ACCIÓNS DE MARKETING, PROMOCIÓN E CREACIÓN DE PRODUTO TURÍSTICO CENTRARON O PLAN DE COMPETITIVIDADE TURÍSTICA DE VIGO
O Plan de Competitividade Turística de Vigo, ‘Turismo urbano e de Ría’ tivo por obxectivo exercer un papel articulador do destino turístico e incrementar a cifra de visitantes de diferentes perfís e segmentos
Os eixos principais do plan foron a presenza do destino en feiras especializadas; o investimento en difusión a través das novas tecnoloxías; a promoción directa en destinos potencialmente emisores e a creación de produto diferencial do destino
Vigo, 29 de maio de 2014.- O director de Competitividade de Turismo de Galicia, José Luís Maestro; a delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, María José Bravo Bosch; a representante da Secretaría de Estado de Turismo, María José González Serrano, e mais o concelleiro de Turismo de Vigo, Cayetano Rodríguez, reuníronse na cidade olívica para celebrar a última comisión de seguimento do Plan de Competitividade Turística de Vigo, na que se avaliaron os resultados das actuacións desenvolvidas ao longo da execución deste proxecto de promoción turística da cidade de Vigo.
O Plan de Competitividade Turística de Vigo forma parte dos programas públicos, promovidos polo Goberno de España e as Comunidades Autónomas e as Administracións locais, de impulso á actividade turística dun territorio concreto, mediante a diferenciación e a especialización da súa oferta turística. A finalidade deste tipo de actuacións é dinamizar, a través do turismo, a actividade económica dos territorios que contan con recursos turísticos singulares pero que non desenvolveron todas as súas potencialidades.
O PCT de Vigo leva por título Turismo Urbano e de Ría e tivo por obxectivos fundamentais exercer un papel articulador do destino turístico e incrementar a cifra de visitantes de diferentes perfís e segmentos. O proxecto pivotou sobre catro eixos fundamentalmente. Así, por un lado, o plan impulsou a asistencia a eventos e feiras especializadas do sector turístico para difundir a oferta específica da cidade.
Do mesmo xeito, o proxecto centrouse na mellora das infraestruturas e da información turística dispoñible a través da implementación de novas tecnoloxías aplicadas á experiencia turística, así como á introdución de novas formas de promoción como os códigos QR ou a posta en marcha de aplicacións informáticas específicas e de programas dirixidos a segmentos especializados como pode ser o caso dos cruceiristas.
O plan centralizou os obxectivos promocionais do destino Vigo naqueles mercados potencialmente emisores de turistas e desenvolveu accións concretas dirixidas á captación tanto de novos mercados como de novos segmentos de público.
O PCT de Vigo incluíu accións destinadas á creación e paquetización dos recursos do destino e ao desenvolvemento do programa Vive Vigo, centrado na comercialización turística do destino.
Ademais, no marco do PCT creouse o Centro de Recepción de Visitantes e mais o Centro de Interpretación de Vigo e a súa Ría, que funciona como centro de información e de formación sobre o destino Vigo e que inclúe elementos interactivos e relacionados coa aplicación das tecnoloxías da información e a comunicación ao eido turístico.
O Plan de Competitividade Turística de Vigo, Turismo Urbano e de Ría levouse a cabo nos últimos anos tras a sinatura, no ano 2009, dun convenio de colaboración entre a anterior Consellería de Cultura e Turismo, o Instituto de Turismo de España (Turespaña), o Concello de Vigo e a Federación Provincial de Hostelería de Pontevedra, por un importe total de 3.900.000 euros. Cada unha das administracións implicadas: Xunta de Galicia, Turespaña e Concello de Vigo destinaron a mesma contía de 1.300.000 euros para a realización de todas as accións promocionais incluidas no mesmo.