compromiso de ofrecerlles aos traballadores “unha formación de calidade, certificada, e orientada ás necesidades reais do mercado laboral actual” e lembrou que para este ano están blindadas as partidas destinadas á materia, con máis de 63 millóns de euros.

O ISSGA INVESTIGOU MÁIS DE 800 SINISTROS LABORAIS EN GALICIA AO LONGO DO ANO 2013

 A Comisión de Goberno do ISSGA, dependente da Consellería de Traballo e Benestar, mantivo hoxe unha reunión para analizar os seus resultados do ano 2013 e do primeiro trimestre de 2014
 No encontro estiveron presentes o director xeral de Traballo e Economía Social, Odilo Martiñá, e a directora do ISSGA, Adela Quinzá-Torroja
 En 2013 leváronse a cabo preto de 800 asistencias técnicas solicitadas por organismos, empresas e representantes dos traballadores, tanto a nivel galego como estatal
 En canto á eliminación do amianto, un total de 377 empresas presentaron plans de traballo e iniciáronse 834 obras ao abeiro de plans aprobados en Galicia neste eido
 No ámbito da formación, formuláronse máis de 3.500 consultas técnicas ao Instituto e leváronse a cabo 23 xornadas técnicas con preto de 2.000 asistentes

Santiago, 26 de marzo de 2014.- O Instituto de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA) realizou máis de 800 investigacións de accidentes e enfermidades profesionais ao longo do ano 2013 en Galicia, co obxectivo de coñecer os seus motivos e reducir o número total dos ocorridos. En concreto, analizáronse 419 accidentes e 391 enfermidades.

A Comisión de Goberno do ISSGA, dependente da Consellería de Traballo e Benestar, mantivo hoxe unha reunión para analizar os seus resultados do ano 2013 e do primeiro trimestre de 2014, en materia de sinistralidade laboral e tamén a súa oferta formativa. No encontro estiveron presentes o director xeral de Traballo e Economía Social, Odilo Martiñá, e a directora do ISSGA, Adela Quinzá-Torroja.

No encontro expúxose que estas análises completáronse con diferentes actuacións dos técnicos habilitados nas áreas de construción, industria, servizos, agricultura e pesca. Así mesmo, leváronse a cabo preto de 800 asistencias técnicas solicitadas por organismos, empresas e representantes dos traballadores, tanto a nivel galego como estatal.

O pasado ano colaborouse co Colexio de Psicoloxía de Galicia, a cooperativa de armadores de pesca do porto de Vigo, a Sociedade Cooperativa Galega ou o Consello Galego de Colexios Veterinarios, para a promoción e execución de actuacións de seguridade e saúde no traballo, así como para a prevención de riscos laborais.

No ámbito do amianto, en 2013 inscribíronse 55 novas empresas no Rexistro de Empresas con Risco de Amianto (RERA), ata as 298 actuais. Un total de 377 empresas presentaron plans de traballo e iniciáronse 834 obras ao abeiro de plans aprobados en Galicia neste eido.

Por último, o ISSGA actuou en preto de 700 grandes obras para prestar asistencia técnica mediante visitas coordinadas nas catro provincias.

En canto á formación, formuláronse máis de 3.500 consultas técnicas ao Instituto e leváronse a cabo 23 xornadas técnicas con preto de 2.000 asistentes.

Horarios bibliotecas Fundación Novacaixagalicia Vigo

horarios e contacto das bibliotecas da Fundación Novacaixagalicia para que dispoñades da información para as vosas axendas e para o que estimedes oportuno:

 

  • Biblioteca de Travesas  [Telf. 986 231 518]

De luns a venres de 10.00 h a 13.30 h e de 16.00 h a 20.00 h

            Sábados de 10.00 h a 13.30 h

  • Biblioteca do Calvario  [Telf. 986 252 435]

De luns a venres de 10.00 h a 13.30 h e de 16.00 h a 20.00 h

  • Biblioteca do Centro Cultural  [Telf. 886 116 933]

De luns a venres de 9.00 h a 20.00 h

            Sábados de 9.00 h a 14.00 h

A Fundación Novacaixagalicia de Vigo acolle a mostra de fotografía «Sabes quen son?»

O Centro Social da Fundación Novacaixagalicia de Vigo acollerá mañá, xoves 27 de marzo, ás 19.00 h, a presentación da mostra que, ata o 27 de abril, ficará no centro da entidade galega.

Esta exposición é o resultado do traballo realizado polo alumnado do programa de voluntariado da Facultade de Belas Artes en diferentes centros de apoio á diversidade funcional, incorporados en PASOVIGO, desde o ano 2011 ao 2014 e conta co comisariado da profesora da facultade Loreto Blanco Salgueiro. Os centros que participaron ata agora nesta colaboración foron ASPANAEX, ASPAVI, DOA (Cangas e Vigo), APAMP e SAN RAFAEL e foron 23 os alumnos implicados no voluntariado durante eses tres anos. Sobre eles recaeu a tarefa de elaborar un programa de traballo desenvolvido en talleres de, cando menos, seis semanas de duración. Grazas a esta experiencia de aprendizaxe recíproca, os usuarios dos centros convértense agora en grandes protagonistas autores e autoras.

Reconocimiento público de Pladesemapesga a los buzos de la Guardia Civil y Sasemar extensivo a todos los participantes en las labores de rescate.

Existen precedentes que demuestran el tremendo grado de dificultad que supone la recuperación de náufragos, con el añadido del tiempo que se precisa.
Faltan datos, muchos datos, para poder hacer una valoración aproximada de lo acontecido en este luctuoso naufragio.

Bien harían los críticos en investigar la hora exacta en la que se produjo, primero el accidente grave y posteriormente el accidente muy grave, tal y cómo marca el Código de Investigación de Accidentes Marítimos.

A partir de ahí, se podrán conocer los tiempos de respuesta en la gestión del naufragio por parte de los pesqueros que estaban en la mar y de los medios de salvamento.

Leer Más…

PP noticias

O PARLAMENTO GALEGO INSTA Á XUNTA, A PROPOSTA DO GRUPO POPULAR, A INCREMENTAR O ACCESO DO CIDADÁN Á SÚA HISTORIA CLÍNICA

 O portavoz popular de Sanidade, Miguel Santalices, criticou que PSOE, AGE e BNG se opuxeran a mellorar o acceso dos pacientes a estes datos, “a pesar de propor incorporar o contido das súas emendas”

  • Santalices avogou porque “se amplíe a información visible por parte do cidadán aos documentos clínicos validados polos facultativos ou que os propios pacientes poidan incorporar información adicional que poida ter valor no historial clínico”
  •  

    O PARLAMENTO INSTA Á XUNTA, A PROPOSTA DO PPDEG, A ESTUDAR MEDIDAS PARA PALIAR AS NECESIDADES ENERXÉTICAS DA POBOACIÓN EN RISCO DE EXCLUSIÓN SOCIAL

     Así mesmo, demanda ao Goberno do Estado a definición do consumidor vulnerable á que se refire a nova Lei do Sector Eléctrico

    • A máxima preocupación e sensibilidade da Xunta é a busca de solucións aos problemas de carácter social: seguimos convencidos de que a mellor política social, económica e enerxética é o emprego”, indicou o deputado Hipólito Fariñas
    • A Consellería de Economía e Industria está elaborando un estudo para coñecer con precisión a incidencia e adoptar as medidas que poidan paliar a vulnerabilidade de determinados segmentos de consumidores que sofren pobreza enerxética”

    O GRUPO POPULAR LEMBRA QUE A OPOSICIÓN TEN VOTADO REPETIDAMENTE EN CONTRA DO CAMBIO DO MODELO DE REPARTO DE POSIBILIDADES DE PESCA

     O portavoz do Mar, Jose Manuel Balseiro, asegura que os problemas do sector pesqueiro nunca lle importaron ao BNG e a mostra é que someten a votación hoxe, de xeito oportunista, unha iniciativa sobre cotas pesqueiras tras deixala no caixón do esquecemento un ano

    • Socialistas e nacionalistas non apoiaron, na pasada lexislatura, o ditame único de Galicia ante a reforma da Política Pesqueira Común que propoñía un cambio de modelo, nin tampouco a iniciativa do Grupo Popular destinada á supresión do principio de estabilidade relativa. 
    • O GRUPO POPULAR ASEGURA QUE A AXENCIA GALEGA DE SERVIZOS SOCIAIS “FAVORECERÁ UNHA XESTIÓN INTEGRADA DOS RECURSOS PÚBLICOS PARA GARANTIR UNHA MAIOR EFICIENCIA”

       A portavoz de Benestar, Marta Rodríguez Arias, garantiu que os concellos “continuarán xogando un papel fundamental na prestación dos servizos sociais, como se recolle no propio decreto de creación”

      • Máis de 8.000 usuarios terán recoñecido o dereito a transporte programado puntual do 065, que seguirá sendo, como ata agora, gratuítos

      Cartel_PP_Salceda_SanIsidro_2014  NOVAS XERACIÓNS DE SALCEDA ORGANIZA UN ANO MÁIS A VIAXE Á ESTACIÓN DE SAN ISIDRO 
      Salceda de Caselas, 26 de marzo de 2014
      Todos os mozos interesados en participar desta excursión á neve e practicar o deporte do esquí deben chamar aos teléfonos 986 340 906 ou 633 740 897

     

crónica da concentración desta mañá ante a Xunta de Galicia en Vigo

IMG_00000090

Menos golf, máis solucións! Axudas sociais dignas, non esmolas!

Esta mañá varias ducias de persoas concentráronse ante o edificio administrativo da Xunta de Galicia en Vigo convocadas pola ODS-Coia, a Parroquia Cristo da Victoria e o Grupo de Axitación Social (GAS) para denunciar a situación de total indefensión e precariedade na que as institucións públicas deixan á unha cidadanía cada vez máis empobrecida, vítima dun sistema económico excluínte que impide que dispoña do imprescindible para vivir con dignidade.

Baixo o lema Menos golf, máis solucións! Axudas sociais dignas, non esmolas!, esixiron que os presupostos se centren dun xeito prioritario en dar unha resposta xusta e inmediata á situación de emerxencia social que padecen cada vez un número maior de galegos e galegas, en lugar de ser malgastado en proxectos que nada teñen que ver coas necesidades reais e fundamentais de todas as persoas.

Neste sentido, lembraron que as políticas sociais da Xunta de Galicia resultan totalmente insuficientes e, en oposición á RISGA (escasa en canto orzamento e contías, de difícil acceso e con prazos de resolución intolerablemente longos…), esixiron a Renda Básica como un instrumento eficaz de redistribución da riqueza e de xustiza social.

Non ao negocio coa nosa saúde! Sanidade pública universal, gratuíta e de calidade!

Non ao negocio coa nosa saúde!
Sanidade pública universal, gratuíta e de calidade!
Coa chegada do Sr Feijóo á Xunta, o Partido Popular iniciou unha campaña de recortes, desmantelamento
e privatizacións da Sanidade Pública, pretendendo que a sanidade sexa un privilexio, accesible a quen o
poida costear a través dos repagos que tratan de impor. Ou acudindo á sanidade privada, adiantando os
cartos que despois o SERGAS reintregará.
A Sanidade é unha necesidade, é un dereito. Ante a enfermidade, precisamos duns servizos sanitarios
que nos axuden a mellorar, a sobrelevar a debilidade que nos produce, a sandar. E estes servizos
sanitarios deben atendernos a todos e todas por igual, sen discriminacións nin desigualdades. A
igualdade só se garante cunha Sanidade Pública.
Despois de múltiples manifestacións cidadás, hoxe volvemos estar aquí porque este goberno segue a
facer oídos xordos ás nosas demandas en defensa da Sanidade Pública. Porque desde hai un tempo
estase a desmontar a Sanidade Pública e xa non podemos acceder con equidade ao sistema sanitario,
incrementáronse as desigualdades de acceso en función dos nosos ingresos, da zona onde vivamos. Toda
esta situación agrávase sendo máis agresiva coas persoas que teñen menos recursos.
A Sanidade Pública é patrimonio universal da cidadanía, lograda co esforzo de todos, por isto non imos
consentir que a privaticen, converténdoa nun nicho de negocio para empresas amigas, vendéndoa por
pezas e ao mellor postor. Esa é a folla de ruta que teñen marcada para os servizos públicos, esa é a súa
meta: eliminar a Sanidade Pública para poder facer negocio coa enfermidade das persoas.
Durante estes anos, o goberno da Xunta impulsou todo tipo de medidas que afondan no
desmantelamento da Sanidade Pública:
 Privatizacións Despois das privatizacións dos servizos non sanitarios, e de reiteradas promesas do
Sr. Feijóo e da Conselleira de Sanidade, Sra. Mosquera, de que nunca ían privatizar a bata branca,
agora privatizan as unidades de esterilización co argumento de que na empresa privada está a
eficiencia e a eficacia e o coñecemento da alta tecnoloxía.
 Non descansan no seu intento en desprestixiar os servizos públicos. A privatización das unidades
de esterilización conta coa oposición frontal de todos/as as/os profesionais, pero aos
privatizadores dálles igual. Non son capaces de presentar un informe técnico que avale a súa
medida, porque non existe xustificación nin profesional, nin técnica, nin económica. O único
obxectivo das empresas privadas é o lucro, non traballan para beneficio de ninguén máis que de si
mesmas.
 Implantación de copagamento nas prestacións sanitarias. Incrementando o sufrimento das
persoas que non teñen recursos económicos para facerlles fronte, creando un imposto sobre a
enfermidade. Fronte a esta situación a comisión de sabios do PP recomenda nun recente informe
incrementar os repagos co argumento de que “a prestación gratuíta e xeneralizada dos servizos
sanitarios non é o modo máis eficiente e xusto de actuar”. De que xustiza nos están a falar?
 Peche de camas, recortes orzamentarios, taxas de reposición. Isto é o que impera na Sanidade
Pública. Menos camas para ingresar os/as doentes, colapso dos servizos de urxencias. Condénase
a/o doente a entrar nunha porta xiratoria entre o seu domicilio e o servizo de urxencias. Recórtase
o diñeiro destinado á Sanidade Pública, destrúense postos de traballo, reducindo a presenza
dos/as profesionais que fai inviable unha prestación de calidade, para logo remitir as/os doentes a
centros privados.
E logo inda nos veñen con contos propagandísticos cando falan das listas de espera. As listas de
espera son grandes e medran día a día, por causa dese peche de camas, pola mala xestión que se
está a facer e tamén porque pensan que nos enganan mantendo persoas en listas de espera
ocultas.
 A Lei de Garantías é a expresión do fracaso das políticas sanitarias do PP. Intégrase nun mesmo
nivel e nun mesmo sistema a Sanidade Pública e privada. Di o Sr. Feijóo que a prestación sanitaria
recibida nun centro privado tamén é pública, xa que as/os doentes non pagan a maiores por esta
asistencia. De futuro isto vai dificultar o desenvolvemento dos principios que deben presidir o
sistema sanitario público. Nun informe da Comisión Europea, coñecido estes días, ponse en
dúbida que a colaboración publico-privada mellore a eficiencia na atención sanitaria. O que si se
recolle neste informe é que resulta máis custosa (marxe de beneficios a maiores).
 Implantación da obrigatoriedade de derivar os casos de accidentes de tráfico menos graves ás
clínicas privadas, aumentando así o beneficio destas empresas a costa da nosa saúde e dos nosos
petos.
 Areas de Xestión Integradas e Áreas de Servizos Compartido, creadas co obxectivo de provocar
un distanciamento do recurso sanitario ao respecto da poboación, con evidentes efectos
disuasorios, e ruptura da equidade. Isto implica que, como exemplo, no sur galego un neno da
comarca de Valdeorras tería que ser trasladado ata máis de 200 km de distancia para ser atendido
por un cirurxián pediátrico.
 E como inda non é suficiente, inda está enriba da mesa a proposta de Áreas de Xestión Clínica,
que pretende trasladar ás persoas que traballan na Sanidade Pública, ás e aos profesionais, a
responsabilidade de recortar, chantaxeándoos con incentivos ligados ao aforro.
O persoal que traballa no SERGAS e o conxunto da poboación galega non estamos dispostos/as a
participar nese xogo, non cederemos á chantaxe. Manifestámonos no pasado, manifestámonos hoxe, e
seguiremos a manifestarnos e a loitar pola Sanidade Pública. As/os políticos son meros xestores
transitorios dos servizos públicos, non teñen ningún dereito a privatizalos, negándonos o dereito a ter
unha Sanidade Pública, universal e de calidade, que logramos o noso esforzo e que se financia cos nosos
impostos.
O Sr Feijóo e a Sra. Mosquera non pensan parar. NOS TAMPOUCO. Non teñen outra meta que rematar
coa Sanidade Pública e entregarlla en bandexa a empresas privadas, grandes bancos, fondos de
inversión e especuladores que só buscan lucrarse a costa dos nosos petos e da nosa saúde. Pero nós
non llo imos consentir, a razón está da nosa parte.