A XUNTA OFERTA PRETO DE 1.800 PRAZAS EN PONTEVEDRA PARA ACTIVIDADES DA CAMPAÑA DE VERÁN DIRIXIDA A MOZOS E MOZAS

 

  • 1_MG_1015

  • A delegada territorial da Xunta en Vigo, María José Bravo Bosch, presentou hoxe en rolda de prensa os campamentos, campos de traballo e actividades para xóvenes de 9 a 30 anos.

  • O Diario Oficial de Galicia (DOG) vén de publicar a orde de convocatoria para os campamentos, dirixidos a mozos e mozas de entre 9 e 17 anos, e cuxo prazo de inscrición estará aberto ata o 10 de abril.

  • Entre as actividades que se levarán a cabo na área territorial viguesa destaca o campo de traballo das Illas Cíes, durante os meses de xullo e agosto e que conta con 120 prazas para mozos e mozas de entre 18 e 30 anos.

  • Ademais da oferta en Galicia, poderase optar a campos de traballo noutras comunidades autónomas e no estranxeiro, en países como Finlandia, México ou Taiwan, entre outros.

  • A Consellería de Traballo e Benestar inviste case 2,3 millóns de euros en toda Galicia, onde prevé a contratación dunhas 900 persoas para os postos de monitores e directores de tempo libre.

Vigo, 31 de marzo de 2014.- A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Traballo e Benestar, ofrece este ano un total de 1.780 prazas para actividades da campaña de verán dirixida aos mozos e mozas de entre 9 e 30 anos da provincia de Pontevedra.

Esta mañá, a delegada territorial da Xunta en Vigo, María José Bravo Bosch, acompañada pola xefa territorial do departamento de Traballo e Benestar, María Peón, presentou a iniciativa para este verán que a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado vén de publicar no DOG e que oferta á mocidade actividades de carácter lúdico, cultural ou deportivo. As actividades están así dirixidas á mozos e mozas de entre 9 e 30 anos, e están divididas en actividades específicas para os distintos grupos de idade.

Bravo Bosch puxo en valor o esforzo da Consellería de Traballo e Benestar, especialmente da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, por manter esta campaña xa que, coma dixo, outras comunidades autónomas suspenderon estas actividades pola actual situación económica. Incluso, matizou, a oferta en Galicia incrementouse nun 2,7% máis que o ano anterior chegando así o número de participantes ás 8.268 prazas. Destacou esta aposta non só polo carácter cultural e lúdico que ten para os mozos e mozas ou pola xeración de emprego que supón, senón tamén porque favorece a conciliación da vida laboral, persoal e familiar durante os meses estivais.

Neste senso, sinalou que o departamento autonómico inviste case 2,3 millóns de euros na posta en marcha destas actividades para toda Galicia, o que permitirá a contratación dunhas 900 persoas entre os postos de monitores e directores de tempo libre.

Na programación para a provincia inclúense: campamentos xuvenís para menores de 18 anos; o uso en oferta concertada das instalacións xuvenís existentes en Pontevedra así coma campos de traballo en España e no estranxeiro; así coma accións de reencontro con mozos e mozas descendentes de galegos residentes no exterior.

Deste xeito, entre as actividades que se ofertan dentro da área territorial viguesa destaca o Campo de Traballo nas Illas Cíes, que oferta un total de 120 prazas en 4 quendas durante os meses de xullo e agosto para xóvenes de entre 18 e 30 anos.

Campamentos de verán para menores de 18 anos

O obxectivo dos campamentos de verán é que a mocidade empregue o seu tempo libre en actividades de carácter lúdico, cultural e deportivo, ao tempo que coñecen outros territorios e viven novas experiencias.

Este verán haberá 1.260 prazas na provincia para nenos e nenas de entre 9 e 17 anos. Haberá distintas quendas, de entre 8 e 12 días, durante os meses de xullo e agosto para as instalacións xuvenís das Sinas, Pontemaril ou o campamento da Illa de Ons. O prazo de presentación de solicitudes será de 15 días naturais desde o día seguinte á publicación da orde no DOG. O sorteo das prazas realizarase, ante notario, nos 45 días seguintes á publicación no Diario Oficial de Galicia. O prazo de inscrición estará aberto ata o 10 de abril.

A praza inclúe o programa de actividades, o aloxamento, a manutención en réxime de pensión completa, o material, e atención sanitaria. No caso de traslado a outras comunidades autónomas, inclúese tamén o transporte desde Santiago de Compostela ata o destino.

A maiores, Bravo Bosch explicou que os mozos e mozas poderán optar a participar en campamentos de intercambio noutras comunidades autónomas, concretamente no País Vasco, Castela e León, Estremadura e A Rioxa. Pola súa banda, participantes doutras comunidades autónomas poderán vir a Galicia. Este verán haberá actividades “para todos os gustos e sensibilidades”, desde aquelas de carácter náutico, de dramatización e expresión cultural, a xogos tradicionais, ou deportes de multiaventura.

Unha importante novidade na orde deste ano é que os mozos e mozas con discapacidade inferior ao 65 por cento poden participar na convocatoria, optando polo procedemento xeral ou ben polo de prazas reservadas para a inclusión social.

Oferta concertada

Ademais das prazas de xestión directa, Xuventude tamén oferta o uso das súas instalacións ás asociacións xuvenís, entidades prestadoras de servizos á xuventude, escolas de tempo libre, concellos e mozos non asociados. A través desta fórmula, porase a disposición da mocidade pontevedresa un total de 380 prazas nas instalacións dependentes da Consellería de Traballo e Benestar.

Actividades para maiores de 18 anos e campos de traballo

Para os maiores de 18 anos e ata os 30, este ano se organizan unha serie de actividades que perseguen ofertar unha alternativa responsable dentro do ocio e tempo libre. Trátase dunha programación de calidade onde se fomenta o intercambio de experiencias e o coñecemento do territorio e inclúense actuacións como travesías náuticas ou programas de convivencia con participantes da Galicia exterior.

Na campaña tamén se ofertan os campos de traballo, cun total de 140 prazas na provincia para os Campos de Traballo de Cíes (120 prazas) e Cotobade (20). O seu obxectivo é fomentar a convivencia, a participación e a tolerancia a través dunha colaboración desinteresada e voluntaria en traballos diversos que se levan a cabo en todas as comunidades autónomas e en distintos países.

Toda esta oferta estará á disposición da mocidade galega, e especialmente do resto de comunidades autónomas e de países como Francia, Alemaña, Grecia, Italia, Corea do Sur ou Xapón, así coma voluntarios procedentes de Galicia exterior.

Ademais, os mozos e mozas galegos poderán asistir ao mesmo tipo de actividades organizadas ao longo do territorio español e en países como Francia, Alemaña, Finlandia, Italia, Países Baixos, República Checa, Portugal, Xapón, México, Corea do Sur, ou Taiwan.

 

Anuncios

One response to “A XUNTA OFERTA PRETO DE 1.800 PRAZAS EN PONTEVEDRA PARA ACTIVIDADES DA CAMPAÑA DE VERÁN DIRIXIDA A MOZOS E MOZAS”

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión / Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión / Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión / Cambiar )

Google+ photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google+. Cerrar sesión / Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: