Os candidatos de AGE, BNG, CxG, PSOE e PP ás europeas aceptan o convite de Luzes e conversarán con Manuel Rivas este mércores en Vigo

Lidia Senra, Ana Miranda, Paulo Carlos López, José Blanco e Millán Món responderán as preguntas do escritor e xornalista no Auditorio Mar de Vigo

Unhas 250 persoas, entre subscritores da revista, convidados e público xeral,
poderán asistir mañá a este terceiro encontro do EspazoLuzes

O acto retransmitirase en streaming e calquera poderá intervir a través de Twitter empregando as etiquetas #EspazoLuzes e #EuropaMardeVigo
Vigo, 6 de maio de 2014. As cinco forzas políticas convocadas pola revista Luzes a unha conversa pública conducida polo escritor e xornalista Manuel Rivas, co-director desta publicación en papel, aceptaron finalmente o convite. Este mércores 7 de maio, a partir das 20 horas, estarán no Auditorio Mar de Vigo a labrega Lidia Senra, en representación de AGE; a ex-parlamentaria europea Ana Miranda, polo BNG; Paulo Carlos López, cabeza de lista de CxG; o ex-ministro José Blanco, do PSOE; e Francisco Millán Mon, o galego mellor situado na candidatura do PP. Unhas 250 persoas poderán seguir ao vivo a conversa, que tamén se retransmitirá en streaming.

O aforamento, limitado a 250 persoas que deberán acceder amosando a súa entrada, repártese entre convidados, subscritores da revista, para os que se reservaron 100 localidades, e público xeral. Calquera, estea ou non na sala, poderá trasladar as súas preguntas aos candidatos a través de Twitter, antes e durante o encontro, empregando as etiquetas #EspazoLuzes e #EuropaMardeVigo. A organización encargarase de moderar estas intervencións para evitar que a conversa se prolongue máis do aconsellable. A apertura de portas está prevista para as 19.30 horas.

«Que Europa?» é o paraugas baixo o que se acubillan estas Conversas no Mar de Vigo, terceira convocatoria do foro de debate e intercambio de ideas EspazoLuzes tras os celebrados no Ateneo Ferrolán, arredor da crise do sector naval, e no de Santiago, onde se discutiu outra reconversión máis recente: a que padece o campo do xornalismo. Desta vez as preguntas que lle trasladamos ás forzas políticas con implantación en Galicia teñen que ver coa inminente convocatoria electoral do 25 de maio e os retos que o proceso de construción europea atravesa hoxe.

A revista Luzes, unha publicación mensual en papel que botou a andar o pasado mes de decembro baixo a dirección de Manuel Rivas e Xosé Manuel Pereiro e coordinada polo xornalista Iago Martínez, vén de publicar o seu número cinco. O bloque central, “Aquí sobramos”, aproxímase ao fenómeno da emigración, a nova e a vella, e reúne crónicas periodísticas enviadas dende o Reino Unido, Dinamarca, Marrocos, Suíza, Ecuador e Holanda. Ademais das seccións habituais, contén entrevistas en profundidade coa escritora Teresa Moure, o crítico musical Jaime Gonzalo e unha muller, Celsa Díaz Cabanela, que vén de sumarse á querela contra os crimes do franquismo.

A catro meses do seu debut, a publicación supera xa os 800 subscritores e mantén estable a súa tiraxe mensual en 2.000 exemplares. Uns e outros, subscritores e lectores fieis, son o aval que vai facer posíbel, mes a mes, a publicación desta man de reportaxes, entrevistas e pezas de creación e pensamento. Ideas, historias e voces. En papel, cunha edición de calidade, en lingua galega e coa promesa de dar o salto tamén ás pantallas dos tablets e outros dispositivos móbiles de lectura a curto prazo. Non soamente unha revista. Un lugar. Un ecosistema propicio para o xornalismo. Para contar as cousas como é debido, con tempo, rigor e campo aberto por diante.

Acerca de Vgomagazine

Revista Online.

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Salir /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Salir /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Salir /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Salir /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: