ABANCA facilita o acceso ao crédito a pemes galegas auxiliares do naval
A entidade impulsa a comercialización de liñas de financiamento con aval de Igape para pemes do sector con pedidos
- O banco financia a industria naval con case 400 millóns de euros
11.11.2014. ABANCA acaba de iniciar a comercialización dunha nova liña de financiamento avalada polo Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) destinada a facilitar o acceso ao crédito das pemes galegas auxiliares da construción naval.
A entidade oferta, en condicións vantaxosas, liñas de crédito e liñas de desconto ou anticipo de efectos comerciais ou facturas. O financiamento ten por obxecto facilitar ás pemes que traballan para a industria naval circulante para que poidan atender os pedidos.
O importe a financiar varía entre os 100.000 e os 300.000 euros, con prazos de amortización de ata 24 meses. A achega do Igape consiste na concesión de aval polo 50% do saldo disposto na operación.