XUVENTUDE OFERTA UN TOTAL DE 8.268 PRAZAS NA CAMPAÑA DE VERÁN, UN 2,7 POR CENTO MÁIS QUE O ANO ANTERIOR

 O director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, presentou hoxe en rolda de prensa os campamentos, campos de traballo e actividades para maiores de 18 anos
 O orzamento destinado a esta iniciativa supera os 2,3 millóns de euros e permitirá tamén a contratación de máis de 900 persoas como monitores e directores de tempo libre
 Ademais da oferta en Galicia, os mozos galegos poderán optar a campos de traballo noutras comunidades autónomas e e no estranxeiro, en países como Finlandia, México ou Taiwan
 O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a orde de convocatoria para os campamentos, dirixidos a mozos e mozas de entre 9 e 17 anos, e cuxo prazo de inscrición estará aberto ata o 10 de abril

Santiago, 26 de marzo de 2014.- A Consellería de Traballo e Benestar, a través da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, ofertará este ano un total de 8.268 prazas na campaña de verán, un 2,7 por cento máis que o ano anterior.

O director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, presentou hoxe en rolda de prensa esta campaña, que inclúe campamentos, campos de traballo e actividades para maiores de 18 anos. “Con esta iniciativa, Galicia pode seguir ofrecendo un recurso de ocio educativo e tempo libre de primeiro nivel”, asegurou.

En concreto, o Goberno galego inviste nestas actividades máis de 2,3 millóns de euros. Este orzamento non só beneficia aos usuarios das distintas actuacións, senón que tamén permitirá a contratación de máis de 900 persoas como monitores e directores de tempo libre.

Campamentos
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a orde de convocatoria para solicitar praza nos campamentos, nos que poderán participar mozos e mozas residentes en Galicia e de entre 9 e 17 anos. Posteriormente, realizarase un sorteo público ante notario. O prazo de inscrición estará aberto ata o 10 de abril.

Terán lugar nos meses de xullo e agosto, e desenvolveranse nun total de 19 albergues e campamentos en toda Galicia.

Na Coruña as instalacións dispoñibles serán as dos albergues xuvenís de Marina Española e Gandarío en Bergondo; e os campamentos de Furelos, en Melide; de Virxe de Loreto, en Porto do Son; e de Espiñeira en Boiro.

No caso de Lugo, os campamentos terán lugar na Residencia Xuvenil LUG II da capital; nos albergues xuvenís de Area, en Viveiro, e de Benigno Quiroga en Portomarín; así como nos campamentos de A Devesa en Ribadeo, no de Os Chacotes en Palas de Rei, e no Poboado Os Peares.

En canto a Ourense, a campaña de verán desenvolverase no complexo O Corgo en Muíños; no centro de educación ambiental Equal en Coles; no albergue Vilar de Ordelles en Escos; na estación de montaña de Manzaneda; e na residencia Xuvenil Florentino López Cuevillas, na capital da provincia.

Xa por último, en Pontevedra haberá actividades no albergue xuvenil das Sinas, en Vilanova de Arousa; e nos campamentos de Pontemaril, en Forcarei; e na Illa de Ons.

A maiores, Rodeiro explicou que os mozos galegos poderán optar a participar en campamentos de intercambio noutras comunidades autónomas, concretamente no País Vasco, Castela e León, Estremadura e a Rioxa. Pola súa banda, participantes doutras comunidades autónomas poderán vir a Galicia.

A duración dos campamentos oscilará entre os oito e os doce días, en función da idade dos participantes e das características dos mesmos. Este verán haberá actividades “para todos os gustos e sensibilidades”, desde aquelas de carácter náutico, de dramatización e expresión cultural, a xogos tradicionais, ou deportes de multiaventura. O director xeral salientou que este ano se inicia por primeira vez un proxecto piloto para realizar actividades en inglés no Poboado dos Peares, co obxectivo de elevar o nivel idiomático dos participantes.

Como todos os anos, tamén se colaborará coa Secretaría Xeral de Emigración para facilitar a participación de descendentes de emigrantes galegos. Así mesmo, reservaranse unha serie de prazas para colectivos específicos, que serán xestionados pola Secretaría Xeral de Igualdade, a de Política Social e a Dirección Xeral de Familia e Inclusión.

Unha importante novidade na orde deste ano é que os mozos e mozas con discapacidade inferior ao 65 por cento poden participar na convocatoria, optando en polo procedemento xeral ou ben polo de prazas reservadas para a inclusión social.

Na convocatoria de hoxe do DOG tamén se inclúe a oferta concertada. A través desta fórmula, Xuventude pon as súas instalacións a disposición de concellos, asociacións xuvenís, grupos informais de mozos e mozas e outros colectivos para que organicen as súas actividades.

Actividades de maiores de 18 e campos de traballo
Ademais dos campamentos e da oferta concertada, a campaña de verán tamén inclúe actividades para mozos e mozas de entre 18 e 30 anos. A finalidade desta actuación é ofertar unha programación de calidade onde se fomenta o intercambio de experiencias e o coñecemento do territorio. Inclúense actuacións como travesías náuticas, ou programas de convivencia con participantes da Galicia exterior.

Na campaña tamén se ofertan os campos de traballo, cun total de 400 prazas en Galicia, 90 máis que o ano pasado. A convocatoria estará previsiblemente a mediados do mes de abril. Haberá campos de traballo nas Illas Cíes, Cotobade, Riós, Muíños, Celanova, A Peroxa, Portomarín, Ponteceso, Boqueixón, Rois e Melide.

As quendas serán de entre 12 e 15 días, e os campos centraranse en actividades ambientais, etnográficas, sociais, arqueolóxicas ou de fomento do emprendemento.

Os campos de traballo están dirixidos a mozos e mozas galegos, a residentes noutras comunidades autónomas, así como de outros países como Francia, Alemaña, Grecia, Italia, Corea do Sur ou Xapón, así como voluntarios procedentes da Galicia exterior.

A mocidade galega poderá tamén optar a asistir a actividades organizadas noutras comunidades autónomas e no estranxeiro, en países como República Checa, Finlandia, México ou Taiwán.

Acerca de Vgomagazine

Revista Online.

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Cerrar sesión /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: