XUNTA OFERTA UN TOTAL DE 1.820 PRAZAS EN PONTEVEDRA PARA ACTIVIDADES DA CAMPAÑA DE VERÁN 2015 DIRIXIDA A MOZOS E MOZAS

  • A delegada territorial da Xunta en Vigo, María José Bravo Bosch, presentou hoxe en rolda de prensa os campamentos, campos de traballo e actividades que este verán se ofrecen aos xoves de 9 a 30 anos
  • O Diario Oficial de Galicia (DOG) vén de publicar a orde de convocatoria para os campamentos, dirixidos a mozos e mozas de entre 9 e 17 anos, e cuxo prazo de inscrición estará aberto ata o 8 de abril
  • Entre as actividades que se levarán a cabo na área territorial viguesa destaca o campo de traballo das Illas Cíes, durante os meses de xullo e agosto e que conta con 120 prazas para mozos e mozas de entre 18 e 30 anos.
  • Como novidade este ano, incorpóranse as quendas IMPLÍCA-T para maiores de 14 anos que incluirán actividades de educación non formal e voluntariado
  • Ademais da oferta en Galicia, poderase optar a campos de traballo noutras comunidades autónomas e no estranxeiro, en países como Finlandia, México, Xapón ou Taiwan, entre outros
  • O orzamento supera este ano os 2,4 millóns de euros e permitirá a contratación de máis de 900 persoas como monitores e directores de tempo libre

 

Vigo, 27 de marzo de 2015.-  A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Traballo e Benestar, ofrece este ano un total de 1.820 prazas para actividades da campaña de verán 2015 dirixida aos mozos e mozas de entre 9 e 30 anos da provincia de Pontevedra.

 

Esta mañá, a delegada territorial da Xunta en Vigo, María José Bravo Bosch, presentou a iniciativa para este verán que a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado vén de publicar no DOG e que oferta á mocidade actividades de carácter lúdico, cultural ou deportivo. As actividades están así dirixidas a mozos e mozas de entre 9 e 30 anos, e están divididas especificamente segundo os distintos grupos de idade. Ademais, coma principal novidade, este ano se incorpora unha nova programación en campamentos para maiores de 14 anos.

 

Bravo Bosch puxo en valor o esforzo da Consellería de Traballo e Benestar, concretamente da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, por manter esta campaña e incluso incrementar o número de prazas nun 2,8% máis que no 2014 xa que, en toda Galicia, se ofertarán máis de 8.500 prazas. “Por cuarto ano consecutivo, a Xunta incrementa as prazas da campaña de verán, o que nos permite organizar a programación máis importante de todo o Estado”, destacou.

 

Para poñer en marcha todas estas actividades, o Goberno galego investirá 2,4 millóns de euros, un financiamento que permitirá, ademais, a contratación de máis de 900 persoas como monitores e directores de tempo libre.

 

Destacou así esta aposta da Xunta de Galicia non só polo carácter cultural e lúdico que ten para os mozos e mozas ou pola xeración de emprego que supón, senón tamén porque favorece a conciliación da vida laboral, persoal e familiar durante os meses estivais.

Na programación para a provincia inclúense: campamentos xuvenís para menores de 18 anos; o uso en oferta concertada das instalacións xuvenís existentes en Pontevedra así coma campos de traballo en España e no estranxeiro;  ademais de accións de reencontro con mozos e mozas descendentes de galegos residentes no exterior.

 

Deste xeito, entre as actividades que se ofertan dentro da área territorial viguesa destaca o Campo de Traballo nas Illas Cíes, que oferta un total de 120 prazas en 4 quendas durante os meses de xullo e agosto para xoves de entre 18 e 30 anos.

 

Campamentos de verán para menores de 18 anos

O obxectivo dos campamentos de verán é que a mocidade empregue o seu tempo libre en actividades de carácter lúdico, cultural e deportivo, ao tempo que coñecen outros territorios e viven novas experiencias.

 

Este verán haberá 1.260 prazas na provincia para nenos e nenas de entre 9 e 17 anos. Haberá distintas quendas, de entre 8 e 12 días, durante os meses de xullo e agosto para as instalacións xuvenís das Sinas, Pontemaril ou o campamento da Illa de Ons onde poderán realizar actividades de carácter náutico, de expresión cultural ou de multiaventura.

 

A praza dos campamentos inclúe o programa de actividades, o aloxamento, a manutención en réxime de pensión completa, o material e atención sanitaria. No caso de traslado a outras comunidades autónomas, inclúese tamén o transporte desde Santiago de Compostela ata o destino. O prazo de inscrición estará aberto ata o 8 de abril e, entre todas as solicitudes, realizarase un sorte público ante notario.

 

A maiores, Bravo Bosch explicou que será precisamente neste tipo de actividades onde se incorporará a principal novidade deste ano. Por primeira vez, poranse en marcha os campamentos IMPLÍCA-T para mozos entre 14 e 17 anos. Neles, ademais das tradicionais actividades de ocio e tempo libre, os participantes contarán con outras accións como a participación na conservación de espazos, a colaboración na sensibilización contra os incendios forestais ou dinamización do camiño. Deste xeito, a través da educación non formal que proporcionan o voluntariado e a participación, adquirirán e desenvolverán valores como o compromiso, a responsabilidade, a iniciativa ou o traballo en equipo.

 

A delegada recordou, ademais, que os mozos e mozas poderán optar a participar en campamentos de intercambio noutras comunidades autónomas, concretamente no País Vasco, Castela e León, Estremadura e A Rioxa. Pola súa banda, participantes doutras comunidades autónomas poderán vir a Galicia.

 

Tamén e, coma ven sendo habitual nos últimos anos, colaborarase coa Secretaría Xeral de Emigración para facilitar a participación de descendentes de emigrantes galegos e reservaranse prazas para colectivos específicos que serán xestionadas pola Secretaría Xeral de Igualdade, a de Política Social e a Dirección Xeral de Familia e Inclusión.

 

 

Oferta concertada

Ademais das prazas de xestión directa, Xuventude tamén oferta o uso das súas instalacións á concellos, asociacións xuvenís, grupos informais de mozos e mozas e outros colectivos para que organicen as súas actividades. A través desta fórmula, porase a disposición da mocidade pontevedresa un total de 380 prazas nas instalacións dependentes da Consellería de Traballo e Benestar.

 

Campos de traballo

A programación da campaña de verán inclúe tamén os campos de traballo, cuxa convocatoria estará dispoñible o próximo mes. Esta experiencia de voluntariado e mobilidade, para xoves de 18 a 30 anos, persegue ofertar unha alternativa responsable dentro do ocio e tempo libre cunha programación de calidade que pretende así fomentar o intercambio de experiencias e o coñecemento do territorio.

 

Os campos de traballo, cun total de 180 prazas na provincia –cun incremento dun 2,2%- se realizarán nas Illas Cíes (120 prazas), Cotobade (20), Ribadumia (20) e Illa de Cortegada (20). O seu obxectivo é fomentar a convivencia, a participación e a tolerancia a través dunha colaboración desinteresada e voluntaria en traballos diversos que se levan a cabo en todas as comunidades autónomas e en distintos países.

 

Toda esta oferta estará á disposición da mocidade galega, e especialmente do resto de comunidades autónomas e de países como Francia, Alemaña, Grecia, Italia, Corea do Sur ou Xapón, así coma voluntarios procedentes de Galicia exterior.

 

Ademais, os mozos e mozas galegos poderán asistir ao mesmo tipo de actividades organizadas ao longo do territorio español e en países como Francia, Alemaña, Finlandia, Italia, Países Baixos, República Checa, Portugal, Xapón, México, Corea do Sur, ou Taiwan.

 

 

 

 

Acerca de Vgomagazine

Revista Online.

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Cerrar sesión /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: