Archive | marzo 10, 2015

MÁIS DE 320 MENORES DE 30 ANOS BENEFÍCIANSE DE CONTRATOS DE FORMACIÓN DUAL AOS QUE A XUNTA DESTINA PRETO DUN MILLÓN DE EUROS

  • A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, acompañada da delegada territorial da Xunta en Vigo, María José Bravo Bosch, visitou hoxe aos 25 beneficiarios deste contrato en Bosch, en Vigo20150310_121957+
  • No caso concreto dos contratos de formación dual nesta empresa, a actividade formativa está vinculada á obtención dun certificado de profesionalidade na especialidade de “atención ao cliente, ao consumidor ou usuario”
  • Nos contratos na mesma, a parte formativa corresponde o 37% da xornada, o que supón un investimento de preto de 46.000 euros por parte do departamento autonómico
  • En total, actualmente Traballo está a investir 305.000 euros na actividade formativa de 136 contratos de formación dual en empresas e 600.000 euros en 188 contratos con concellos
  • A titular de Traballo explicou que se trata dun emprego cun salario acorde ao convenio colectivo con contratos vinculados a unha actividade formativa que debe ser do mínimo do 25% da xornada laboral
  • Beatriz Mato aproveitou para convidar ás empresas e concellos de Galicia a solicitar novos contratos na próxima convocatoria cuxa orde publicarase nas próximas semanas no DOG

 

Vigo, 10 de marzo de 2015.- A Consellería de Traballo e Benestar está a apoiar un total de 324 novos contratos de formación dual en Galicia -136 en empresas e 188 en concellos-, cun investimento global de preto de 1 millón de euros. Deste total, as contratacións nas empresas están a recibir 305.000 euros; e as dos concellos, 600.000 euros.

 

A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, acompañada da delegada territorial da Xunta en Vigo, María José Bravo Bosch, visitou hoxe a 25 destes menores de 30 anos, que están a beneficiarse dun contrato de formación dual dun ano de duración en Bosch Security Systems de Vigo, co fin de mellorar a súa empregabilidade.

 

Na súa intervención, a titular de Traballo explicou que estes contratos consisten nun emprego cun salario acorde ao convenio colectivo con contratos vinculados a unha actividade formativa que debe ser do mínimo do 25% da xornada laboral.

 

Os contratos de formación dual resultan “moi beneficiosos” tanto para os traballadores como para as empresas. Os traballadores, ademais de acceder a un contrato, ven como a súa formación, preparación e cualificación se incrementa de forma sobresaínte ao participar nesta actividade.

 

No caso concreto dos contratos de formación dual de Bosch, a actividade formativa está vinculada á obtención dun certificado de profesionalidade na especialidade de “atención ao cliente, ao consumidor ou usuario”. Trátase dun certificado de profesionalidade con validez nacional, que xa recibiron preto de 50.000 galegos e galegas, o que sitúa á Comunidade á cabeza de todas as autonomías nesta materia.

 

Mato engadiu que, ao mesmo tempo, a fórmula de formación dual supón tamén unha vantaxe para as empresas participantes, que poden contar cuns traballadores cunha preparación e formación específica para os seus postos de traballo, o que supón “a mellor garantía para a súa produtividade e competitividade”.

 

A Consellería de Traballo e Benestar, de forma voluntaria e pioneira, está a financiar toda a formación que exceda do 25% da xornada laboral. No caso dos 29 contratos de Bosch, a parte formativa supón o 37% da xornada, e isto supón un investimento de preto de 46.000 euros por parte do departamento autonómico.

 

Por último, Beatriz Mato aproveitou para convidar ás empresas e concellos de Galicia a participar activamente e solicitar novos contratos na próxima convocatoria de formación dual cuxa orde publicarase nas próximas semanas no DOG.

 

BENESTAR MOSTRA EN MADRID OS AVANCES NO MODELO INTEGRADO DE ATENCIÓN SOCIOSANITARIA EN GALICIA

  • _MG_2906A secretaria xeral de Política Social, Coro Piñeiro, participa hoxe e mañá en Madrid no V Congreso Internacional de Dependencia e Calidade de Vida da Fundación Edad&Vida
  • Piñeiro destacou que o Goberno galego está a desenvolver o Plan Marco de Atención Sociosanitaria de Galicia 2013-2016 e o Plan Trabe de Modernización Tecnolóxica dos Servizos Sociais
  • A responsable da área autonómica resaltou os novos instrumentos de xestión no eido social postos en marcha na Comunidade autónoma

 

Madrid, 10 de marzo de 2015.– A secretaria xeral de Política Social, Coro Piñeiro, expuxo hoxe en Madrid, no V Congreso Internacional de Dependencia e Calidade de Vida da Fundación Edad&Vida, os avances no modelo integrado de atención sociosanitaria que se está a aplicar en Galicia.

 

Piñeiro destacou a importancia dun modelo social que busque en todo momento a asistencia integral das persoas, entendido como un modelo de atención no ámbito sociosanitaria que inclúa os eidos dos servizos sociais, sanidade e educación. A secretaria xeral de Política Social explicou que esta fórmula en Galicia baséase en que cada entidade competente en cada un dos sistemas (sanitario, e social) mantén a súa propia estrutura, pero se compromete a participar nun sistema conxunto, adaptando as súas operacións e recursos aos requisitos e procesos acordados.

 

Así, a Xunta puxo en marcha o Plan Marco de Atención Sociosanitaria de Galicia 2013-2016, que xurdiu coa finalidade de estudar e analizar a situación de partida para aplicar este modelo e marcar as liñas estratéxicas de asistencia e atención futuras, identificando as necesidades específicas tanto sanitarias como sociais das persoas.

 

No marco deste plan, o Goberno galego está a levar a cabo diversas accións como as actuacións necesarias  para a creación dunha base de datos poboacional de referencia no ámbito sociosanitario de Galicia, é dicir, a identificación común dos usuarios do sistema. Para isto está a utilizarse a base de datos poboacional de Tarxeta Sanitaria do SERGAS e, deste xeito, facilitarase a identificación unívoca do usuario e a trazabilidade de todas as actuacións e prestacións que reciben no ámbito dos servizos sociais.

 

Este acordo, incluído no Plan Trabe de Modernización Tecnolóxica dos Servizos Sociais de Galicia, que establece a estratexia tecnolóxica do Goberno galego no ámbito dos servizos sociais, así como no Plan Marco de Coordinación Sociosanitaria de Galicia, impulsa definitivamente as dúas actuacións capitais para a modernización dos servizos sociais. O Plan Trabe, realizado en colaboración coa Axencia de Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), esténdese ata 2017 e conta cun orzamento de 20 millóns de euros.

 

Dunha banda, estase a realizar o desenvolvemento normativo da Historia Social Unica (HSU), que consiste nun sistema que consolidará a información completa dos usuarios en canto ás súas intervencións e actuacións co sistema de servizos sociais, e que poderá integrarse no futuro coa historia clínica. Neste asunto, o departamento autonómico está a investir máis de 700.000 euros ata 2015.

 

Novos instrumentos de xestión

Ao longo destes anos, ademais, Piñeiro explicou que a Consellería de Traballo e Benestar vén traballando na mellora do sistema a través da implementación de novos instrumentos de xestión, entre os que se poden destacar a ferramenta informática que permite a xestión integral de todo o procedemento para o recoñecemento do grao de dependencia e do dereito ás prestacións do sistema para a autonomía e atención á dependencia (SIGAD); a descrición,  análise e simplificación do procedemento elaborando o mapa de procesos simplificado, así como o  manual que recolle os procedementos e documentos técnicos do SAAD no ámbito dos servizos sociais comunitarios e de saúde de Galicia.

 

Así mesmo, destaca a posta en marcha do expediente dixital, un proxecto co que se persegue a mellora nos tempos de resolución e calidade da xestión do procedemento de recoñecemento da situación de dependencia en Galicia, e unha mellora nos servizos ofrecidos á cidadanía mediante a implantación de escenarios de administración electrónica.

 

Todas estas medidas se enmarcan nun plan de mellora de calidade que ten como fitos fundamentais a Carta de Servizos do Sistema para a Autonomía e Atención á Dependencia,  primeira carta auditada que se aproba en materia de servizos sociais; a implantación do modelo de calidade EFQM; ou o Informe social Unificado para o área de dependencia, discapacidade e promoción da autonomía persoal.

Afundación presenta a sátira VIP de Joglars en Vigo e Pontevedra

A Fundación Galicia Obra Social (Afundación) acollerá a próxima semana o novo espectáculo xurdido da satírica imaxinación dun dos grupos máis emblemáticos do panorama teatral contemporáneo, Joglars. A súa nova proposta, VIP, sobe ao escenario as actitudes condescendentes e consentidoras que na actualidade se chegan a cometer na educación de fillos e fillas e que poden acabar de modelar unha personalidade dominadora que somete os adultos, incluídos os pais e os mestres. A función de Vigo terá lugar no Teatro Afundación o xoves 19 de marzo ás 20.30 h, e a de Pontevedra será na Sede Afundación o sábado 21 de marzo tamén ás 20.30 h. As entradas para este evento están dispoñibles a través das canles habituais da entidade en ataquilla.com, na billeteira telefónica no 902 504 500, nas da Central de Espectáculos de Vigo, ou ben nas sedes Afundación en Santiago de Compostela, Ourense e A Coruña.