1º de Maio.
A CIG de Vigo presentou hoxe a manifestación que percorrerá as rúas da cidade este xoves con motivo da celebración do 1º de Maio, Día Internacional da Clase Traballadora. Dende a central nacionalista explicaron que se trata da mobilización central das 12 convocadas por todo o país e contará coa presenza do secretario xeral, Suso Seixo. A marcha partirá da Doblada ás 11.30 horas e rematará na Porta do Sol.
Xunto ao secretario comarcal da CIG de Vigo, Serafín Otero, na rolda de prensa celebrada esta mañá nos locais do sindicato estiveron presentes traballadores/as e delegados/as sindicais de distintas empresas e sectores da comarca que atravesan dificultades a causa da crise económica e que exemplifican a grave situación social e laboral que padece a bisbarra.
Deste xeito, na comparecencia interviron representantes de Gonsusa, empresa de reparación naval xa desaparecida; Freiremar, histórica firma do sector da alimentación que foi posta como exemplo de mala xestión empresarial; Oh Vigo, que conta coa concesión pública da cafetería do Meixoeiro e que non cesa na represión sindical e segue sen abonar as débedas pendentes co cadro de persoal; Faurecia Asientos, compañía que abusa da contratación vía ETT, incumpre a negociación colectiva e reprime sindicalmente; Clece, concesionaria da limpeza do Xeral-Cíes que pretendía renunciar ao convenio propio, modificar as condicións laborais e aplicar un ERE; Asociación Galega San Francisco, empresa do ensino que quería aplicar un ERE extintivo a 12 persoas e finalmente despediu 10 persoas eventuais; tamén estivo presente un empregado da Xustiza, sector que está a sofrer un importante recorte coa privatización do Rexistro Civil e a desaparición dos actuais partidos xudiciais.