TRABALLO FORMARÁ A 585 DESEMPREGADOS DO NAVAL GALEGO EN SETE ESPECIALIDADES PARA ATENDER ÁS NOVAS DEMANDAS DO SECTOR

 A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, asinou un convenio de colaboración co presidente de ASIME, Julio Gómez
 O Goberno galego destinará 1,1 millóns de euros, entre 2014 e 2015 a executar un total de 39 accións formativas
 O principal obxectivo da iniciativa é formar a profesionais especializados e con homologación internacional para facer fronte aos novos retos do naval, especialmente no que se refire á alianza con Pemex
 Os cursos desenvolveranse en Vigo e Ferrol e comezarán de inmediato

Vigo, 26 de marzo de 2014.- A Consellería de Traballo e Benestar formará a un total de 585 desempregados do sector do naval en situación de desemprego, de xeito que recibirán unha formación especializada e homologada entre este ano 2014 e o próximo exercicio.

Ese é o obxecto do convenio de colaboración que firmou hoxe a conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, co presidente de ASIME, Julio Gómez. Segundo destacou a titular do departamento autonómico, este proxecto constitúe “un novo paso adiante no apoio do Goberno galego a este sector”, que se está levando a cabo de forma “transversal e coordinada”.

Traballo destinará un total de 1,1 millóns de euros estes dous anos a esta iniciativa, o que permitirá executar 39 accións formativas en sete especialidades diferentes: tubería naval, soldador naval, soldador tubería, caldeireiro naval, pintor naval, habilitador naval e electricista naval. Os cursos, que se desenvolverán en Vigo e Ferrol, comezarán de inmediato.

Neste sentido, estas actividades van ofrecer aos traballadores a homologación internacional necesaria para traballar nos estaleiros e nas empresas auxiliares, unha “condición esencial” nun sector tan globalizado como o naval.

O obxectivo do convenio é permitir ás empresas do sector contar con profesionais “máis preparados e acreditados” para facer fronte aos novos retos aos que se teñen que enfrontar, principalmente pola alianza con Pemex.

Este acordo vai posibilitar a contratación de 1.400 traballadores en Vigo e Ferrol nos próximos meses. Ademais, en 2015 produciranse novas contratacións, que permitirán posiblemente alcanzar os 8.000 empregos.

Ademais do contido do convenio, Mato puxo tamén en valor que estas accións se desenvolvan en colaboración “cun axente social tan relevante como ASIME”, que representa a 800 empresas do sector do metal. A cooperación entre o departamento autonómico e esta entidade “ten sido moi estreita”, e tense materializado a través de avances en prevención de riscos laborais, na posta en marcha de actividades formativas, ou iniciativas novidosas como Empreganav.

Este último programa, que vén de rematar, promoveu a reinserción laboral de 450 profesionais do sector. Os resultados teñen sido “moi positivos”, xa que se alcanzou o 42 por cento de inserción consolidada dos seus participantes.

En definitiva, Mato concluíu que o Goberno galego ten o compromiso de ofrecerlles aos traballadores “unha formación de calidade, certificada, e orientada ás necesidades reais do mercado laboral actual” e lembrou que para este ano están blindadas as partidas destinadas á materia, con máis de 63 millóns de euros.

Acerca de Vgomagazine

Revista Online.

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Cerrar sesión /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: