GALICIA, ARAGÓN, ASTURIAS, CASTELA E LEÓN, CASTELA A MANCHA E ESTREMADURA PIDEN AO GOBERNO QUE LIDERE UNHA ESTRATEXIA NACIONAL SOBRE O CAMBIO DEMOGRÁFICO

 Estas seis comunidades acordaron trasladar o debate demográfico ao Congreso e ao Senado impulsando unha Proposición non de Lei na Cámara baixa e a presenza destas autonomías na ponencia sobre despoboación creada no Senado
 Impulsarase a creación dun “lobby” no seno da Rede europea de rexións con desafíos demográficos
 Proporase a presentación dun ditame conxunto, por parte das seis comunidades autónomas, no Comité das Rexións
 Estas foron as principais conclusións do III Encontro interterritorial celebrado hoxe en Mérida, no que participou a conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato
 Mato avanzou que Galicia creará un Observatorio en materia demográfica e que abordará coa Fegamp a necesidade dun maior apoio ás familias por parte dos servizos sociais municipais

Mérida (Badajoz), 30 de xuño de 2014.- Os gobernos autonómicos de Galicia, Aragón, Asturias, Castela A Mancha, Castela e León e Estremadura acordaron demandar á Vicepresidencia do Goberno do Estado unha reunión para abordar as necesarias accións que se derivan do cambio demográfico que se está producindo en España, das que estas rexións constitúen un indicador adiantado. Neste sentido, tense solicitado a creación dun grupo de traballo que, liderado polo Goberno de España, inicie os pasos necesarios para culminar a elaboración dunha Estratexia nacional polo cambio demográfico e do que formen parte tanto as comunidades autónomas nas que os retos demográficos son máis acentuados, como os municipios, a través da Federación Española de Municipios y Provincias.

Este é un dos acordos adoptados no Terceiro Encontro Interterritorial polo Cambio demográfico, celebrado na sede da Presidencia do Goberno de Estremadura en Mérida.

Ademais, estas seis comunidades autónomas teñen decidido, igualmente, activar a Proposición non de lei sobre o desafío demográfico no Congreso dos Deputados e solicitar a súa presenza na ponencia sobre despoboación creada no Senado o pasado 8 de abril.

Tamén se propuxo a creación dunha plataforma ou “lobby” no seno da Rede europea de rexións con desafíos demográficos co obxectivo de sumar esforzos para incluír os parámetros das comunidades autónomas con problemas demográficos na avaliación da Estratexia 2020, aberta a consulta pública ata o próximo mes de outubro.

No Foro tamén se decidiu concretar reunións cos novos comisarios responsables, e coas comisións relevantes do parlamento tras as recentes eleccións europeas. O obxectivo é que o reto demográfico sexa prioritario nos programas de financiamento de cara á Estratexia Europea 20/20, partindo do Acordo de asociación de España coa Unión Europea para o período 2014-2020, que prevé que se incorporen medidas relativas ao cambio demográfico durante os próximos anos.

Estas seis comunidades autónomas mostran un saldo vexetativo e unha taxa de natalidade inferiores á media de maneira sostida durante os últimos anos, alta mortalidade, descenso de poboación, abandono de zonas rurais en favor das grandes e medianas cidades; todo isto acompañado dun alto índice de envellecemento e taxa de dependencia, e redución da poboación activa e da poboación de menos de 16 anos.

As proxeccións de poboación elaboradas polo Instituto Nacional de Estatística (INE) indican unha perda progresiva de habitantes nas próximas décadas, especialmente entre a poboación en idade laboral. En 2013 os nacementos caeron en España por quinto ano consecutivo, e o crecemento vexetativo da poboación é agora o máis baixo rexistrado desde o ano 2000.

A cumbre demográfica de Mérida contou coa presenza da conselleira de Traballo e Benestar de Galicia, Beatriz Mato; do Conselleiro de Facenda e Administración Pública do Goberno de Estremadura, Clemente Checa; de Política Territorial e Interior do Goberno de Aragón, Antonio Suárez; Presidencia e Portavoz do Goberno de Asturias, Guillermo Martínez; Presidencia e Portavoz da Xunta de Castela e León, José Antonio de Santiago-Juárez; e a Directora xeral de desenvolvemento de estratexia Económica, María Teresa Giménez.

As rexións tamén decidiron proseguir coas reunións periódicas de seguimento e levar a cabo un novo Encontro interterritorial en Cuenca.

Accións en Galicia
A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, aproveitou a súa intervención para destacar as novas medidas que está a deseñar este departamento autonómico, que se sumarán a todas as accións que xa se desenvolveron ata agora.

Así, citou que se convocará un encontro coa Federación galega de municipios e provincias (Fegamp) co fin de que os servizos sociais de competencia municipal tamén presten un apoio especial ás familias.

Ademais, iniciaranse os trámites para crear un Observatorio galego de dinamización demográfica, de carácter transversal, que conte tamén coa participación dos axentes sociais. Este ente será un instrumento importante de cara a avanzar nas medidas de conciliación, que é “sen dúbida” unha das cuestións vencelladas ao impulso á natalidade e á infancia.

Xa por último, e como terceira actuación novidosa, Galicia propón a presentación dunha candidatura para un proxecto de cooperación en materia de dinamización demográfica xunto a Portugal, que se desenvolverá no marco da nova convocatoria do POCTEP 2014-2020. Neste proxecto poderanse incluír, entre as súas actividades e obxectivos a elaboración de ferramentas conxuntas, accións de sensibilización, intercambios de boas prácticas, accións formativas e informativas ou a posta en marcha de experiencias piloto en empresas, entre outras

 

About Vgomagazine

Revista Online.

Deja una respuesta

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Salir /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Salir /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: