PRESENTADAS SEIS OFERTAS PARA A EXECUCIÓN DAS OBRAS DE MELLORA DAS ESTACIÓNS DE AUTOBUSES DE VIGO, CANGAS, GONDOMAR E PONTEAREAS

 Na estación de autobuses de Vigo levaranse a cabo obras de mellora da mobilidade como a substitución das escaleiras mecánicas, entre outras
 Nas de Cangas, Gondomar e Ponteareas contémplanse actuacións como a mellora do pavimento de dársenas e plataformas, melloras de mobilidade, pintado ou colocación de bancos
 O obxecto do plan é engadir valor a estas instalacións, ao mesmo tempo que se mellora a calidade que perciben os pasaxeiros ao potenciar aspectos como a accesibilidade, información aos usuarios e supresión de barreiras

Santiago, 3 de xuño de 2014.- A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, a través da Dirección Xeral de Mobilidade, recibiu un total de cinco ofertas para as obras de mellora de accesibilidade, instalacións e sistemas de información das estacións de autobuses de Vigo, Cangas, Gondomar e Ponteareas. Medio Ambiente licitou estas obras por un importe de 303.108 euros e na actualidade está a analizar as ofertas presentadas para adxudicalas e iniciar as obras tras a sinatura do contrato.

Este contrato enmárcase dentro do Plan Renove das estaciones de autobuses de Galicia, que ten como obxectivo mellorar e modernizar a rede de estacións de transporte público por estrada da comunidade autónoma.

Estación de Vigo
Compre recordar que o investimento de maior envergadura corresponde á estación de autobuses de Vigo, onde a Dirección Xeral de Mobilidade achegará 263.755 euros. O máis destacable serán as melloras de accesibilidade, entre as que cabe salientar a substitución das escaleiras mecánicas existentes, unha delas inutilizada, por outras máis anchas e a substitución do mecanismo de apertura dos ascensores de xeito que as portas sexan corredeiras e de apertura automática.

Ademais, construirase un itinerario adaptado no acceso peonil principal e pintarase un paso de peóns no acceso posterior da estación, cos correspondentes vados peonís e colocación de sinais. O proxecto tamén inclúe a reparación dos canlóns existentes na cuberta.

Na estación olívica xa se acometeron o pasado ano obras de mellora por un importe superior aos 62.000 euros, polo que o investimento total achégase aos 325.000 euros. Ditas actuacións efectuáronse logo da inspección realizada por técnicos da Dirección Xeral de Mobilidade, que detectaron unha serie de deficiencias.

A empresa concesionaria da infraestrutura, como responsable do mantemento da estación, fíxose cargo dunha parte das melloras previstas, como a a instalación de portas automáticas novas de acceso á estación de autobuses; reparáronse os ascensores e sinalizáronse; repintáronse os aparcamentos para persoas con mobilidade reducida; mellorouse o sistema de iluminación, especialmente na zona das dársenas; e reparáronse os accesos á estación. Así mesmo, elimináronse as pintadas existentes, repintáronse os piares e paredes das dársenas ata media altura e reparáronse os falsos teitos, substituíndo os deteriorados.

Outras estacións
Na estación de Cangas do Morrazo as obras centraranse na colocación de bancadas na zona de dársenas, a adaptación de aseos para persoas con mobilidade reducida e a reparación dos pavimentos de acceso peonil, plataforma e dársenas Así mesmo, realizaranse outras melloras como a reparación de canalóns, baixantes e impermeabilización de terrazas.

Na estación de Gondomar acometerase o pintado dunha zona de aparcamento para persoas con mobilidade reducida, coa súa debida sinalización e execución de vado. Pintaranse pasos de peóns, cos correspondentes vados peonís, mellorarase a drenaxe da estación e repararanse os aseos, ademais de colocar bancos para a espera. No caso de Ponteareas, tamén se procederá ao pintado de paso de peóns, creación de vados peonís e colocación de sinais, reparación do pavimento nas dársenas e reparación dos aseos.

Plan Renove
O obxecto do plan é engadir valor a estas instalacións de servizo público, ao mesmo tempo que se mellora a calidade que perciben os pasaxeiros ao potenciar aspectos como a accesibilidade, información aos usuarios e supresión de barreiras arquitectónicas. Tendo en conta que a maioría das estacións da rede galega foron construídas nos anos 70,80 e 90 e por tanto non están adaptadas para as novas esixencias normativas de accesibilidade (tanto dos modos de transporte como dos usuarios), detéctase unha clara necesidade de adaptación de elementos para facer posible este obxectivo. O plan finánciase con cargo ao Programa Operativo do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), que dentro dos seus obxectivos estratéxicos pretende reforzar o desenvolvemento das infraestruturas ambientais e de transportes.

 

About Vgomagazine

Revista Online.

Deja un comentario