BENESTAR INCREMENTARÁ EN 2015 NUN 13,5% AS AXUDAS PARA PROXECTOS DE VOLUNTARIADO XUVENIL QUE CHEGARÁN AOS 500.000 EUROS
A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, presidiu hoxe en Santiago o II Encontro da Rede de Centros Solidarios
Preto de 1.400 alumnos de 13 centros de toda Galicia participaron este ano en proxectos solidarios, ben no propio centro ou en colaboración cunha entidade de voluntariado
Mato avanzou que a Xunta lle dará continuidade a partires de 2015 ao Plan Galego de Acción Voluntaria
Santiago, 7 de novembro de 2014.- A Consellería de Traballo e Benestar incrementará o próximo ano as axudas a entidades locais e de acción voluntaria para proxectos de voluntariado xuvenil nun 13,5 por cento ata alcanzar os 500.000 euros.
Así o avanzou hoxe a titular do departamento autonómico, Beatriz Mato, en Santiago no II Encontro da Rede de Centros Solidarios. Esta iniciativa abre as portas do voluntariado aos mozos e mozas de Galicia e potencia ao máximo a súa vocación solidaria. Así, este ano participaron nesta actuación 1.383 alumnos e alumnas, de entre 13 e 18 anos, de 13 centros de Galicia, que realizaron de forma voluntaria proxectos solidarios no propio centro ou en colaboración cunha entidade inscrita no Rexistro de Acción Voluntaria de Galicia.
A conselleira destacou que o compromiso da Xunta co voluntariado non só se reflectirá en 2015 co aumento do orzamento neste eido, senón que explicou tamén que o Goberno galego lle dará continuidade ao Plan Galego de Acción Voluntaria 2011-2014, unha estratexia de presente e de futuro para promover o voluntariado na Comunidade galega. “Imos darlle continuidade cun novo documento, que abranguerá desde 2015 ata 2018, e buscará seguir dando resposta aos retos de futuro de todos os actores deste sector”, engadiu Mato.
A titular de Benestar sinalou, así mesmo, que a Xunta nos últimos anos mellorou o marco normativo do voluntariado en Galicia aprobando por unanimidade en 2011 no Parlamento de Galicia a nova Lei Galega de Acción Voluntaria. Mato indicou que un dos “grandes avances” tanto da Lei como do Plan Galego de Acción Voluntaria, foi acreditar de xeito oficial, a través dun historial persoal, as experiencias que os voluntarios e voluntarias adquiren durante o proceso de voluntariado.
Vantaxes da Rede de Centros Solidarios
Entre os beneficios da rede destacan a promoción entre os mozos e mozas da súa sensibilización coas situacións de vulnerabilidade, xa que o programa establece vínculos entre os centros educativos e as organizacións sociais de Galicia; a potenciación da educación non formal que promove valores como a responsabilidade, a participación, a creatividade, a tolerancia, a solidariedade, e ou traballo en equipo; e, por último, a mellora do currículum dos mozos e mozas, xa que os participantes da Rede de Centros Solidarios reciben un certificado acreditativo da acción realizada.