A SEDE DO PARQUE NACIONAL DAS ILLAS ATLÁNTICAS SERÁ ESCENARIO ESTA TARDE DA PRESENTACIÓN DUN LIBRO SOBRE ODÓN DE BUEN, FUNDADOR DA OCEANOGRAFÍA ESPAÑOLA
O libro “Odón de Buen. Toda una vida” foi escrito por Antonio Calvo Roy, xornalista científico, que contou coa colaboración da Dirección Xeral de Conservación da Natureza e con Instituto Español de Oceanografía
A presentación terá lugar ás 20:00 horas no salón de actos do Edificio Cambón (rúa Oliva, 3) situado no Casco Vello de Vigo
Vigo, 20 de maio de 2014.- No marco das actividades que se están a desenvolver na celebración dos 100 anos do Instituto Español de Oceanografía, hoxe martes, 20 de maio, ás 20.00 horas, terá lugar en Vigo a presentación do libro Odón de Buen. Toda una vida, escrito por Antonio Calvo Roy, xornalista científico, que contou coa colaboración da Dirección Xeral de Conservación da Natureza e co Instituto Español de Oceanografía.
A presentación correrá a cargo de José Antonio Fernández Bouzas, director do Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia, dependente da Xunta de Galicia. O acto terá lugar ás 20:00 horas no salón de actos da sede do Parque Nacional, no Edificio Cambón ( rúa Oliva, 3) situado no Casco Vello de Vigo. Cabe sinalar que a entrada é libre ata completar aforo.
O obxectivo do libro é poñer en valor a figura de Ódón de Buen, un oceanógrafo e naturista español que destacou como fundador da oceanografía española.
Biografía
A publicación é unha biografía do sabio nado na cidade de Zaragoza, fundador da Oceanografía española e do Instituto Español de Oceanografía. Home de ciencia de ideas avanzadas, foi tamén catedrático das universidades de Barcelona e Madrid; senador, concelleiro de Barcelona, e como el dicía, librepensador e darwinista. Este autor foi inxustamente esquecido durante anos e neste libro preténdese reivindicar a súa figura no 150 aniversario do seu nacemento.