OS 14 CONCELLOS DA ÁREA TERRITORIAL DE VIGO SE BENEFICIARÁN DUN INVESTIMENTO DE CASE 1,3 MILLÓNS DE EUROS, UN 75% MÁIS, PARA A AMPLIACIÓN, MELLORA E MANTEMENTO DE CAMIÑOS E ESTRADAS RURAIS

 A delegada territorial da Xunta en Vigo, María José Bravo Bosch, informou esta mañá da nova convocatoria de axudas do Plan Marco, programa de mellora de camiños de titularidade municipal da Consellería de Medio Rural e do Mar.
 As axudas concedidas pola Xunta de Galicia serán superiores a 1 millón de euros mentres que os concellos aportarán o IVE correspondente.
 O Concello de Vigo será un dos máis beneficiados xa que contará cun investimento global que supera os 145.000 euros para executar melloras nas estradas das zonas rurais do municipio.
 Levaranse a cabo tras a firma do convenio de colaboración entre a Xunta de Galicia e a Deputación de Pontevedra para financiar parte de ditas actuacións.

Vigo, 10 de novembro de 2014.- A delegada territorial da Xunta en Vigo, María José Bravo Bosch, acompañada polo xefe territorial da Consellería de Medio Rural e do Mar, Miguel Pérez Dubois, informou esta mañá en rolda de prensa da nova convocatoria de axudas do Plan Marco, programa de mellora de camiños de titularidade municipal 2014-2015, cofinanciado con fondos Feader no marco do Plan de Desenvolvemento Rural (PDR) de Galicia 2014-2015.

Coma novidade este ano, e a través dun convenio de colaboración firmado entre o departamento que dirixe a conselleira Rosa Quintana e a Deputación de Pontevedra, os concellos da provincia beneficiaranse dun investimento de preto de 6 millóns de euros para a ampliación, mellora e mantemento de camiños de titularidade municipal. Para desenvolver dito plan, segundo explicou Bravo Bosch, os criterios de reparto foron consensuados entre a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader) e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp). De tal xeito, os concellos de Pontevedra recibirán arredor de 5 millóns de euros (en concreto 4.885.847 euros) aínda que “co IVE que deben aportar os concellos, o investimento será dun total de máis de 6 millóns de euros”.

Coma explicou a delegada, no que respecta á área territorial de Vigo estes datos tradúcense nun investimento global de case 1,3 millóns de euros (IVE incluído) para os 14 concellos que conforman o ámbito da Delegación Territorial viguesa sendo as axudas concedidas por parte da Xunta de Galicia de máis de un millón de euros. Isto significa un incremento con respecto á anterior convocatoria 2013/2014 que chega case ao 75% xa que o investimento total foi de 720.000 euros. O importante incremento deste novo Plan permitirá atender proxectos que melloren un maior número de camiños, o que repercutirá nunha mellora das condicións de vida dos residentes nas áreas rurais, poñendo en valor as dotacións existentes de infraestruturas básicas.

A cidade de Vigo é a que resulta maior beneficiada xa que recibirá un total de 120.000 euros para poder executar melloras nas estradas das zonas rurais do municipio sendo así a cantidade global de investimento –engadindo o IVE- de máis de 145.000 euros. Unha vez saia publicada no DOG esta nova convocatoria de axudas, os concellos deben presentar os seus proxectos aos que se destinan as cantidades xa preestablecidas.

Na seguinte táboa figuran os datos de asignación por concellos da área territorial de Vigo (IVE incluído):

CONCELLOS 2014-2015
BAIONA 70.097 €
CANGAS 105.644 €
FORNELOS DE MONTES 67.553 €
GONDOMAR 101.457 €
MOAÑA 100.839 €
MOS 84.468 €
NIGRÁN 79.462 €
PAZOS DE BORBÉN 66.848 €
PORRIÑO, O 101.558 €
REDONDELA 77.885 €
SALCEDA DE CASELAS 86.777 €
SALVATERRA DE MIÑO 110.588 €
SOUTOMAIOR 64.554 €
VIGO 145.239 €
TOTAL 1.262.969,00 €

O Plan Marco 2014-2015 é continuación do de 2013-2014. O seu obxectivo principal é mellorar as condicións de vida dos residentes nas áreas rurais, poñendo en valor as dotacións existentes de infraestruturas básicas, e levar a cabo actuacións dirixidas a fomentar a implantación e mellora dos servizos básicos demandados pola poboación rural.

O feito de que todos os concellos poidan dispor duns fondos preestablecidos para a mellora da súa rede viaria resulta fundamental despois dun inverno que provocou estragos nos camiños de titularidade municipal.

A través deste Plan, os concellos de Galicia beneficiaranse de máis de 25,5 millóns de euros para a ampliación, mellora e mantemento de camiños de titularidade municipal. Esta contía supón un incremento de máis do 82% respecto da do Plan Marco 2013-2014, que foi de preto de 14 millóns de euros. Ademais, o Plan Marco 2014-2015, impulsado pola Consellería do Medio Rural e do Mar, inclúe como novidade que unha parte importante da cofinanciación será aportada polas deputacións provinciais. Deste xeito, abórdase o desenvolvemento rural dende unha perspectiva integral e refórzase a colaboración entre as administracións co obxectivo de pór en marcha actuacións que redunden na mellor prestación de servizos á poboación por parte dos concellos.

A nova cofinanciación do Plan Marco distribuirase de xeito que o 75% irá con cargo ao Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER), o MAGRAMA aportará un 12,13% dos fondos e a Xunta e as deputacións provinciais o 12,87% restante. Os concellos beneficiarios das achegas serán os encargados do pagamento do Imposto do Valor Engadido (IVE). Este reparto amosa a colaboración ordenada de todas as Administracións, baixo a coordinación da Xunta de Galicia. A vixencia destes convenios estenderase desde a data da súa sinatura ata o 31 de decembro de 2015.

About Vgomagazine

Revista Online.

Deja una respuesta

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Salir /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Salir /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Salir /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Salir /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: