A XUNTA APROBA O DECRETO DE EXPROPIACIÓNS PARA CONVERTER O CORREDOR DO MORRAZO EN AUTOVÍA
O Goberno galego dá un novo paso cara ao seu compromiso de licitar, adxudicar e iniciar as obras en 2015
Estímase que se aboarán de 1,1 millóns de euros polos máis de 100.000 m2 que se afectarán para garantir a construción máis eficiente
O trazado da futura autovía ten unha lonxitude de 11 km e parte dos terreos necesarios xa se afectou cando se construíu o corredor
Medio Ambiente aprobou xa o proxecto construtivo do primeiro subtreito, entre Rande e Domaio, no cal investirá máis de 20 millóns de euros
Santiago, 12 de febreiro de 2015.- O Consello da Xunta de Galicia aprobou na súa reunión de hoxe o decreto de urxente ocupación que permitirá iniciar o trámite expropiatorio en todo o trazado do corredor do Morrazo para o seu desdobramento e conversión en autovía. Estímase que as expropiacións terán un importe total de 1,1 millóns de euros para un total de 105 predios afectados, cunha superficie de 101.315 m2..
O desdobramento previsto dos 11 km de corredor efectuarase mediante a construción máis eficiente posible, evitando o seu desenvolvemento polas zonas máis inaccesibles, razón pola que as citadas expropiacións son necesarias.
Con este decreto, a Xunta avanza no seu obxectivo de converter o corredor do Morrazo en autovía, ao tempo que representa un novo paso no compromiso do Goberno galego de licitar, contratar e iniciar as obras de desdobramento do corredor do Morrazo neste 2015. Concretamente a licitación poderá levarse a cabo na primavera.
A conversión do corredor do Morrazo en autovía reducirá os problemas de capacidade de infraestrutura actual, redundará en maior seguridade viaria, favorecerá a mobilidade e mellorará a vertebración e a estrutura territorial de comunicacións da comarca do Morrazo co eixe atlántico. Trátase, polo tanto, dunha actuación que procura mellorar a calidade de vida dos veciños e favorecer a actividade económica desta comarca do Morrazo.
Co fin de facer viable esta actuación, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas decidiu dividir a actuación en tres subtreitos. Actualmente estanse a rematar os proxectos construtivos do segundo e do terceiro tramo. O proxecto correspondente ao primeiro deles, o que une Rande-Domaio, está rematado, e recolle a conversión en autovía do actual corredor ao longo de arredor de 3 quilómetros de lonxitude.
Neste percorrido destacan tres infraestruturas principais:
• Viaduto de enlace de Rande, de 73 metros.
• Viaduto da Moura, de máis de 400 metros.
• E o túnel de Montealegre, de 133 metros.
A construción deste primeiro subtreito do desdobramento contará cun investimento de máis de 20 millóns de euros (incluídas expropiacións e servizos afectados).
O proxecto construtivo desenvolve o trazado aprobado en 2013, que respecto ao licitado anteriormente recolle, entre outros, axustes de deseño en planta e en alzado para minimizar no posible os movementos de terras. A finalidade é definir unha solución máis optimizada, mais sinxela e equilibrada e de menor impacto, mantendo a máxima funcionalidade.
Así, mentres o proxecto inicial prevía neste treito a duplicación da calzada na súa totalidade pola marxe dereita do actual corredor, a nova solución recolle a duplicación pola marxe esquerda (lado da ría), aproximadamente ata o p.q. 1+600, e pola marxe dereita (lado do monte) desde ese punto.
Para a definición do trazado da vía e das estruturas, e dada a complexidade da orografía da zona, realizáronse mais de 100 ensaios xeotécnicos (sondaxes, catas, ensaios de penetración dinámica, etc…) que permitiron a caracterización do terreo. Estes ensaios posibilitarán, ademais, que as obras se executen reaproveitando os materias existentes na maior medida posible, minimizando deste xeito o impacto da actuación.