Archivo | febrero 7, 2015

A TEMPADA DE PESCA 2015 EN GALICIA INICIARASE O 15 DE MARZO E REMATARÁ O 31 DE XULLO

O DOG publica hoxe a orde na que se definen as normas para a pesca de determinadas especies nas augas continentais da Comunidade Autónomaimages

 Entre as novidades desta tempada destaca ao aumento de cotas nos ríos Lérez e Ulla para a captura do salmón, que no segundo caso chega aos 60.
 A pesca do reo iniciase o 1 de maio e remata o 31 de xullo, prolongándose en diferentes coutos ata setembro, mentres que a captura da troita comeza o 16 de marzo ata o 31 de xullo, agás nos coutos conveniados, nos que se prolongará ata o 30 de setembro na modalidade de pesca sen morte.
 A orde tamén aclara as condicións da captura das especies exóticas invasoras.
 Con carácter xeral, decláranse os luns como inhábiles para a pesca, agás os festivos nacionais ou autonómicos. Os xoves non festivos só se poderá practicar a pesca sen morte

Santiago, 6 de febreiro de 2015.- A tempada de pesca para o ano 2015 na Comunidade galega comezará o vindeiro 15 de marzo e rematará o 31 de xullo, con carácter xeral. Así se establece na orde que recolle as normas de pesca nas augas continentais, que hoxe publica o Diario Oficial de Galicia (DOG). Trátase dunha orde anual na que se definen as normas xerais de pesca de distintas especies ictícolas e dos demais seres vivos que habitan as augas continentais de Galicia e que é acorde aos artigos 46 e 47 do Regulamento de ordenación da pesca fluvial e dos ecosistemas acuáticos continentais (Decreto 130/1997, do 14 de maio).

Unha das novidades que destaca na orde que se publica hoxe é o aumento de cotas nos ríos Lérez e Ulla para a captura do salmón. No primeiro dos casos, o Lérez, permítese a pesca de 15 exemplares (3 máis que en 2014); mentres que no caso do Ulla increméntanse en 10 máis, polo que se permite a captura de 60 salmóns.

Salmón
O período hábil para a pesca do salmón irá dende o 1 de maio ata o 31 de xullo, pero poderá adiantarse o remate da temporada en función das cotas de captura. Nos tramos compartidos do río Eo a tempada dará comezo o 26 de abril e rematará o 15 de xullo, por acordo coas autoridades do Principado de Asturias.

A cota de captura está establecida nun exemplar por persoa e xornada, cunha dimensión mínima de 40 centímetros. Destaca a subida das cotas nos ríos Lérez e Ulla, que pasan de 12 a 15 exemplares no primeiro e de 50 a 60 no segundo. No río Mandeo os exemplares serán 5, 15 no río Masma, 8 no río Miño, e 10 no couto de Salmean. No resto dos coutos autorizados no río Eo non se establece cota anual de captura.

En relación cos engados (engado é o material que se pon no anzol para atraer á presa e que o trague) poden ser naturais autorizados como as miñocas e quisquillas, ou artificiais que son construídos imitando animais ou outros obxectos que poden ser atractivos para os peixes que se queren capturar. Estes poden ser a mosca artificial, culleriña e peixes artificiais ou semellantes. Dende o 1 de xuño ata fin da tempada os engados só poderán ter un anzol simple. Para a pesca sen morte do salmón no río Ulla autorízase unicamente a mosca artificial con anzol sen arponciño.

A pesca do reo
A tempada hábil en xeral comeza o 1 de maio e remata o 31 de xullo. A tempada prorrógase nas seguintes masas de auga:
– Coutos de Celeiro (lotes 2 e 3), Noia, Noval, Ombre, Padrón, Ponte do Porto, Ribeiras, Segade, Traba, Viveiro (lotes 2 e 3), e Xubia: a tempada rematará o 30 de setembro.
– Coutos de Betanzos e Lambre: ata o 15 de setembro.
– Coutos de Monteporreiro, Ponte Arnelas, Ximonde, Santeles e Sinde entre o 1 de agosto e o 30 de setembro só permitirase a modalidade de pesca sen morte.

Sobre os engados, nos caso dos artificiais permítense os mesmos que no caso do salmón ao que se suma o risco. No que respecta aos engados naturais, permítense todos agás todo tipo de ovas de peixes e o peixe natural, e nas augas salmoneiras non se permiten os cebos naturais agás os autorizados para a pesca do salmón nos seus coutos.

Captura da troita
Para esta especie a tempada comezará o 15 de marzo e rematará o 31 de xullo. Nos coutos conveniados prolongarase ata o 30 de setembro na modalidade de pesca sen morte, e nas augas salmoneiras, nas de reo ou nas de montaña non empezará a tempada ata o 1 de maio.

Por norma xeral establécese a posibilidade de capturar 10 exemplares ao día e por persoa cunha talla mínima de 19 centímetros, e os engados son os mesmos que os da tempada pasada.

Na normativa que publica hoxe o DOG tamén se aclaran as condicións da captura das seguintes especies: como cangrexo vermello americano, cangrexo sinal,e os ciprínidos, que manteñen o mesmo réxime que o da anterior tempada, co excepción de que no caso dos ciprínidos se limita a un máximo de dous anzois por cana con carácter xeral para os encoros nos que se autoriza a pesca todo o ano.

Xornadas hábiles
Tal e como se recolle na normativa, con carácter xeral decláranse os luns como inhábiles para a pesca, agás festivos nacionais ou autonómicos. Os xoves non festivos da tempada hábil só se poderá pescar na modalidade de pesca sen morte en todas as masas de auga.

En relación coas horas, só se poderá practicar a pesca no período comprendido entre unha hora antes da saída do sol e unha hora despois da posta. As horas serán as establecidas na páxina web de MeteoGalicia.

BIBLIOTECA DE CHAPELA – Luns 16 de Febreiro (Luns de Entroido):

  • unnamedBIBLIOTECA DE REDONDELA – Venres 27 de Febreiro:
   “Contacontos do País das Marabillas”. Ás 18:00, con Marisa Irimia. Colabora a Fundación Filomena Rivero.
  Sala Infantil da Biblioteca de Redondela. 
 Rapaces e rapazas a partir de 5 anos. Entrada libre.

  • Asimesmo, facémosvos chegar a información sobre unha interesante actividade para público adulto, que terá lugar en Redondela, organizada pola Asociación de Amigos das Bibliotecas Municipais e coa colaboración da Fundación Filomena Rivero:
        “Arredor de Ana Frank” Lectura do seu diario e comentarios sobre o libro – Venres 6 de Marzo, na Casa da Cultura de Redondela
Adultos interesados, poden contactar previamente coa Asociación para o préstamo dun exemplar do libro.

O CONSELLO GALEGO DA COMPETENCIA PUBLICA UN INFORME NO QUE PON DE MANIFESTO A FALTA DE COMPETENCIA NA VENDA DE UNIFORMES ESCOLARES

• Cando as familias teñen máis alternativas para mercar os uniformes, obteñen mellores prezos e condicións
• Os centros deben introducir competencia na venda dos seus uniformes para que as familias paguen menos por uniformes de mellor calidade
• Un uniforme con distintivos do colexio resulta de media un 183% máis caro que un uniforme formado por pezas sen distintivos
• O 28% dos centros educativos galegos recorre a un distribuidor exclusivo, o que encarece o prezo do uniforme entre un 12% e un 14%
• Entre as súas recomendacións, o CGC indica que se deben seleccionar os distribuidores mediante procesos selectivos e con criterios obxectivos, ou que os contratos deben ter unha duración curta

Santiago, 6 de febreiro de 2015.- O Consello Galego da Competencia (CGC) vén de publicar un informe sobre uniformes escolares no que se pon de manifesto a preocupación do organismo ante a falta de competencia que existe na distribución destas prendas en centros educativos da Comunidade galega.

Así o expuxo hoxe o presidente do CGC, Francisco Hernández, quen tamén explicou que por regra xeral as familias obteñen prezos e condicións mellores cando poden elixir onde comprar os uniformes dos seus fillos, o contrario do que sucede cando non dispoñen de alternativas. Neste sentido, sinalou que a liberdade das familias para comprar o uniforme escolar vese restrinxida por dous factores: o tipo de uniforme e o seu modelo de distribución.

As pezas que conforman o uniforme poden ser ‘básicas’, é dicir, que non inclúen distintivos do colexio –por exemplo, un xersei azul mariño-; ou ‘oficiais’, que si os inclúen -un xersei azul mariño co escudo do centro-. No primeiro caso, pódense adquirir polas canles habituais de distribución téxtil, coma as grandes superficies ou cadeas de moda, mentres que no segundo, só se poden mercar en determinados establecementos.

O estudo elaborado polo Consello Galego da Competencia –que non se pronuncia sobre os tipos de uniforme nin a súa forma de comercialización, xa que esta decisión corresponde aos centros- sinala que existe gran disparidade entre os centros educativos á hora de decidir que pezas do uniforme son básicas ou oficiais. Isto ten consecuencias directas sobre o prezo dos uniformes, que se encarecen de media un 183% cando a uniformidade completa é oficial.

Segundo Hernández, “mentres uns colexios esixen que todas ou case todas as pezas sexan oficiais, outros permiten que se recorra ás pezas básicas con grande amplitude”. Ademais, algúns centros inclúen un uniforme oficial completo pero con carácter voluntario.

O modelo de distribución do uniforme
Durante a súa intervención, o presidente do CGC explicou que os centros educativos poden decantarse por un sistema libre, que permite a calquera empresa comercializar os seus uniformes, ou restrinxido, no que só se permite vender os uniformes a un distribuidor exclusivo ou a un número limitado de distribuidores.

O modelo de distribución tamén ten consecuencias sobre o prezo do uniforme. Na actualidade, cun distribuidor exclusivo o prezo é, de media, entre un 12% e un 14% máis caro que cando coexisten varios distribuidores. A maioría dos centros restrinxen as opcións a disposición dos pais. Así, o 28% dos centros decántase por un único distribuidor, que pode ser o propio centro ou unha empresa allea a este.

Os centros educativos adoitan obter unha compensación do distribuidor exclusivo de entre o 10% e o 15% do prezo de venda ao público. Por conseguinte, segundo o informe, apréciase unha correlación entre o sobreprezo que supón a exclusividade e o beneficio que obtén o centro educativo, co que o custo da exclusividade trasládase ás familias.

Ademais, Francisco Hernández sinalou que cando as familias poden elixir, poden conseguir un desconto medio do 33% segundo a tenda á que vaian comprar o uniforme, “polo tanto a competencia abarata os prezos”, apuntou. Neste sentido, subliñou que os centros educativos que se decanten por un sistema deben adoptar unha serie de cautelas para evitar que a exclusividade resulte lesiva para os intereses das familias.

Entre as recomendacións do Consello Galego da Competencia, están a de seleccionar os distribuidores mediante procesos selectivos e con criterios obxectivos; os contratos deben ter unha duración curta, por regra xeral non superior a tres anos; o centro debe reservarse o dereito a fixar o prezo máximo de venda ao público; e débese informar ás familias de todas as decisións que se adopten en materia de uniformes, incluíndo o beneficio que obtén o colexio.

Metodoloxía
Para a elaboración do informe, o Consello Galego da Competencia realizou unha enquisa on line a todos os centros educativos de Galicia nos que se imparte educación infantil, primaria e secundaria, pertencentes ao ensino público, concertado e privado.

Así mesmo, durante a campaña de uniformes do curso 2014/2015, entre os meses de setembro, outubro e novembro, o Consello Galego da Competencia levou a cabo un estudo dos prezos dos uniformes escolares na cidade da Coruña, en colaboración co Instituto Galego de Consumo.

A XUNTA ADXUDICA POR MÁIS DE 1,5 MILLÓNS DE EUROS AS OBRAS DO NOVO ACCESO AO HOSPITAL DE VIGO

A previsión da Xunta é iniciar as obras no mes de marzoclip_image002

 Este contrato de obra pública para a mellora da Avenida Clara Campoamor na Cidade olívica foi adxudicado á empresa por Construcións Taboada e Ramos, SL
 Nas vindeiras semanas asinarase o contrato e realizaranse as tarefas preparatorias e o replanteo das obras
 Con esta actuación ampliarase a capacidade e aumentarase a fluidez do tráfico da Avenida Clara Campoamor, vial que canaliza os tráficos do novo Hospital de Vigo

Santiago, 6 de febreiro de 2015.- A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, a través da Axencia Galega de Infraestruturas (AXI), vén de adxudicar por mais de 1,5 millóns de euros (1.527.020,00 €) as obras do novo acceso ao Hospital de Vigo, tamén coñecida como a mellora da Avenida Clara Campoamor en Vigo, un vial que canaliza os tráficos desta nova infraestrutura sanitaria na Cidade olívica.

As tarefas preparatorias e de replanteo dos traballos realizaranse nas vindeira semanas, unha vez sexa asinado o contrato de obra, o que permitirá o inicio desta actuación no mes de marzo.

O obxectivo da actuación é dotar ao novo hospital de accesos axeitados (tanto ata a zona na que se ubicarán as urxencias coma cara entrada principal), desde a glorieta do segundo cinto de Vigo e desde a Avenida Clara Campoamor,

Para elo, ampliarase a capacidade da estrada existente ensanchando a súa plataforma, o que permitirá albergar dous novos carrís para o acceso directo ao hospital desde a VG-20, e un semienlace para a zona das urxencias deste centro hospitalario; executarase ademais unha nova glorieta para facilitar o acceso á entrada principal do hospital, e unha senda peonil para conectar esta glorieta norte coa zona próxima ás urxencias do centro

A actuación comeza na glorieta do enlace co segundo cinto de circunvalación de Vigo (VG-20), prevíndose a execución dunha nova saída exclusiva para acceso ao hospital. Esta saída contará con dous carrís, un para acceso exclusivo de urxencias e o outro que continua como vía de servizo ata á entrada principal do Hospital. O carril de uso exclusivo para urxencias cruza o río Barxa mediante un pequeno viaduto e desemboca na glorieta do hospital.

Así, a sección tipo da avenida neste treito engadirá aos actuais dous carrís por sentido outros dous carrís de acceso ao hospital. Nesta zona permítese, ademais, a saída dos vehículos desde a zona de urxencias do hospital cara a avenida.

Para complementar a actuación, construirase unha nova glorieta, que permitirá todos os cambios de sentido, na intersección entre a avenida Clara Campoamor e o acceso á entrada principal do centro hospitalario. Contará con dous carrís de 4 metros de ancho, beiravía interior de 1,5 metros e exterior de 0,5 metros.

Finalmente, executarase unha senda peonil para conectar esta nova glorieta coa que dará acceso ás urxencias do hospital.

O prazo de execución dos traballos será de catro meses, polo que as obras se finalizarán neste verán.

A poboación beneficiada é de máis de 430.000 veciños dos concellos que pertencen á área sanitaria de Vigo.

Nas imaxes pode observarse a traza do tramo do vial que se mellora coas obrasg.

 

BENESTAR, A FEGAMP E AGAFAN RECOLLERÁN NUNHA GUÍA OS BENEFICIOS DOS CONCELLOS DIRIXIDOS ÁS FAMILIAS NUMEROSAS

convenio 01x A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, o presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias, José Manuel Rey, e o presidente da Asociación galega de Familias Numerosas (Agafan), Luis Sánchez asinaron un convenio neste sentido
 O documento difundirase e a través das páxinas web e outros medios para que as familias coñezan todos os beneficios aos que poden optar
 O Goberno galego xa ten en marcha unha Estratexia de apoio para as familias numerosas 2013-2016

Santiago, 6 de febreiro de 2015.- A Consellería de Traballo e Benestar, a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) e a Asociación Galega de Familias Numerosas (Agafan) colaborarán na elaboración este ano dunha guía que recollerá os beneficios que ofrecen os distintos concellos para axudar ás familias numerosas galegas.

Así se establece no convenio que veñen de asinar a titular do departamento autonómico, Beatriz Mato, o presidente da Fegamp, José Manuel Rey, e o presidente de Agafan, Luis Sánchez.

No acordo asinado, ademais da elaboración da guía, establécese tamén a necesidade de manter actualizado este documento e de difundilo, a través de distintas vías como a páxinas web ou outros medios, entre o seu colectivo destinatario.

Esta iniciativa servirá tamén para promover unha colaboración máis estreita entre as distintas administracións para apoiar a este tipo de familias, unha liña de actuación na que coinciden tanto o Goberno galego como a Fegamp.

Neste sentido, cabe recordar que a Xunta ten xa en marcha a Estratexia de apoio para as familias numerosas, 2013-2016, horizonte 2020, que ten como obxectivo recoller e facer visibles as actuacións e beneficios que existen, ou que se van programar, a favor das familias numerosas durante o período de vixencia do plan.

Así, a estratexia conta con 40 medidas concretas para incidir directamente na calidade de vida das máis de 19.500 familias numerosas que hai en Galicia. Este documento elaborouse en colaboración coa Asociación Galega de Familias Numerosas (AGAFAN). Busca garantir unha protección especial deste colectivo, centrarse nos seus problemas específicos e integrar todos os beneficios aos que poden acceder estas familias nos distintos departamentos da Xunta.

A XUNTA CONVOCA UNHA NOVA EDICIÓN DE LINGUA DE NAMORAR CO FIN DE FOMENTAR O USO DO GALEGO ENTRE A XUVENTUDE

 O secretario xeral de Política Lingüística e o director xeral de Xuventude e Voluntariado presentaron esta mañá a iniciativaíndice
 O concurso en liña de mensaxes de amor en lingua galega está dirixido a mozas e mozos de entre 14 e 35 anos
 A data límite para participar é o 22 de febreiro

Santiago de Compostela, 6 de febreiro de 2015.- As consellerías de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e de Traballo e Benestar, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística e da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, presentaron esta mañá unha nova edición de Lingua de namorar, o concurso de mensaxes de amor dirixido á mocidade que ten como finalidade principal dinamizar o uso do galego nas relacións persoais e na internet.

Na rolda de presentación participaron o director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, e mais o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, quen sinalou que o proxecto Lingua de Namorar ten como obxectivos impulsar o uso do idioma propio de Galicia entre a mocidade nas súas relacións persoais e nas tecnoloxías da información e da comunicación (TIC), nomeadamente en internet e na mensaxería instantánea, tal e como sinala o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega.
“A terceira edición de Lingua de namorar arranca na semana da celebración da Candeloria, unha data especial que queremos aproveitar para poñer en valor o galego como lingua de namorar, lingua do amor, das relacións persoais e dos afectos”, explicou o secretario xeral, quen rematou destacando que “coa posta en marcha da iniciativa se busca tamén aproveitar as oportunidades de promoción do galego e de participación que ofrece a web 2.0 para estimular a interactuación en galego da xente nova”. Xa que “as linguas asociadas á creatividade, á vangarda e ás maneiras de comunicación que posibilitan as TIC son as que collen o tren do futuro”.
Pola súa banda, Rodeiro Tato indicou é un programa que ten como obxectivos principais fomentar entre a mocidade o uso do idioma galego como lingua útil, axeitada e normal para todos os momentos da vida; tamén para utilizar coas ferramentas que nos proporcionan as tecnoloxías da información e da comunicación; e para demostrar os nosos sentimentos cara outras persoas.

Ovidio Rodeiro afirmou que, tras a aprobación da primeira Lei de Xuventude de Galicia na pasada lexislatura, a dinamización e promoción da lingua galega entre a mocidade é un eixe prioritario da acción conxunta de todo o Goberno.

O Plan Estratéxico de Xuventude de Galicia 2014-2016 conta con 11 medidas para fomentar o uso do galego nos distintos ámbitos sociais e mellorar as competencias lingüísticas dos mozos e mozas.

“Actividades coma esta permiten tamén que os mozos e mozas poidan demostrar a súa capacidade creativa e comprobar, unha vez máis, o enorme talento que atesoura a nosa xuventude”, apuntou Rodeiro.

Bases do concurso
Lingua de namorar vai dirixido a mozos e mozas de 14 a 35 anos, que se dividirán en dúas categorías de idade: de 14 a 19; e de 20 a 35.

As mensaxes participantes deberán estar escritas en lingua galega e poderán redactarse en prosa ou en verso. A súa extensión máxima será de 350 caracteres, incluídos os espazos en brancos. Cada participante poderá enviar un máximo de dúas mensaxes ao concurso.

Para poder enviar as mensaxes, cómpre rexistrarse na web do concurso http://xuventude.xunta.es/linguadenamorar e cubrir o formulario de inscrición. Todas serán publicadas nesta páxina e estarán identificadas polo título e máis polo número que se lles asigne. A data límite para enviar as mensaxes de amor é o 22 de febreiro. Unha vez rematado este prazo, abrirase outro para realizar as votacións, que abranguerá do 23 ao 28 de febreiro.

Resolución do xurado e premios
O xurado do concurso elixirá as mensaxes gañadoras de entre as 50 declaracións máis votadas en cada categoría. As mensaxes gañadoras publicaranse o 9 de marzo na páxina web do concurso.

Establécense tres premios por cada unha das categorías. Na categoría A (de 14 a 19 anos) a persoa gañadora do primeiro premio será galardoada cunha tablet 4.0 e mais cunha actividade de aventura para dúas persoas; o segundo premio consiste nun disco duro Toshiba Canvio Basics 2.5”; e o terceiro premiado recibirá unha videocámara deporte dixital impermeable. Pola súa banda, na categoría B (de 20 a 35 anos), o primeiro premio consiste nunha cámara somerxible Fujifilm FinePix XP70 e mais nunha actividade de aventura para dúas persoas; o segundo nunha tablet para lectura Kindle, con pantalla táctil de 6”; e o terceiro premio consiste nunha tarxeta regalo Spotify Premium de 6 meses.

O IGE PUBLICA POR PRIMEIRA VEZ UNHA ESTATÍSTICA SOBRE OS NOMES MÁIS FRECUENTES DA POBOACIÓN POR DÉCADAS

 A estatística permite coñecer a evolución histórica dos nomes dos galegos en función da década ou o xénero
 Ofrece tamén a posibilidade de realizar consultas sobre os nomes máis frecuentes en cada unha das comarcas galegas
 Na actualidade os nomes máis frecuentes son de orixe cristiá, galega e curtos

Santiago, 6 de febreiro de 2015.- O Instituto Galego de Estatística (IGE) vén de publicar hoxe a ‘Estatística sobre os nomes máis frecuentes da poboación’, a través da cal pódese por primeira vez coñecer a evolución histórica dos nomes en función da localidade, o xénero ou a década (dende antes de 1930 ata a década actual).

A estatística ofrece información relativa aos nomes da poboación que ten fixada a súa residencia na Comunidade Autónoma de Galicia, e permite tamén coñecer a distribución comarcal de calquera nome.

Se o usuario realiza unha comparativa entre os nomes máis frecuentes das mulleres na década de 1930 e na de 2010, comprobará que entre os dez máis usados nesas dúas épocas, só un deles coincide e é o de ‘María’. E comprobará tamén que no 1930 ocupaba o segundo lugar, mentres que no 2010 pasou a situarse en novena posición.

Con respecto aos nomes masculinos, a mesma comparativa mostra que entre os dez primeiros máis frecuentes só coincide o de ‘Manuel’, e ao igual que sucedía no caso das mulleres a posición que ocupa na listaxe é moi diferente: o segundo lugar nos anos 30 e o décimo na década de 2010.

Entre os dez nomes de mulleres máis frecuentes na década vixente, destacan aqueles que son curtos, na súa maioría de dúas sílabas como ‘Sara’, ‘Noa’, ‘Carla’ ou ‘Paula’. Todo o contrario do que ocorría en 1930, cando os nomes eran longos coma ‘Purificación’ e compostos, coma ‘María del Carmen’, ‘María Luísa’ ou ‘María Dolores’.

No caso dos homes, na actualidade sobresaen os nomes de orixe bíblica ou cristiá como ‘Mateo’, ‘Pablo’, ‘Daniel’ ou ‘Nicolás’, fronte aos longos e compostos da década dos 30 coma ‘Francisco’, ‘Fernando’, ‘José María’ ou ‘José Manuel’.

Por outra banda, se se amplía a mostra e se teñen en conta os 20 primeiros nomes, pódese ver como na actualidade medra a tendencia a empregar nomes galegos tanto para as nenas (‘Noa’, ‘Antía’, ‘Uxía’ ou ‘Sabela’) como para os nenos (‘Brais’, ‘Iago’ ou ‘Anxo’).

A estatística pódese consultar no seguinte enlace:
http://www.ige.eu/igebdt/esq.jsp?idioma=gl&ruta=onomast/nomdecadas.jsp