MEDIO AMBIENTE REMITE AOS CONCELLOS DA ÁREA DE VIGO O BORRADOR DE CONVENIO DO PLAN DE TRANSPORTE METROPOLITANO, CO FIN DE QUE POIDAN ANALIZALO E AVANZAR CARA A SÚA APROBACIÓN

 Coa posta en marcha do Plan de Transporte metropolitano, un vigués que acuda a traballar todos os días ao Porriño podería aforrar unha media de 800 euros ao ano
 O documento remitido hoxe segue o mesmo plantexamento que o do resto de áreas nas que xa está implantado con éxito e establece o mesmo grado de compromiso para todas as partes
 A Xunta asume o 80% da subvención de todas as viaxes metropolitanas, mentres que aos concellos correspóndelles o 20%
 O borrador do convenio contén especificadas as achegas económicas que deben asumir os municipios en cada anualidade durante o tempo de vigor do acordo

Santiago, 23 de setembro de 2014.- A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Ethel Vázquez, remitiu hoxe o borrador do convenio aos 14 concellos implicados na posta en marcha do Plan de Transporte Metropolitano en Vigo. O obxectivo desta iniciativa é que cada administración local analice o contido do acordo e, se é o caso, propoña os cambios que considere necesarios, para iniciar a súa tramitación municipal. Dita formalización constitúe o paso previo e necesario para a súa aprobación e sinatura, que permitirá a súa posta en marcha.

O Plan de Transporte Metropolitano de Galicia é un conxunto de actuacións e directrices de coordinación, encamiñadas a mellorar a competitividade da oferta de transporte público colectivo no ámbito das 7 grandes áreas urbanas de Galicia. No caso da área de Vigo, esta iniciativa integra aos concellos de Cangas, Moaña, Redondela, Mos, O Porriño, Salceda de Caselas, Gondomar, Baiona, Nigrán e Vigo, é dicir, máis de 450.000 habitantes.

O borrador de convenio remitido hoxe aos concellos propón un acordo equilibrado e segue o mesmo plantexamento que o do resto de areas nas que xa está implantado. Ademais, o documento establece o mesmo grado de compromiso para todas as partes.

Así, na área de Vigo aplicaranse os mesmos criterios que no resto de áreas nas que está a funcionar con éxito o Transporte Metropolitano. Dese xeito, as bonificacións das tarifas son cofinanciadas polas diferentes administracións, de tal forma que todas as viaxes de carácter metropolitano son subvencionadas, asumindo a Xunta o 80% da bonificación e os concellos da área o 20%. Así mesmo, o Goberno galego abonaría o 100% do prezo que actualmente están a pagar os usuarios con tarxeta polos transbordos desde os buses metropolitanos aos urbanos.

O importe que cada municipio debe asumir, segundo o borrador, é a mesma cantidade que xa se lles plantexou a finais de xullo, nunha reunión na que se presentaron os resultados do estudo de mobilidade realizado na área de Vigo. O borrador do convenio remitido hoxe aos concellos contén especificadas as contías exactas que os municipios deben achegar en cada anualidade durante o período de vixencia do plan.
CONCELLO 20151 2016 2017 2018 2019
BAIONA 19.476 40.316 41.727 43.187 44.699
CANGAS 55.872 115.654 119.702 123.892 128.228
FORNELOS 234 484 501 518 536
GONDOMAR 13.023 26.958 27.902 28.878 29.889
MOAÑA 23.911 49.496 51.229 53.022 54.877
MOS 4.847 10.033 10.384 10.748 11.124
NIGRÁN 30.012 62.126 64.300 66.550 68.880
PAZOS DE BORBÉN 377 781 808 837 866
PORRIÑO 14.229 29.455 30.486 31.553 32.657
REDONDELA 24.506 50.728 52.503 54.341 56.243
SALCEDA 3.085 6.386 6.609 6.840 7.080
SALVATERRA 1.818 3.764 3.895 4.032 4.173
SOUTOMAIOR 3.894 8.060 8.342 8.634 8.936
VIGO 2.374 4.914 5.086 5.264 5.449
XERAL 197.658 409.155 423.474 438.296 453.637
1As achegas correspondentes ao ano 2015 axustáronse proporcionalmente aos meses de vixencia do plan nese período (6 meses).
O Plan de Transporte Metropolitano leva aparelladas moitas vantaxes ambientais e sociais e permite, de xeito destacado, importantes aforros económicos para os usuarios. A modo de exemplo, un residente en Vigo que traballe en Porriño e que teña que coller o bus urbano e o metropolitano paga hoxe 2,44 euros; mentres que coa tarxeta metropolitana pagará 0,84 céntimos. É dicir, un vigués que traballe todos os días en Porriño –coa posta en marcha do Plan- aforraría unha media de case 800 euros ao ano.

Outro exemplo sería o dun veciño que desexe ir ás praias de Moaña. Poderá ir en transporte urbano ata o Porto e alí coller o barco para cruzar a ría pola terceira parte (preto do 60% menos) de cartos que actualmente, é dicir, custaralle menos que só o billete sinxelo do urbano .

A Xunta traslada aos concellos implicados neste proxecto a súa vontade de colaboración para a posta en marcha desta iniciativa, xa que os veciños dos 14 concellos que integran esta área metropolitana deben ter acceso a un servizo de transporte público que lles conecte con grandes vantaxes como a tarxeta única de transportes ou os transbordos gratuítos.

Nun prazo de 15 quince días, o Goberno galego retomará o contacto cos concellos, para confirmar a posibilidade de iniciar a tramitación municipal, para a aprobación do documento polo Consello da Xunta.

About Vgomagazine

Revista Online.

Deja una respuesta

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Salir /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Salir /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: