O paro rexistrado en Galiza no mes de agosto baixa até as 236.939 persoas grazas á contratación temporal

cig

Tan só o 5,7% das novas altas laborais rexistráronse baixo algunha das modalidades de contratos indefinidos

O paro rexistrado en Galiza durante o pasado mes de agosto descendeu até as 236.939 persoas -o que representa unha baixada do 1,39% (3340 desempregados/as menos) con respecto ao mes anterior- grazas á contratación temporal. Tan só o 5,7% das novas altas laborais rexistradas neste período foron baixo algunha das modalidades de contratos indefinidos.

Pola contra, no conxunto do Estado español o incremento do desemprego foi do 0,18%, tendencia semellante á de anos anteriores: mentres en Galiza continúa descendendo o número de desempregados/as en agosto -aínda que en menor medida que nos meses anteriores-, no Estado español este período xa se caracteriza por un incremento dos parados/as rexistrados/as.

O mesmo sucede coa evolución sectorial; en Galiza descende o desemprego en todos os sectores e no Estado español aumenta. No caso galego o maior descenso rexistrouse no sector da construción, onde baixou o desemprego un 2,87%, seguido da industria cun 1,39% menos; no caso dos servizos o descenso foi do 0,9%.

A análise da contratación axuda a explicar os datos anteriores e reflicte unha situación laboral realmente preocupante, a saber: tan só o 5,7% dos contratos rexistrados foron inscritos baixo algunha modalidade de contratación indefinida (a porcentaxe máis baixa de todo o ano); o 80% pertencen a algunha rama do sector servizos e os máis novos apenas se ven beneficiados dos novos contratos, especialmente dos indefinidos, nos que son residuais. No que respecta á afiliación á Seguridade Social o incremento foi unicamente do 1,1%.

Como ven sendo habitual os datos do mes de agosto teñen a súa explicación na estacionalidade do emprego, “e non no feito de que nos atopemos ante un cambio de ciclo como nos queren facer crer dende o Goberno”.

Dende a CIG consideran que esta situación verase agravada cando se poña en marcha o plan de “explotación e emigración da mocidade” que vén de aprobar o PP no Congreso e que, novamente, pretende atallar o problema do desemprego xuvenil pola vía en precarizar máis as condicións laborais (foméntanse as modalidades do contrato de formación e de aprendizaxe) e desviar inxentes recursos cara ás empresas, mediante bonificacións. Unha política que xa demostrou o seu fracaso, porque o problema da contratación radica fundamentalmente na falta de actividade económica.
No que atinxe os beneficiarios/as de prestacións por desemprego salientan que tan só o 53 % percibiu algunha axuda durante o mes de xullo, concretamente 126.690 persoas, das que unicamente 57.829 foron prestacións contributivas.

Diante disto, o secretario confederal de Emprego e Industria, Miguel Malvido, lembra que “cada vez hai menos desempregados/as cobrando unha prestación contributiva e cada vez hai menos cobrando subsidio; a falta de ingresos coloca a miles de galegos/as ao borde da exclusión social sen que se articule medida algunha para paliar esta situación”.

Finalmente, denuncia que con esta evidente falta de alternativas laborais e diante da ausencia de políticas económicas e sociais que permitan albiscar mudanzas reais na situación, a mocidade segue a emigrar facendo perigar o futuro do país.

Acerca de Vgomagazine

Revista Online.

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Cerrar sesión /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: