A XUNTA INVISTE ESTE ANO MÁIS DE 85.000 EUROS NA REFORMA DA INSTALACIÓN ELÉCTRICA E NO CAMBIO DA CUBERTA DO CEIP VICENTE RISCO
A reforma, que afectará á totalidade da cuberta, realizarase nos dous próximos meses para non interferir no día a día da comunidade educativa.
A delegada territorial da Xunta en Vigo, María José Bravo Bosch, visitou hoxe o centro para comprobar os traballos xa realizados na instalación eléctrica.
O CEIP Vicente Risco está acollido ao proxecto Abalar, conta con seccións bilingües, foi seleccionado para desenvolver contratos-programa e tamén participou do programa de distribución de froita fresca ao alumnado, entre outros.
Vigo, 19 de xuño de 2014.- A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, realiza este ano un importante investimento no CEIP Vicente Risco que supera os 85.000 euros.
Concretamente, xa se levou a cabo unha importante reforma e adecuación da instalación eléctrica á normativa vixente por un importe de case 22.000 euros. A maiores, nos dous próximos meses, a Administración educativa executará a reforma integral da cuberta do centro co fin de eliminar as filtracións de auga. Para esta obra, se dedicará un orzamento total que supera os 63.000 euros.
A delegada territorial da Xunta en Vigo, María José Bravo Bosch, acompañada polo xefe territorial de Educación, César Pérez Ares, e xunto á directora do colexio, Obdulia Cristobo, visitou esta mañá o centro escolar para supervisar o estado das obras xa realizadas e explicar a nova actuación de cambio da cuberta que se va a levar a cabo nos meses de verán para non interferir no día a día da comunidade educativa.
Bravo Bosch destacou así as actuacións a executar no centro escolar ademais de resaltar que se trata dun colexio de Educación Infantil e Primaria “moi dinámico” con 110 alumnos e alumnas que está acollido ao proxecto Abalar, ten seccións bilingües e foi seleccionado para levar a cabo contratos-programa para actuacións de reforzo, orientación e apoio e tamén para a mellora da lectura, da escritura e do calculo. Tamén é partícipe do programa de distribución de froita fresca ao alumnado entre outros plans aos que está adscrito.
O cambio na cuberta
As obras de reforma da cuberta consistirán en desmontar á existente para colocar a nova cuberta a base de panel conformado de chapa de aceiro prelacado e illante de espuma de poliuretano; logo procederase á desmontaxe do canlón interior actual e eliminación do peto de cuberta no corpo do edificio orixinal para proceder á disposición do novo canlón de chapa de aceiro prelacado cara ao exterior en todo o perímetro das cubertas, incluíndo así a subestrutura de soporte nas zonas interiores; entronque do novo canlón ás baixantes existentes e selado dos remates de chapa das ventás das fachadas na ampliación en altura. A obra é necesaria para impedir as filtracións dende a cuberta así como as humidades nas paredes interiores, descunchados das pinturas de teitos e cerramentos.
SAÚDOS,