A XUNTA OUTORGA AUTORIZACIÓN AUTONÓMICA PARA A INSTALACIÓN DUN CAMPAMENTO TURÍSTICO NA ILLA DE ONS
O Concello de Bueu, que lle remitiu o pasado mércores á Administración Autonómica a documentación precisa para este trámite, debe agora emitir a licenza municipal necesaria
Esta medida facilitará adaptar a actual área de acampada á normativa vixente, o que permitirá regular e reordenar os espazos da instalación
O campamento terá unha capacidade máxima para 276 usuarios
As características tipolóxicas, estéticas e construtivas e os materiais, cores e acabados das edificacións serán acordes coa paisaxe rural e coas construcións tradicionais do contorno
Santiago, 7 de novembro de 2014.- A Consellería de Medio Ambiente Territorio e Infraestruturas vén de conceder a autorización autonómica previa á concesión de licenza municipal, por parte do Concello de Bueu, para a instalación dun campamento turístico no lugar de Chan da Pólvora-Illa de Ons. A administración local remitiulle o pasado mércores ao Goberno galego a documentación precisa para acadar este permiso, e agora correspóndelle emitir a necesaria licenza municipal.
A instalación do campamento turístico, que conta ademais co informe favorable e de autorización de da Dirección Xeral de Conservación da Natureza, situarase na actual área de acampada, adaptándoa á normativa vixente de campamentos turísticos. Xa que as instalacións existentes na actualidade atópanse fóra do recinto de acampada, contemplándose a demolición das mesmas.
Da superficie total da parcela que abarca un total de 8.717 m2, ocuparase un 4,51% ámbito alcanzando unha altura máxima de 3,5 m. Os servizos e equipamentos do cámping, sitúanse o longo do tramo inicial do sendeiro, na súa cota mais baixa . As características tipolóxicas, estéticas e construtivas, así como os materiais, as cores e acabados das edificacións serán acordes coa paisaxe rural e coas construcións tradicionais do contorno.
Capacidade para 276 usuarios
O proxecto contempla 72 parcelas de 40 m2 para tendas de campaña das cales 66 será para un máximo de catro persoas e 6 serán para 2 ocupantes. A capacidade máxima de ocupación do cámping será de 276 persoas. Cada parcela terá unhas dimensións de 6,30×6,30 m.
Proxéctanse como conxuntos de construcións mínimas agrupadas e xerando espazos comúns entre elas. Componse dun bloque de recepción, formada por tres módulos de recepción e sala de curas, cafetería e cabana do garda; un bloque de aseos femininos e masculinos, formado cada un deles por catro módulos agrupados en torno a un patio cuberto; un bloque de servizo de lavado, formado por catro módulos e un patio central; un bloque de instalacións, formado por catro módulos; unha zona de recollida de residuos centralizada do campamento, formada por 5 colectores de 240L cada un; e a zona libre e de xogos infantís que rodea as instalacións de servizos creando unha separación física e visual entre ambas.