A XUNTA DESTACA OS AVANCES SOCIAIS DO POBO XITANO E APOSTA POR SEGUIR INCREMENTANDO A SÚA INCLUSIÓN

  • O Goberno galego súmase á celebración do Dia Internacional do Pobo Xitano, que ten entre os seus obxectivos visibilizar este colectivo
  • A Xunta lembra que segue a ser preciso promover o coñecemento e o respecto mutuo cun enfoque intercultural e fomentar a participación das persoas xitanas en todos os eidos da sociedade galega
  • A Consellería de Traballo e Benestar está a desenvolver a Estratexia sectorial da Poboación Xitana en Galicia 2014-2020

Santiago, 8 de abril de 2015.- O Goberno galego súmase hoxe á celebración do Día Internacional do Pobo Xitano e lembra que esta xornada ten unha profunda significación para a poboación xitana de todo o mundo e tamén para Galicia. “O recoñecemento das achegas sociais, económicas e culturais do pobo xitano á historia e á identidade da nosa terra, así como dos logros que fomos quen de alcanzar xuntos, axúdanos ademais a poñer nun primeiro plano os retos que temos pendentes de conseguir” destaca a Xunta.

 

Este día, que rememora o Congreso Mundial Xitano celebrado en Londres en 1971, é unha data emblemática, xa que neste congreso institucionalizouse o himno e a bandeira xitana, deuse proxección internacional ás dificultades e as discriminacións que o pobo xitano sufriu ao longo da historia e rendeuse un merecido tributo a todas as persoas xitanas.

 

Hoxe, como entón, segundo precisa a Xunta, é necesario seguir reivindicando os dereitos do pobo xitano en Galicia e en todo o mundo, ao tempo que destaca que en Galicia, como España e os demais países da Unión Europea, está “firmemente comprometida” cos valores da xustiza, a liberdade, o pluralismo e a igualdade de oportunidades. “Pero, para que estes valores sexan reais e efectivos quedan cousas por facer, por cambiar e mellorar, pois o recoñecemento formal dos dereitos non sempre vai acompañado dun exercicio libre de atrancos por parte de todas as persoas e os grupos”, subliña.

 

Os avances experimentados pola poboación xitana en Galicia nas últimas décadas son “incuestionables”. Pero xunto a esta realidade positiva, segue sendo preciso, tal e como recorda a Consellería de Traballo e Benestar, promover o coñecemento e o respecto mutuo cun enfoque intercultural, e fomentar a participación das persoas xitanas en todos os eidos da sociedade galega: tanto no social, como no económico e no laboral.

 

Así mesmo, o Goberno galego sinala que a sociedade galega ten a aspiración e demanda que todos os galegos e as galegas vivan en igualdade de dereitos, con independencia da súa orixe, raza, cultura e condición e, para logralo, o Goberno galego comprométese a promover a inclusión social activa das persoas xitanas en todos os ámbitos, así como ao desenvolvemento de actuacións compensatorias que posibiliten que estas sexan quen de exercer os seus dereitos sociais e económicos con plenitude, sen discriminacións nin atrancos que non representan o sentir da cidadanía galega en ningún caso.

 

Para iso, a Consellería de Traballo e Benestar lembra que está a desenvolver a Estratexia sectorial da Poboación Xitana en Galicia 2014-2020, que se elaborou coa participación activa das entidades locais e das asociacións e organizacións non gobernamentais que representan e están a traballar coa comunidade xitana,  e subliña que é “unha boa ferramenta para alcanzar estes obxectivos”.

 

“A consecución dos retos que temos trazados, nos afecta a todos: tanto á sociedade civil, como ao Goberno galego. Hoxe, Día Internacional do Pobo Xitano, reiteramos a nosa determinación para alcanzar unha sociedade máis inclusiva e aberta. Esta é a nosa aspiración e o noso compromiso”, remata o Goberno galego.

Acerca de Vgomagazine

Revista Online.

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Cerrar sesión /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: