O EDIFICIO DA XUNTA EN VIGO CONVÉRTESE POR UN DÍA EN PLATÓ DE RODAXE COA GRAVACIÓN DA PELÍCULA “EL CLUB DE LOS INCOMPRENDIDOS”
Bambú Producciones S.L. solicitou autorización para gravar no exterior e na planta baixa do edificio administrativo.
A gravación dunha secuencia da longametraxe usando os espazos da Delegación da Xunta para simular unha Comisaría de Policía tivo lugar onte pola noite e ata ben entrada a madrugada.
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a través da Agadic, colabora coa produtora concedéndolle unha subvención a esta produción audiovisual en lingua galega que chega aos 253.000 euros.
Vigo, 28 de maio de 2013.- A Delegación Territorial da Xunta en Vigo converteuse onte pola noite en plató de rodaxe coa gravación dunha secuencia da longametraxe cinematográfica “El Club de los Incomprendidos”, producida por Bambú Producciones S.L. e que estes días está a rodar en diversas localizacións de Vigo e área.
Por un día, a sede da Xunta na cidade deixou de lado a súa función administrativa para dedicar algúns dos seus espazos ao rodaxe da película. Concretamente, a produtora solicitou autorización para gravar no exterior e na planta baixa do edificio co fin de simular unha Comisaría de Policía. Así, a rodaxe desta secuencia tivo lugar onte pola noite e ata ben entrada a madrugada.
Deste xeito, a Xunta de Galicia continúa a súa liña de abrir o edificio administrativo de Vigo á
participación cultural e social coa cesión dos seus espazos á diversos artistas, asociacións e colectivos culturais que nos últimos anos organizaron múltiples exposicións, mesas solidarias, xornadas ou congresos, entre outros. Neste caso, a colaboración chega tamén ao audiovisual galego con Bambú Producciones S.L.
Ademais, o apoio da Administración galega ao audiovisual galego tamén ven da man da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria que, a través da Agadic, colabora coa produtora concedéndolle unha subvención para esta produción audiovisual en lingua galega que chega case aos 253.000 euros.
A praia dos afogados
Outra das producións cinematográficas galegas que tamén conta co apoio da Agadic e que estes días tamén están a rodar en diversas localizacións de Vigo e a súa área é “A praia dos afogados”. Neste caso, a subvención concedida pola Xunta de Galicia á produtora Foresta Films S.L. é superior aos 208.000 euros.