OS PARTICIPANTES NA CAMPAÑA MÁIS QUE COMERCIO! ELIXEN COMO ESTABLECEMENTO FAVORITO DE O PORRIÑO A AUTOESCUELA CARRIL 32
A delegada territorial da Xunta en Vigo, María José Bravo Bosch, entregou o recoñecemento ao negocio que máis clicks recibiu no xogo en liña http://www.maisquecomercio.com, no que os clientes podían optar a diferentes premios votando o seu comercio preferido en cada un destes centros comerciais abertos
A iniciativa da Consellería de Economía e Industria desenvolveuse durante todo o mes de setembro nos comercios asociados a este CCA co obxectivo de impulsar as vendas e reforzar o comercio de proximidade
O Porriño, 22 de outubro de 2014.- A delegada territorial da Xunta en Vigo, María José Bravo Bosch, entregou hoxe o recoñecemento ao establecemento elixido como favorito polos clientes participantes na campaña da Xunta Centros Comerciais Abertos, Máis que comercio! no centro comercial aberto do Porriño.
O establecemento elixido foi Autoescuela Carril 32. Este centro pertencente ao CCA da localidade foi o que máis clicks recibiu en http://www.maisquecomercio.com, web na que os clientes podían participar durante todo o mes de setembro nun xogo en liña por cada 5€ de compra e optar a diferentes premios ao tempo que elixían o seu comercio preferido. No mes no que durou a campaña, este CCA rexistrou en total preto de 5.300 participacións sendo Autoescuela Carril 32 a máis votada con 388 clicks.
A delegada da Xunta en Vigo foi a encargada xunto co concelleiro de Comercio da localidade, Marcelino Coto, de entregar esta mañá o diploma ao establecemento máis votado, así como os agasallos aos clientes gañadores.
Bravo Bosch salientou que Máis que comercio!, que está a percorrer Galicia durante todo o ano, celebrándose cada mes en cinco centros comerciais abertos diferentes, ten por obxectivo resaltar os valores do comercio de proximidade, como son a calidade, o trato ao cliente ou a variedade, ademais de resaltar o traballo dos centros comerciais abertos, unha fórmula que permite, desde o asociacionismo, o desenvolvemento de estratexias comerciais e a prestación de servizos de forma conxunta no pequeno comercio para mellorar a súa competitividade.
Lembrou a delegada que o impulso ao asociacionismo é un dos eixos da estratexia específica da Consellería de Economía e Industria de apoio ao comercio de proximidade, salientando a importante labor que desenvolven os centros comerciais abertos.