Archivo | octubre 11, 2014

O GRUPO POPULAR INSTA Á XUNTA A POÑER EN MARCHA UNHA CAMPAÑA DE PROMOCIÓN E POSTA EN VALOR DO MEXILLÓN DE GALICIA

mejillon-grande

O voceiro do Mar, Jose Manuel Balseiro, di que esta campaña contribuirá a reforzar a imaxe do mexillón galego ante os seus potenciais consumidores, como produto de máxima calidade, prestixio gastronómico e nutricional e con totais garantías de salubridade

• A iniciativa permitirá contrarrestar tamén as consecuencias que, para o sector, puideron supoñer a sucesión das mareas vermellas dos últimos meses

Santiago, 11 de outubro de 2014.- O voceiro do Mar dos populares galegos, Jose Manuel Balseiro, explicou hoxe que o Grupo Popular no Parlamento de Galicia vén de rexistrar unha iniciativa pola que se insta á Xunta á posta en marcha dunha campaña de promoción e posta en valor do mexillón de Galicia.

Os populares cren que esta iniciativa contribuirá a reforzar a imaxe do mexillón galego ante os seus potenciais consumidores como produto de máxima calidade, prestixio gastronómico e nutricional e con totais garantías de salubridade.

Á súa vez estes argumentos positivos, reforzados a través do plan de promoción, permitirán contrarrestar as consecuencias que, para o sector, puideron supoñer a sucesión das mareas vermellas, sumadas ás alertas sanitarias emitidas por algúns países e atribuídas, nun primeiro momento, ao mexillón de orixe galega.

SUPERVISIÓN E VIXILANCIA

Neste senso, Balseiro quixo lembrar a importancia de que os consumidores coñezan as garantías de calidade e salubridade do mexillón galego, a supervisión e vixilancia constante do Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia (INTECMAR), así como a existencia de análises periódicas do Consello Regulador.

O deputado popular defende que o sistema galego de control de biotoxinas é un dos máis avanzados do mundo, así como a garantía para poder asegurar con certeza que todo o mexillón que se consuma polas canles legais non ten ningún tipo de problema

IMPORTANCIA SOCIAL E ECONÓMICA

Desde o Grupo Popular consideran que a tradición histórica e a importancia socioeconómica que o mexillón ten en Galicia converte á miticultura, ou cultivo deste molusco bivalvo, nunha das principais actividades económicas de numerosas poboacións da costa galega, de xeito especial, nas Rías Baixas.

Balseiro lembra que só nosa Comunidade existen unhas 3.300 bateas distribuídas ao longo das diferentes rías que, sumadas a outros métodos de produción, xeran entorno a 8.500 empregos directos e 7.000 indirectos, ocupa a máis de 1.000 embarcacións auxiliares e xera un valor en primeira venda que entorno aos 100 millóns de euros. A estes datos habería que engadir as cifras correspondentes aos provedores de equipos e transporte e ás empresas auxiliares como son as estacións depuradoras, cocedoiros de moluscos e fábricas de conserva.

Todos estes datos, conclue o voceiro do Mar dos populares galegos, demostran que o sector mexilloeiro ten en Galicia unha altísima transcendencia económica, directa e multiplicadora, sobre o emprego e o desenvolvemento económico dos concellos situados nas beiras das rías galegas.

CULTIVO NATURAL E RIQUEZA GASTRONÓMICA

Pero por si a trascendencia social e económica da miticultura non fóra suficiente, Balseiro tamén lembra que o mexillón galego está ademais vinculado a unha forma natural de cultivo, baseada nunha relación respectuosa co medio ambiente. E, ao mesmo tempo, posúe unhas características organolépticas de alta consideración gastronómica.

Hoxe, as rías galegas constitúen un dos máis importantes depósitos de fitoplancto do planeta, e é esa abundancia do principal alimento do mexillón a que outorga unha palatalidade, textura, sabor e cor, que diferencian a nosa materia prima da de calquera outra orixe.