Crónica da concentración perante o colapso das Axudas de Emerxencia Municipais
Hoxe o concello celebraba un pleno extraordinario no que se aprobaron os orzamentos para 2014. Ao mesmo tempo a praza do rei acollía dúas concentracións: unha reclamando dereitos sociais e outra da veciñanza de Teis a propósito do conflito polo centro cívico do barrio.
Convocadas pola ODS-Coia, a Parroquia Cristo da Victoria e o Grupo de Axitación Social (GAS) concentrámonos ás portas da casa consistorial para denunciar, unha vez máis, a vergoñenta e insoportable demora que están a padecer as solicitantes de Axudas de Emerxencia Municipal (AEM). Lembramos que estas, teñen como obxectivo “satisfacer necesidades básicas en relación coa alimentación, o aloxamento ou calquera outra situación que poida supoñer un factor de marxinalidade ou risco de exclusión social”. O atasco de máis de 2000 solicitudes nas dependencias de benestar social está a provocar que a resolución das AEM -que antes resolvíanse en algo máis de sete días- agora alónguense no tempo. Isto deixa a moitas persoas sen respostas a problemas tan graves como: o pago da vivenda ou de subministros básicos, a compra de alimentos básicos…
Por estas razóns, o venres 25 de abril levamos a cabo unha asemblea aberta á que estaban convidados Abel Caballero, Alcalde da cidade, e Isaura Abelairas, Concelleira de Política do Benestar, para que cumpriran coa súa obriga de informar e, sobre todo, de dar solucións. Eles nin acudiron ao evento, nin ofreceron explicacións.
Por iso hoxe achegámonos nós ao concello, para esixirlles ao alcalde e á concelleira que poñan enriba da mesa os recursos necesarios para solucionar dunha vez por todas o “colapso” na tramitación das AEM. Unha mesa e dúas cadeiras acomodamos durante a concentración para recibir as súas solucións. Quedaron baleiras.
Tras a lectura do manifesto e de berrarmos diferentes consignas, un grupo numeroso entrou na lonxa do concello. Do grupo, media ducia de persoas entraron no consistorio e tras esixir falar co alcalde ou coa concelleira de Benestar Social conseguiron manter un encontro coa concelleira. Isaura Abelairas e unha técnica do departamento escoitaron as reivindicacións por boca de tres compañeiras que volveron a por enriba da mesa as duras condicións de vida nas que nos deixan as súas políticas.