Estrea absoluta Labirinto Azul I (Martín Códax in Memoriam) de Juan Eiras – Domingo 16 de novembro ás 21 horas – Teatro Afundación de Vigo
O vindeiro domingo, 16 de novembro de 2014, ás 21 horas no Teatro do Centro Cultural A Fundación de Vigo, a Orquestra Sinfónica Vigo 430 (OSV430) realizará a estrea absoluta da obra do compositor Juan Eiras Labirinto Azul I. A obra é unha encarga da OSV430 a través da iniciativa da Concellería de Cultura do Concello de Vigo para celebrar o centenario do descubrimento do Pergamiño Vindel e que sacou a luz texto e música dunha das principais manifestacións da nosa lírica medieval profana: as cantigas do trobador Martín Códax. Recreando a súa estrutura, Eiras utiliza a forma de poema musical traendo as cantigas á contemporaneidade, cen anos despois de que puidésemos coñecelas a través do achado do Pergamiño Vindel. Os encargados de poñer voz a este poema serán a soprano Beatriz Riobó e o barítono Eliseu Mera. O programa do domingo continuará co Concerto para viola de Hoffmeister, ocasión para a cal a orquestra acompañará á violista Isabel Villanueva. Xa na segunda parte a OSV430 ofrecerá a Sinfonía nº8 de Dvořák.
Con este concerto a OSV430 pecha a súa programación de música clásica do 2014, ocasión pola que agardamos contar con todos vós entre o público. Pero por se isto non fose suficiente a orquestra comeza tamén nesta ocasión co seu programa de responsabilidade social únese á campaña de UNICEF “Ahora no podemos parar” destinando 1€ por cada entrada vendida neste concerto aos programas de UNICEF, razón de máis para mercar unha entrada coa que poder colaborar con esta causa.
As entradas poden adquirirse dende 5 € a través das diferentes canles de venda de Servinova, na Central de Espectáculos (Vigo) e no resto de despachos de billetes de Servinova, a través do teléfono 902 504 500 ou na web www.servinova.com
Pódese seguir toda a información sobre o evento premendo no enlace Labirinto Azul I, a través da páxina de Facebook da OrquetraVigo430, ou na nosa páxina en Twitter.