BENESTAR INCREMENTARÁ AS AXUDAS DE EMERXENCIA DESTINADAS A CUBRIR NECESIDADES BÁSICAS E A COLABORACIÓN COA FEDERACIÓN DE BANCOS DE ALIMENTOS

 A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, anunciou hoxe o reforzo destas dúas medidas no Parlamento galego co fin de garantir o sustento das familias con menores a cargo que estean en risco de exclusión
 Destacou que este “compromiso irrenunciable” non rematará “nin se limitará só aos meses de xullo e agosto”
 Esta decisión tomouse tras o diálogo coas entidades do terceiro sector, sociedades de pediatría e coas Anpas, que na meirande parte consideraron que a resposta máis axeitada é atender directamente aos nenos e as súas familias
 Estas medidas complementan outras actuacións que xa se están levando a cabo en materia de inclusión

Santiago, 26 de xuño de 2014.- A Consellería de Traballo e Benestar incrementará as axudas de inclusión social destinadas a cubrir as necesidades básicas, así como tamén aumentará o financiamento destinado á Federación de Banco de Alimentos, co fin de garantir o sustento das familias con menores a cargo que están pasando maiores dificultades.

Así o anunciou hoxe a titular do departamento autonómico, Beatriz Mato, no Parlamento galego, onde resaltou que “a mellor solución que se pode dar aos nenos que teñen problemas de alimentación pasa por axudar ás súas familias”.

Trátase, polo tanto, de reforzar ferramentas que xa están en marcha. Así, detallou que o aumento do orzamento destinado á Federación galega de Banco de Alimentos completarase cunha actuación coordinada cos concellos, co fin de que os alimentos cheguen directamente ás familias que os necesiten. Pola súa banda, tamén se dotará de crédito adicional ás axudas de inclusión. En ambos casos, priorizarase ás familias que teñan nenos ao seu cargo.

Este “compromiso irrenunciable” coas persoas que peor o están a pasar esténdese “a todo o ano”, xa que non se trata de “poñer un parche no verán que se limite só aos meses de xullo e agosto”, de aí que se aposte por unha “solución conxunta na que o máis importante é a protección do menor”, subliñou a conselleira. “O noso é un compromiso continuado no tempo, que non empeza nin remata neste verán”, insistiu

O obxectivo é garantir o sustento destas familias en situación de vulnerabilidade e, moi especialmente, dos menores. “E farémolo desde xa, dun xeito non puntual, e para isto utilizaremos os fondos que sexan necesarios ata garantir que ningún neno se atope desprotexido”, destacou.

A decisión de reforzar estas dúas medidas vén precedida por un importante traballo previo. De feito, o departamento leva traballando xa desde xaneiro na elaboración dun estudo de pobreza infantil, que estará previsiblemente rematado este mes. O obxectivo do mesmo é ter datos concretos que permitan á Administración “actuar de xeito ordenado”.

Ademais, tamén se mantiveron contactos –a maiores dos xa habituais- con diversas entidades para coñecer a súa opinión e tratar de poñer en marcha a mellor solución posible. En concreto, houbo diálogo con Cáritas, EAPN, Cruz Vermella, Sociedade de Pediatría, Colexio de Traballadores Sociais, Congapa e Confapa.

A opinión das distintas entidades “respalda” á que se mantén desde a Consellería, isto é, que a resposta “máis axeitada” é atender aos nenos e nenas nas súas familias.

Con todo, Mato recordou que estas medidas que se reforzan agora veñen a completar as que xa existen en materia de inclusión. En concreto, as partidas globais destinadas en 2014 a este colectivo ascende a 59,2 millóns de euros, o que supón un 13,6 por cento máis que en 2013. Dentro deste orzamento, o financiamento da RISGA tamén se incrementou, un ano máis, cunha partida de 39,7 millóns para 2014, que xa se ampliou este ano ata os 42,3 millóns; así como tamén aumentou a orde de entidades de iniciativa social, que conta con 3,7 millóns de euros, un 14 por cento máis que no 2013.

Acerca de Vgomagazine

Revista Online.

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Salir /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Salir /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Salir /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Salir /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: