Fogasa: do despedimento ao desamparo

por Héctor López de Castro Ruíz (avogado da CIG)
Constituído en 1976, após a ratificación da Convención 117 da OIT, o Fondo de Garantía Salarial (Fogasa) serviu durante décadas para adiantar ás traballadoras e traballadores o cobro dos seus salarios pendentes de pagamento e das indemnizacións procedentes en caso de insolvencia empresarial ou concurso de acredores. Hoxe é un organismo sobrecargado de traballo, externalizado na súa xestión e depauperado nos seus recursos, xusto no momento en que máis falta fai: en poucos anos, o Fogasa multiplicou por cinco o seu volume de traballo –de 39.032 expedientes resoltos en 2007 a 154.357 en 2013–.

Demoras inaceptábeis…

A desfeita do Fogasa é unha proba evidente de que entre as prioridades do Goberno de Mariano Rajoy non está a protección das persoas que perden os seus empregos como consecuencia da crise. Tomando os dados de agosto de 2013 –o mes anterior ao comezo da externalización da xestión– o tempo medio de tramitación de expedientes era de 322,39 días en Pontevedra, 285,54 días na Coruña, 34,14 días en Ourense e 23,39 días en Lugo. As provincias atlánticas galegas están entre as que presentan un panorama máis desolador no conxunto do Estado, con centos de traballadoras e traballadores que se ven sen traballo e sen sustento, por causa da demora no pagamento das prestacións a que teñen dereito. Hai casos que raian no grotesco: en Lugo, os expedientes estiveron parados durante meses pola xubilación dun funcionario.

…nunhas prestacións xa reducidas

Coa reforma legal aprobada por Real decreto-lei 20/2012, do 13 de xullo, rebaixáronse os topes para o cálculo da prestación satisfeita polo Fogasa, pasando a considerarse como base de cálculo o duplo do salario mínimo interprofesional (SMI), cando antes era o triplo. Reduciuse tamén o número de días que o organismo debe aboar por salarios insatisfeitos: de 150 días a 120 días.

Esta modificación supuxo que o importe total das prestacións se reduza de 11.224,5 euros –indemnización calculada co SMI do ano 2012, máis a parte proporcional das pagas extraordinarias, multiplicado por tres, co tope de 150 días– a un importe total de 5.986,40 euros –calculado do mesmo xeito, mais co duplo do SMI en vez do triplo e o tope de 120 días–. Isto supón unha rebaixa de máis do 40% na cobertura das remuneracións salariais, de modo que se a empresa for declarada insolvente ou en concurso de acredores, haberá unha parte, case o 60% dos salarios do traballador ou traballadora, que xa non cobrará en ningún caso, e que se incrementará proporcionalmente en relación co salario que exceda do duplo do SMI (1.290,60 euros en 2014).

A respecto das indemnizacións, haberá que levar en conta o mesmo límite, mais co salario vinculado a unha anualidade.

Unha externalización desastrosa

As situacións de necesidade creadas pola demora nos pagamentos do Fogasa levaron a adoptar unha solución extrema a mediados de 2013: unha encomenda de xestión á empresa pública Tragsatec, filial de Tragsa, para a resolución de 181.000 expedientes pendentes, máis un volume descoñecido de expedientes non dixitalizados. Por cada un deles pagáronse 20 euros, un custo desmesurado que permitiría reforzar o exiguo cadro de persoal do organismo.

O esperpéntico da situación foi que o grupo Tragsa decidiu presentar o seu propio ERE nesas mesmas datas, afectando a 803 traballadores de Tragsatec. Para levar a cabo a encomenda, a empresa tivo que contratar 80 novos traballadores que, como é lóxico, non contaban coa formación adecuada. Isto provocou unha parálise case total dos pagamentos, dándose o paradoxo de que persoas que solicitaran prestacións do Fogasa despois de outubro de 2013 viron resoltos os seus expedientes antes que outras que o fixeran antes de abril de 2012: case dous anos de demora.

Como en tantos outros casos, a situación do Fogasa non é o resultado fortuito dun cúmulo de erros, senón a consecuencia dun proceso consciente de degradación dun servizo público para xustificar a súa privatización. Coa agravante de que, neste caso, quen o sofre son milleiros de traballadores e traballadoras que xa foran castigadas co infortunio do desemprego.

About Vgomagazine

Revista Online.

Deja una respuesta

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Salir /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Salir /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Salir /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Salir /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: