Archive | abril 27, 2015

Recordatorio + actualización: convocatoria prensa// fallo xurado Bolsas produción DKV/MARCO

CONFERENCIA DE PRENSA

Fallo xurado

Bolsas de produción DKV/MARCO

 

O Departamento de Comunicación do MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo, convócalles áconferencia de prensa que terá lugar mañá martes 28 de abril ás 12.00, no salón de actos, na que se dará a coñecer o fallo do xurado das Bolsas de produción DKV/MARCO 2015.

A convocatoria das Bolsas de produción DKV/MARCO 2015, que se fixo pública o 13 de febreiro, ten como obxecto outorgar dúas bolsas para a realización de sendos proxectos de artistas españois ou con residencia legal en España, nacidos a partir de 1972. As dúas obras seleccionadas formarán parte da exposición que terá lugar nas salas da planta baixa do MARCO a partir de outubro de 2015, xunto a outras obras producidas por DKV e pertencentes á súa colección.

+ información e bases da convocatoria en http://www.marcovigo.com/es/content/becas-de-producci-n-dkvmarco-2015

O prazo de admisión de propostas finalizou o pasado 10 de abril, cun total de 142 proxectos presentados. A selección dos dous proxectos gañadores corre a cargo dun xurado composto por Josep Santacreu e Alicia Ventura como membros designados por DKV Seguros; Iñaki Martínez Antelo e Agar Ledo Arias por parte do MARCO; David Barro (director Fundación Luis Seoane) e Carlos Rosón (director Fundación RAC) como membros externos.

Nesta conferencia de prensa participarán:

–          Abel Caballero Álvarez, alcalde de Vigo e presidente da Fundación MARCO

–          Alicia Ventura directora de Gestión Arte Ventura, Valencia, e Asesora da Colección DKV Seguros Médicos

–          Iñaki Martínez Antelo, director do MARCO

 

Grupo DKV é parte de Munich Health,  un dos tres segmentos de negocio de Munich Re que reúne o seu coñecemento global sobre saúde en seguros, reaseguros e xestión de risco. Como unidade de negocio dentro de Munich Re, Munich Health cubre un amplo espectro de solucións de saúde.

En España, Grupo DKV está implantado en todo o territorio nacional, cunha ampla rede de oficinas e consultorios na que traballan case 2.000 empregados, e que dá servizo a preto de 2 millóns de clientes. A súa vocación é ofrecer aos seus asegurados unha xestión orientada á calidade, caracterizada por unha actitude de innovación permanente en produtos e servizos e pola especialización en saúde e seguros persoais.

A compañía aseguradora especializada en saúde DKV Seguros creou ARTERIA DKV, un programa dedicado a impulsar diferentes accións que fomentan a creación artística, sempre ligada á saúde e a mellorar a calidade de vida das persoas. Deste xeito, fiel ao seu compromiso artístico, DKV Seguros pretende impulsar a innovación e a creatividade en xeral entre o sector asegurador e sanitario, ademais de fomentala como un valor na sociedade.

 

MATO AVOGA POR PROMOVER O BENESTAR NO LUGAR DE TRABALLO E ACADAR MAIOR COORDINACIÓN EN SAÚDE LABORAL PARA REDUCIR A SINISTRALIDADE

  • A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, avanzou hoxe en Vigo que a Xunta está a ultimar o Mapa de risco ergonómico, co fin de mellorar os mecanismos de prevención para evitar os accidentes por sobreesforzo e os trastornos musculoesqueléticos
  • Este mapa formará parte do Plan Estratéxico de Seguridade e Saúde Laboral para 2015-2020 que se atopa en fase de alegacións, segundo explicou hoxe durante unha visita á escola de espalda posta en marcha pola factoria de PSA Citroën
  • Mato lembrou a necesidade de seguir traballando entre todos para acadar maiores niveis de prevención e menores cifras de sinistralidade laboral
  • Con motivo do Día Mundial da Seguridade e a Saúde no Traballo que se celebra mañá, desde o ISSGA estanse a organizar esta semana diversas actividades e xornadas de sensibilización e asesoramento

 

Vigo, 27 de abril de 2015.- A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, destacou hoxe que a redución de accidentes laborais, o aumento da produtividade ou a satisfacción dos traballadores e traballadoras contribúen a mellorar a eficiencia e a rendibilidade das empresas. Por iso, apostou por fomentar o benestar no lugar de traballo e acadar “unha coordinación eficaz” en materia de seguridade e saúde laboral para reducir a sinistralidade.

 

Así o destacou en Vigo, onde Beatriz Mato participou no Día da Seguridade e Saúde no Traballo da factoría de PSA, unha data que se celebra mañá a nivel mundial baixo o lema ‘Únete á construción dunha cultura da prevención en materia de seguridade e saúde no traballo’ co obxectivo de dar visibilidade á prevención de riscos e concienciar ao conxunto da sociedade da súa importancia. “Apostar pola saúde no traballo ofrece beneficios a nivel individual e colectivo, tanto en termos de benestar como de eficiencia e sostibilidade”, apuntou.

 

Para reducir a sinistralidade, a conselleira de Traballo destacou a importancia de ter en conta as características propias de cada sector produtivo, posto que cada un deles esixe unha estratexia de prevención, saúde e seguridade diferenciada. Así, indicou que no sector da automoción é, por exemplo, se cabe máis importante, a coordinación en saúde e seguridade laboral, xa que é habitual que nun mesmo centro traballen empresas distintas e existan provedores exteriores.
Neste sector, ademais, é relevante o manexo de produtos químicos e o coñecemento sobre os riscos ergonómicos, dous ámbitos nos que, segundo lembrou Mato, o Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA) ten diversas actuacións.

 

Por unha banda, a titular de Traballo recordou que a Xunta conta cun mapa de risco químico centrado en identificar os produtos perigosos e ou seu uso nas empresas galegas. Para realizar este documento, o Goberno galego contou coa colaboración de 180 empresas que operan en Galicia e que representan a 32.000 traballadores e traballadoras. Doutro lado, a Consellería está na actualidade a desenvolver o mapa de risco ergonómico no que se propoñen obxectivos directamente ligados co sector da automoción.

 

Estratexia de Seguridade e Saúde Laboral

Así mesmo, Mato indicou que para reducir a sinistralidade laboral, a Xunta está a elaborar nestes momentos o Plan Estratéxico de Seguridade e Saúde Laboral para o período 2015-2016, un documento que actualiza e inclúe todas as melloras que sexan necesarias para acadar este obxectivo. Nestes momentos, o borrador tense presentado aos axentes sociais e atópase en fase de alegacións. “O seu resultado final será froito do consenso e a concertación”, apuntou Mato.

 

O documento presenta importantes avances como a aposta pola redución dos trastornos musculoesqueléticos; incide nas actuacións de seguridade e saúde en pequenas e medianas empresas e microempresas; aposta polo reforzo da coordinación entre administracións; busca intensificar as actuacións con colectivos específicos como os mozose e mozas, traballadores e traballadoras de idade avanzada; mulleres embarazadas; persoas con discapacidade; ou persoas especialmente sensibles a determinados riscos; e, por último, o borrador da Estratexia pon acento no estudo dos riscos emerxentes e as súas causas. “En xeral contempla a necesidade de fomentar unha cultura da saúde e da prevención e a nosa intención é que esta Estratexia conte cunha revisión intermedia ao finalizar 2017”, sinalou.

 

Por último, Mato engadiu que grazas ao traballo conxunto das administracións, axentes sociais, empresas e traballadores a sinistralidade laboral estase a reducir como o demostran os datos de 2014 cando se rexistraron en Galicia menos da metade dos accidentes laborais que houbo no ano 2008. Estas cifras son similares ás rexistradas no sector da automoción, no que os accidentes diminuíron un 52 por cento desde 2009.

 

Actos do ISSGA

Con motivo mañá do Día Mundial da Seguridade e a Saúde no Traballo, que celebra a Organización Internacional do Traballo co fin de promover a prevención de accidentes laborais e enfermidades profesionais en todo o mundo, a Consellería de Traballo e Benestar organiza e participa esta semana en diversas actividades relacionadas con este evento, tanto nos seus centros como en colaboración con outras entidades. Así, entre outras actuacións, destaca mañá a celebración por parte do centro do ISSGA en Ourense de charlas sobre a importancia da cultura preventiva, que terán lugar no CIFP A Carballeira de Ourense; e no centro de formación profesional de Lourizán, o centro do ISSGA de Pontevedra organiza unha charla sobre o estado da seguridade e saúde laboral no sector forestal.

COMEZA MAÑÁ O PRAZO PARA SOLICITAR O CHEQUE INFANTIL CO QUE BENESTAR FINANCIARÁ MÁIS DE 1.100 PRAZAS DE 0-3 ANOS NO CURSO 2015/2016

  • O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a convocatoria destas axudas
  • Terán como prioridade, como en anos anteriores, aqueles nenos e nenas que xa tiveran concedida a axuda no curso pasado e, como novidade, establécense tamén como preferentes os solicitantes de concellos sen oferta de escolas infantís sostidas con fondos públicos
  • Esta actuación permitirá ás familias contar cunha axuda para acudir a calquera escola infantil privada que escollan e terán de prazo un mes para solicitala
  • A contía a percibir polos usuarios por cada praza de xornada completa oscilará entre os 45 euros mensuais das rendas máis altas e os 250 euros para as rendas máis baixas

 

Santiago, 27 de abril de 2015.- O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a convocatoria de axudas da Consellería de Traballo e Benestar do cheque infantil, que no curso 2015-2016 está dotada cun orzamento de máis de 1,7 millóns de euros. Con este investimento, poderanse financiar máis de 1.100 prazas de 0-3 anos en escolas infantís privadas destinadas a aquelas persoas que non resultaran adxudicatarias dunha praza pública, ou ben para aquelas familias que residen nunha localidade na que non existen instalacións sostidas con fondos públicos.

 

Terán prioridade –como en anos anteriores- aqueles nenos e nenas que xa tiveran concedida a axuda no curso pasado, de xeito que se poida dar continuidade á súa escolarización, sempre e cando sigan cumprindo os requisitos da orde, e, como novidade, establécese tamén prioridade na obtención da axuda para aqueles solicitantes de concellos onde non exista ningún centro sostido con fondos públicos.

 

O prazo de solicitude destas axudas é dun mes a contar a partir de mañá. As persoas que non resultaran adxudicatarias dunha praza pública formando parte das listas de agarda definitivas en calquera das escolas infantís sostidas con fondos públicos e, sempre e cando  exerceran a opción polo programa de cheque infantil non terán agora que cursar solicitude.

 

A convocatoria deste ano consolida o cambio iniciado na orde publicada en 2012. Desde ese curso os pais e nais poden elixir sen restricións o centro no que matriculan aos seus fillos e fillas, xa que son agora as familias as que perciben directamente esta contía a través dun bono mensual. Anteriormente os beneficiarios só podían acceder unha praza nalgún das instalacións adscritas a este programa, posto que eran as propias escolas as que recibían a subvención. Esta nova forma de abono da axuda permite ás familias conseguir unha maior flexibilidade ao poder escoller calquera centro, sempre que estea autorizado.

 

A contía a percibir varía en función da renda, e oscila entre os 45 euros mensuais e os 250 euros no caso da xornada completa con comedor. Por esta razón, o número total de beneficiarios –que adoita ser de 1.000 aproximadamente- pode variar en función de cal sexa a renda das familias que soliciten cada ano estas axudas. Unha vez concedida, só se pode variar o tipo de servizo solicitado polas seguintes circunstancias, sempre que sexan xustificadas: pasar a situación de desemprego ou outros motivos laborais; enfermidade grave dos pais, nais ou representantes legais; ou situación de nulidade, separación ou divorcio.

 

No acceso ás axudas,  os requisitos a cumprir son principalmente dous: ter unha nena ou neno nacido con posterioridade ao 31 de decembro de 2012 e non dispoñer doutras axudas para igual ou análoga finalidade outorgadas por outros organismos ou institucións públicas ou entes privadas que, en concorrencia coa regulada nesta orde, supere o custo da praza.

 

Con respecto aos novos solicitantes, mantéñense os criterios da orde de cursos pasados: poderán beneficiarse da axuda aquelas persoas con nenos e nenas de 0 a 3 anos que tiñan solicitado praza pública e non resultaran adxudicatarios, sempre e cando exercesen a opción polo cheque infantil cando a solicitaron. Tamén terán dereito a esta subvención aquelas persoas que residan en localidades onde non existan escolas infantís de 0 a 3 anos sostidas con fondos públicos.

 

Na orde enténdese como prazas sostidas con fondos públicos aquelas dependentes directamente da rede de escolas infantís da Xunta, das corporacións locais ou ben aquelas de iniciativa social que son subvencionadas polo Goberno galego. Este ano, vaise manter o mesmo período de presentación de solicitudes que o ano pasado, co obxectivo de que se consoliden esas datas para que as familias poidan ter unha previsión dos prazos anuais da convocatoria e de que as resolucións estean listas no mes de xullo.

 

Esta orde de axudas vén a complementar a orde de financiamento das escolas de iniciativa social que foi publicada no DOG o pasado mes de xaneiro. Esta convocatoria destina en 2015 máis de 3 millóns de euros para manter unhas 2.700 prazas en escolas infantís, ás que agora se sumarán as que sexan financiadas polo cheque infantil.

“Moito Conto” volve a Santiago

PREVISIÓN INFORMATIVA para o domingo 3 de maio

“Moito Conto”, a peculiar versión de Hansel&Gretel asinada por Alex Sampayo, volve a Santiago

O espectáculo familiar “Moito Conto”, da compañía compostelá Redrum Teatro, estará este domingo ás 18.30 no Teatro Principal

Este domingo 3 de maio, o Teatro Principal de Santiago, acollerá, a partir das 18.30 h, a representación do espectáculo Moito Conto, da compañía de teatro Redrum.

Producida co apoio da Xunta de Galicia, SOGAMA, o Inega e a Fundación Paideia Galiza, Moito Conto é unha adaptación do coñecido conto Hansel&Gretel en clave de comedia musical que trata de educar e concienciar en valores de respecto ao medio ambiente e hábitos alimenticios saudables. Está protagonizada por Mónica García, Guillermo Carbajo e Tamara Canosa, caras coñecidas polo gran público por ser protagonistas de distintas series da Televisión de Galicia.

A dirección vai a cargo de Alex Sampayo, director tamén coñecido polo seu traballo no sector audiovisual, no que ten dirixido series como El Internado ou Padre Casares. Neste momento vén de presentar en varios festivais de todo o mundo a súa ópera prima Schimbare, unha película protagonizada por Candela Peña e Luis Zahera.

A compañía compostelá Redrum estreou este espectáculo no 2011 no Salón Teatro de Santiago e dende entón non parou de xirar por teatros de toda Galicia cun enorme éxito de público e crítica.

Vai dirixido a público familiar a partires dos 5 anos e as entradas poden adquirirse na billetería do Teatro Principal ou no portal de venta de entradas online de Abanca.

Afundación trae a Vigo a espectacular representación sobre xeo de O lago dos cisnes

A Fundación Galicia Obra Social (Afundación) presentará entre o 13 e o 17 de maio noTeatro Afundación de Vigo (Policarpo Sanz, 13), nun total de oito funcións, a última produción de Imperial Ice Stars, O lago dos cisnes sobre xeo, unha espectacular versión do clásico de Tchaikovski que situará sobre o escenario 25 patinadores que suman máis de 200 medallas, logradas en competicións mundiais, europeas e nacionais. As entradas están dispoñibles a través das canles habituais da entidade, enwww.ataquilla.com ou ben na billeteira telefónica no 902 504 500.

 

REMATA O CURSO DE XESTIÓN DE PROXECTOS DE PARTICIPACIÓN IMPULSADO POR XUVENTUDE, NO QUE SE FORMARON 110 PROFESIONAIS

  • Organizáronse un total de dúas accións formativas, que veñen de finalizar, e que ofreceron asesoramento directo para a planificación, redacción e xestión de proxectos de participación no eido da mocidade
  • Levarase a cabo unha terceira edición deste actividade debido ao elevado interese detectado durante o prazo de inscrición

 

Santiago, 27 de abril de 2015.- O curso de xestión e dirección de proxectos de participación xuvenil, unha actividade formativa pioneira en Galicia organizada pola Consellería de Traballo e Benestar, vén de rematar coa participación dun total de 110 profesionais.

 

En concreto, desenvolvéronse dúas actividades formativas: entre febreiro e abril nas cidades de Ourense, Pontevedra, Santiago, A Coruña, Lugo e Vigo para 90 persoas; e outra edición intensiva, durante dous sábados do mes de marzo, en Santiago de Compostela, e na que tomaron parte 20 persoas.

 

Estes cursos están dirixidos a traballadores e xestores do eido da xuventude, profesores, directivos de entidades xuvenís e de acción voluntaria, e estudantes universitarios. Os contidos impartíronse cunha metodoloxía participativa e dinámica, co fin de formar aos inscritos en competencias clave en este ámbito.

 

Así, cada acción formativa –de 50 horas de duración- estivo dirixida a 15 alumnos, co fin de favorecer unha atención máis personalizada. Do total, 25 horas destináronse a contidos teóricos e presenciais, e outras tantas foron para a formación práctica, onde se incluíu a participación do alumnado nas xornadas do programa Incubadora de Proxectos, que ten como obxectivo achegar os novos programas de educación non formal aos concellos e universidades galegas.

 

Deste xeito, ao longo da realización do curso, dotouse aos participantes de recursos, ferramentas e materiais necesarios para impulsar a aprendizaxe non formal desde as súas organizacións. De feito, o propio programa xurdiu da demanda existente para mellorar a calidade dos proxectos de participación xuvenil, tendo en conta a crecente oferta no marco da educación non formal e de participación da mocidade, elementos que cada vez contan con máis peso no currículo.

 

Durante o período de inscrición do cursos, foron máis de 300 os interesados na súa realización, polo que a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado levará a cabo unha terceira edición desta actividade formativa.

Un documental sobre a historia do teatro galego, na XVII Mostra de Teatro Universitario de Vigo

o que hai que facer para non ir ao marVigo, 27 de abril de 2015.- Mañá martes, 28 de abril, a Casa Galega da Cultura de Vigo acollerá a proxección de O que hai que facer para non ir ao mar. Unha viaxe a través do teatro galego, dentro da XVII Mostra Internacional de Teatro Universitario de Vigo.

 

Este ano a programación da MITEU inclúe, por primeira vez, un documental. Estreado a finais de 2014 no Teatro Rosalía de Castro da A Coruña e dirixido por Iago Vázquez, este documento fala do teatro galego desde os anos 60 ata a fin do pasado século, abordando temas tan actuais como a “eterna” crise das artes escénicas galegas, a relación entre os compañeiros de profesión, a creación de escolas de arte dramática, os problemas na distribución das funcións, etc. A historia xira arredor das pescudas de Uxía, a filla de Tuto e Mariajo -dous actores falecidos-, dos que quere saber máis, facendo así unha viaxe histórica e emocional a través dos compañeiros dos seus país, achegándonos á historia do teatro galego daquela época.

 

 

 

 

 

O que hai que facer para non ir ao mar. Unha viaxe a través do teatro galego

 

 

Data:     28 de abril

Hora:    19.30 h  //  Entrada libre e gratuíta ata completar aforamento

Lugar: Casa Galega da Cultura (praza Princesa, 2)

 

O II Festival Ensaiamos da Universidade de Vigo premiará ao mellor grupo de 2015 coa gravación dunha maqueta

O mércores 29 de abril, cinco grupos de rock saídos do programa de ensaios da UVigo deberán convencer ao público e a un xurado profesional

 KAS LIMON

Vigo, 27 de abril de 2015.- O vindeiro mércores, 29 de abril, a Universidade Vigo acollerá o festival Ensaiamos-Colleita 2015 no que participarán cinco grupos musicais saídos do Ensaiamos, programa que a UVigo promove desde o ano 2006. Por segundo ano consecutivo, e grazas á calidade dos grupos que forman parte do programa neste curso, organizarase un festival composto por un concerto principal, o mércores 29 de abril a partir das 17.30 horas no teatro de Cidade Universitaria; e un microconcerto, o 5 de maio no Centro Comercial da UVigo, a partir das 13.30 horas.

O DOG PUBLICA HOXE AS AXUDAS PARA FORMACIÓN DUAL QUE PERMITIRÁ A FORMALIZACIÓN DE 500 CONTRATOS PARA MENORES DE 30 ANOS

  • A Consellería de Traballo e Benestar investirá nesta iniciativa máis de 2,6 millóns de euros
  • Poderán beneficiarse destas subvencións as entidades locais que realicen contratacións de formación e aprendizaxe, así como as persoas empregadoras e as empresas
  • O prazo para solicitar as axudas comeza mañá e rematará o 30 de setembro para as empresas e o 15 de novembro para as entidades locais
  • Esta iniciativa consiste en proporcionar aos beneficiarios un contrato asociado a unha actividade formativa de calidade
  • A orde inclúe dous programas de incentivos; para a formación asociada aos contratos de formación e aprendizaxe e para a actividade laboral do contrato
  • Os contratos para a formación e a aprendizaxe incentivaranse cunha axuda de ata 1.200 euros e, no caso da formación, será subvencionable sempre que exceda do 25% da xornada laboral

 

Santiago, 27 de abril de 2015.– O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a orde de axudas da Consellería de Traballo e Benestar para a formación dual co que se prevé poder formalizar preto de 500 contratos para mozos e mozas menores de 30 anos. O departamento autonómico investirá nesta iniciativa, coa que se regula, polo  tanto, o financiamento de formación asociada aos contratos de formación e aprendizaxe, máis de 2,6 millóns de euros.

 

Con esta actuación, o departamento autonómico dá resposta á aposta do Goberno galego por incentivar o emprego a través do contrato de formación e aprendizaxe, xa que así se poden formar aos mozos e mozas mentres perciben unha retribución polo seu traballo, amparados por un contrato con todas as garantías legais e cun salario estipulado e axustado ao convenio colectivo e supervisado polo Servizo Público de Emprego de Galicia.

 

Esta iniciativa, que combina un posto de traballo cunha actividade formativa, está dirixida, especialmente, aos menores de 30 anos cunha baixa cualificación e que estean en situación de desemprego. Tamén poderán ser beneficiarios os mozos inscritos no Sistema nacional de garantía xuvenil.

 

Poderán ser beneficiarias dos incentivos as entidades locais para ás que se destinan 1,4 millóns de euros do global da orde de axudas e, doutra banda, as persoas empregadoras e as empresas, calquera que sexa a forma xurídica que adopten, incluídos os autónomos e as sociedades civís e comunidades de bens, aínda que carezan de personalidade xurídica, que contraten traballadoras e traballadores por conta allea para prestar servizos en centros de traballo da Comunidade Autónoma de Galicia, de acordo cos requisitos e condicións que se establecen na orde.

 

O prazo de solicitude destas axudas comeza mañá e rematará o 30 de setembro para as empresas e o 15 de novembro para as entidades locais.

A iniciativa ofrece aos mozos desempregados un contrato profesional e unha formación certificada, ao tempo que as entidades contratantes teñen a posibilidade de contar con profesionais preparados para determinados labores específicos. O proxecto consiste en proporcionar aos beneficiarios un traballo asociado a unha actividade formativa de calidade vinculada a demanda real do mercado laboral e a un certificado de profesionalidade, de validez estatal.

 

Deste xeito, ademais de proporcionar un traballo, mellórase a preparación e cualificación dos participantes, un aspecto especialmente importante no caso daqueles mozos e mozas que en época de bonanza abandonaron a súa formación por un posto de traballo, que entón abundaban en sectores como a construción ou o metal e que a día de hoxe non contan cunha formación específica nin outra experiencia laboral.

 

Este contrato ofrece vantaxes e oportunidades tanto para a empresa como para o traballador. Trátase dun contrato cun salario acorde ao convenio colectivo. A súa duración mínima é dun ano, podendo chegar ata os tres.

 

Dous tipos de incentivos

A orde de axudas conta con dous tipos de programas de incentivos: para a formación asociada aos contratos e para a actividade laboral do contrato.

 

No primeiro caso, para o programa de incentivos á formación, será subvencionable a formación asociada aos contratos de formación e aprendizaxe que exceda do 25% da xornada laboral (ata o 25 por cento será bonificado polo Estado) e se teña desenvolvida no ano 2014 e no ano 2015, con anterioridade ao 15 de novembro do ano 2015, no caso das entidades locais, e con anterioridade ao 30 de setembro do ano 2015, no caso das empresas. En todo caso, só serán subvencionables os gastos de formación posteriores ao 14 de novembro de 2014. No suposto de que as persoas traballadoras contratadas con posterioridade ao 24 de xaneiro de 2015, sexan persoas beneficiarias do Sistema Nacional de Garantía Xuvenil só será subvencionable a formación que exceda do 50% da xornada laboral.

 

Doutra banda, os contratos para a formación e a aprendizaxe incentivaranse cunha axuda de ata 1.200 euros, sempre que o tempo efectivo de traballo sexa igual ao 75% da xornada de traballo e a parte proporcional, se a xornada de traballo é menor. Neste último caso, poderase subvencionar a cotización á Seguridade Social correspondente á persoa empregadora, sempre que o contrato para a formación e o aprendizaxe sexa realizado por una entidade da Administración Local de Galicia e sen que en ningún caso a contía da subvención poida superar a contía máxima de 2.000 euros.

 

Martes 28 – Ningún negocio coas nosas necesidades! Acto de entrega colectiva do Tícket Eléctrico

tel2015A ODS-Coia, a parroquia do “Cristo da Vitoria” e o Grupo de Axitación Social (G.A.S.) convocamos un ACTO de ENTREGA COLECTIVA do TÍCKET ELÉCTRICO da Xunta baixo o lema:“NINGÚN NEGOCIO COAS NOSAS NECESIDADES”.
Será o MARTES 28 de abril a partires das 10:30 na DELEGACIÓN da XUNTA de GALICIA en VIGO (no edificio da Praza da Estrela na Consellería de Industria).

A Xunta de Galicia a través da propaganda e/ou a simulación pretende substituír os dereitos por esmolas. Lonxe de mudaren a desigualdade e a inxustiza crecentes, o goberno autonómico perpetúa coas súas políticas unhas estruturas que enchen os petos duns poucos a costa de facer negocios coas necesidades básicas de todas.

Un exemplo desta políticas é a convocatoria do Tícket Eléctrico. A Xunta de Galicia ten aberto o prazo, até o 30 de abril, para solicitar dito tícket. Ao igual que na anterior convocatoria, consiste nunha axuda para o pagamento de parte da factura eléctrica a familias con fillos menores a cargo con ingresos que non superen 798 €/mes ou 9.585 €/ano referidos a 2013.

A presión social unido ao desastre da anterior convocatoria trouxeron pequenas mudanzas, que nada disimulan o despropósito desta insuficiente axuda. A contía sube agora aos 90€ ao semestre para familias con nenxs, 150€ no caso daquelas que posúan o título de familia numerosa. Igual que a finais do pasado ano o tícket hai que presentalo telematicamente logo de achegar unha morea de documentos e acreditar unha vida na miseria absoluta ou ás portas dela.