A XUNTA CONSTATA QUE GALICIA É A COMUNIDADE CO PREZO DO GASÓLEO ANTES DE IMPOSTOS MÁIS ALTO DA PENÍNSULA E ANALIZA O IMPACTO DA COMPETENCIA NO SECTOR

gasoleo O prezo medio do litro de gasóleo de automoción sen tributos é 1,8 céntimos maior que a media española
 Un informe presentado pola conselleira de Facenda mostra que o gasóleo en Galicia antes de impostos é o máis caro da Península a pesar de que a tributación é a mesma que en preto do 85% do territorio
 O prezo medio do gasóleo sen impostos ao peche de 2013 en Galicia era 1,4 céntimos maior que en decembro de 2012, a maior suba de toda España
 Se non se aplicase ningún imposto ao combustible en España, Galicia tería igualmente o prezo do gasóleo máis elevado a pesar de contar cunha das oito refinerías existentes
 Das 6 provincias españolas co gasóleo máis caro antes de impostos, 4 son as galegas
 O Consello Galego de Competencia detecta problemas de concentración, xa que son as estacións de servizo independentes e de hipermercados as que ofrecen prezos máis baixos, e a súa porcentaxe de implantación en Galicia é inferior á media
 A Xunta presentará nas vindeiras semanas un paquete de medidas para elevar a competencia no mercado retallista e rebaixar os prezos de venda

O Consello Galego da Competencia está a analizar o impacto da competencia no sector da venda retallista de combustibles de automoción, logo de constatar que Galicia é a comunidade autónoma que ten o prezo do gasóleo antes de impostos máis elevado de toda a Península, segundo reflicte un informe presentado hoxe no Consello da Xunta pola conselleira de Facenda, Elena Muñoz Fonteriz.

O prezo medio do gasóleo de automoción sen tributos en Galicia situouse no mes de febreiro en 75,4 céntimos/litro, o que supón 1,8 céntimos máis que a media española. Así, o informe presentado hoxe pola Consellería de Facenda mostra que Galicia ten o prezo do gasóleo sen impostos máis alto de España, a pesar de que a tributación na Comunidade galega é a mesma que se aplica en preto do 85% do territorio español.

Galicia equiparou dende o 1 de xaneiro de 2014 o tramo autonómico do imposto de hidrocarburos á maioría das comunidades autónomas. Non obstante, os datos oficiais indican que, se non se aplicase ningún imposto ao combustible en España, Galicia tería igualmente o prezo do gasóleo máis elevado de toda a Península.

Ademais, a Comunidade galega xa era en decembro de 2013 a autonomía co gasóleo máis caro de España. Ao peche do exercicio 2013 o prezo medio do litro de gasóleo antes de impostos era 1,4 céntimos máis caro que en decembro de 2012, a maior suba de toda España e o dobre que a media española (0,6 céntimos) neste período.

O prezo medio do gasóleo antes de impostos en Galicia é de 75,4 céntimos/litro, o máis alto entre todas as comunidades peninsulares e un 2,4% por riba da media española, a pesar de que Galicia conta cunha das oito refinerías operativas na Península.

O informe mostra tamén que esta situación está a afectar ao conxunto da Comunidade galega. Entre as seis provincias españolas co prezo do litro de gasóleo sen tributación máis alto, están as catro provincias galegas. E Ourense é a provincia peninsular co gasóleo de automoción máis caro de toda España.

Estas diferenzas entre comunidades tradúcese nun maior gasto por parte dos fogares galegos en comparación con outras autonomías. Por exemplo, o prezo medio do gasóleo en Cataluña é 5 céntimos menor que en Galicia, a pesar de que ambas comunidades aplican a mesma tributación sobre o combustible. Isto provoca que un consumidor catalán que enche un depósito de 50 litros catro veces ao mes paga nun ano 120 euros menos que un consumidor galego.

Concentración
O Consello Galego da Competencia xa abriu un expediente hai dous anos en Galicia por posible pacto de prezos no sector. Posteriormente, a Comisión Nacional de Competencia integrou ese expediente nunha investigación de ámbito estatal. De feito, a CNC incoou expediente contra seis compañías o 29 de xullo de 2013, en el está integrado o expediente aberto na Comunidade galega.

Agora, esta situación está a ser analizada de novo polo Consello Galego da Competencia, que nunhas conclusións preliminares detectou problemas de concentración no mercado de distribución minorista. É por iso que o descenso do prezo do combustible pasa necesariamente por elevar os niveis de competencia no mercado.

Segundo os últimos datos dispoñibles, Galicia rexistra unha porcentaxe de estacións de servizo independentes inferior á media española, que é do 17%. Precisamente, son estes os establecementos que máis compiten en prezos, ata un 4% máis baratos que as grandes operadoras do sector.

Ademais, todas as provincias galegas rexistran unha presenza de estacións de servizo ‘low cost’ (situadas habitualmente en centros comerciais) inferior á media española. De feito, nas catro provincias de Cataluña case o 100% dos grandes centros comerciais conta con establecementos deste tipo, o que está a reducir os prezos de venda.

Unha vez que o Consello Galego da Competencia conclúa a análise que está a realizar, achegaranse unha serie de medidas para elevar a competencia no sector e favorecer así unha baixada de prezos.

 

Acerca de Vgomagazine

Revista Online.

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Salir /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Salir /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Salir /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Salir /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: