UN TOTAL DE 20 EQUIPOS DE BACHARELATO DE 15 CENTROS DE GALICIA PARTICIPAN EN BERGONDO NA FASE PRELIMINAR DE PARLAMENTO XOVE

  • Trátase dunha iniciativa da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, da Consellería de Traballo e Benestar, que pretende potenciar o diálogo como ferramenta para argumentar as ideas propias entre a mocidade galega
  • Nesta edición o tema para a fase preliminar é: “Debería adiantarse a maioría de idade legal aos 16 anos?”
  • Dos 20 equipos que participan nesta xornada preliminar, 8 serán os que debaterán na final que descorrerá o 18 de abril no hemiciclo do Parlamento de Galicia
  • A próxima fin de semana terá lugar a segunda quenda de debates coa fase preliminar dos equipos de 3º e 4º de Educación Secundaria Obrigatoria
  • En canto aos premios, os gañadores de cada categoría contarán cunha axuda para unha viaxe; no caso de Bacharelato de 5.000 euros e, para os alumnos da ESO, de 3.000 euros

 

Bergondo (A Coruña), 27 de febreiro de 2015.- Un total de 20 equipos de 1ºe 2º de Bacharelato de 15 centros de ensino de toda Galicia participan hoxe e mañá no Pazo de Mariñán (Bergondo – A Coruña) na fase preliminar de Parlamento Xove, unha iniciativa da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, da Consellería de Traballo e Benestar, que pretende potenciar o diálogo como ferramenta para argumentar as ideas propias entre a mocidade galega. En concreto, os debates realizaranse mañá de 9,00 a 13,00 horas e de 16,00 a 19,00 horas.

 

Trátase dunha competición de debate na que os equipos representantes de centros educativos de toda Galicia empregan a oratoria para defender un determinado posicionamento acerca dun tema proposto pola organización. Os participantes de cada equipo (formado por catro alumnos e un profesor) investigarán, escribirán e, finalmente, debaterán sobre o tema proposto, incluíndose tamén a realización dun dossier de investigación. Nesta edición o tema para a fase preliminar é: “Debería adiantarse a maioría de idade legal aos 16 anos?”.

 

A dificultade da actividade está en que só cinco minutos antes de cada encontro dialéctico se  procede ao sorteo da postura a adoptar por cada equipo,“a favor”ou “en contra”, en relación á cuestión formulada. Os equipos levaron a cabo unha labor de investigación previa e agora contrapoñen e discuten datos e ideas.

 

Trátase de debates de carácter argumentativo; e gañarán, non os equipos que necesariamente teñan a razón, senón os que mellor sustenten as súas ideas. Durante o transcurso destes debates dialécticos, os mozos desenvolven valores como a capacidade de respectar a opinión dos demais, a colaboración cos compañeiros para elaborar as conclusións e fomentan a toma de conciencia no compartamento democrático.

 

Os obxectivos principais destes debates son: dar a coñecer e defender a postura sobre o tema proposto; dar elementos de xuízo claros na exposición; exercitar a expresión oral, a capacidade de escoitar e a participación activa e defender as opinións con xustificación.

 

Ante o elevado número de centros participantes, esta iniciativa está estruturada en dúas categorías diferenciadas por idades e tramo educativo: unha para alumnado de 3º e 4º de Educación Secundaria e outra para o de 1º e 2º de Bacharelato.

 

Participantes

Esta fin de semana na categoría de 1º e 2º de Bacharelato nesta fase preliminar participan un total de 20 equipos de 15 centros de ensino. Deste xeito, cun equipo participa: o IES de Melide, o IES de Mugardos, o Colexio Internacional Sek Atlántico de Poio, o IES Pintor Colmeiro de Silleda, o IES Castro Alobre de Vilagarcía de Arousa, o IES Monte Castelo de Burela, o IES de Foz, o IES A Pinguela de Monforte de Lemos, o Centro Educativo Galen de Lugo e o IES Chamoso Lamas do Carballiño. E con dous equipos cada centro participan: o Colexio Plurilingüe La Salle de Santiago, o IES Eduardo Pondal, tamén de Santiago, o IES Laxeiro de Lalín, o IES de Rodeira de Cangas do Morrazo e o IES de Becerreá.

 

Dos 20 equipos que participan nesta xornada preliminar, 8 serán os que debaterán na final que descorrerá o 18 de abril no hemiciclo do Parlamento de Galicia. O tema para o debate final será anunciado pola organización na web ‘http://.xuventude.xunta.es’. Ese mesmo día terá lugar o debate final entre equipos da categoría de 3º e 4º de Educación Secundaria Obrigatoria.

 

A próxima fin de semana terá lugar a segunda quenda de debates coa fase preliminar dos equipos de 3º e 4º de Educación Secundaria Obrigatoria. Os debates descorrerán na sede da Deputación provincial da Coruña. En canto aos premios, os gañadores de cada categoría contarán cunha axuda para unha viaxe; no caso de Bacharelato de 5.000 euros e, para os alumnos da ESO, de 3.000 euros.

 

Parlamento Xove, como actividade na que participa alumnado e profesorado de centros educativos, contribúe ao desenvolvemento de practicamente todas as competencias básicas: competencia lingüística, nos seus catro ámbitos (expresión oral e escrita e compresión oral e escrita); competencia matemática porque en todos os debates manexan datos e porcentaxes que avalan a súa argumentación; tratamento da información e competencia dixital; competencia social e cidadá, porque contribúe á convivencia dado que o traballo realízase en equipo; competencia cultural e artística, porque nos debates esíxese o emprego de figuras estilísticas e capacidade de retórica; e competencia para aprender a aprender e iniciativa persoal

About Vgomagazine

Revista Online.

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Cerrar sesión /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: