PRESENTACIÓN DA NOVA NOVELA DE FRANCISCO CASTRO
O escritor vigués Francisco Castro presenta a súa nova novela TES ATA AS 10 mañá martes ás 20 horas na Casa do Libro.
Unha trepidante novela de intriga que está atrapando a lectores e críticos.
O escritor vigués Francisco Castro presentará mañá martes na Casa do Libro de Vigo a súa nova novela titulada TES ATA AS 10 acompañado pola autora Inma López Silva e o director xeral de Galaxia, Víctor F. Freixanes.
En TES ATA AS 10, Francisco Castro constrúe unha trepidante historia que atrapa aos lectores e lectoras dende o primeiro instante obrigándoos a seguir ata o final e desentrañar o misterio que encerran as súas páxinas.
A historia parte dun correo electrónico que o protagonista da novela recibe de parte do seu pai. O problema é que o seu pai está morto. A partir desa estrañísima mensaxe, o pai, ou quen por el se fai pasar, vai dirixindo ao protagonista (a partir de sms, mails, notas en distintos lugares, etc.) por unha investigación que o vai levar a desentrañar unha terrible historia do pasado que no seu día non puido ser contada. Polo medio, dúas historias de amor sorprendentes. E unha revisión da nosa historia recente.
Unha novela que está chamada a enganchar ás lectoras e lectores para non deixalos marchar ata o punto e final do libro.