COMEZA MAÑÁ O PRAZO PARA SOLICITAR O CHEQUE INFANTIL CO QUE BENESTAR FINANCIARÁ MÁIS DE 1.100 PRAZAS DE 0-3 ANOS NO CURSO 2015/2016

  • O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a convocatoria destas axudas
  • Terán como prioridade, como en anos anteriores, aqueles nenos e nenas que xa tiveran concedida a axuda no curso pasado e, como novidade, establécense tamén como preferentes os solicitantes de concellos sen oferta de escolas infantís sostidas con fondos públicos
  • Esta actuación permitirá ás familias contar cunha axuda para acudir a calquera escola infantil privada que escollan e terán de prazo un mes para solicitala
  • A contía a percibir polos usuarios por cada praza de xornada completa oscilará entre os 45 euros mensuais das rendas máis altas e os 250 euros para as rendas máis baixas

 

Santiago, 27 de abril de 2015.- O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a convocatoria de axudas da Consellería de Traballo e Benestar do cheque infantil, que no curso 2015-2016 está dotada cun orzamento de máis de 1,7 millóns de euros. Con este investimento, poderanse financiar máis de 1.100 prazas de 0-3 anos en escolas infantís privadas destinadas a aquelas persoas que non resultaran adxudicatarias dunha praza pública, ou ben para aquelas familias que residen nunha localidade na que non existen instalacións sostidas con fondos públicos.

 

Terán prioridade –como en anos anteriores- aqueles nenos e nenas que xa tiveran concedida a axuda no curso pasado, de xeito que se poida dar continuidade á súa escolarización, sempre e cando sigan cumprindo os requisitos da orde, e, como novidade, establécese tamén prioridade na obtención da axuda para aqueles solicitantes de concellos onde non exista ningún centro sostido con fondos públicos.

 

O prazo de solicitude destas axudas é dun mes a contar a partir de mañá. As persoas que non resultaran adxudicatarias dunha praza pública formando parte das listas de agarda definitivas en calquera das escolas infantís sostidas con fondos públicos e, sempre e cando  exerceran a opción polo programa de cheque infantil non terán agora que cursar solicitude.

 

A convocatoria deste ano consolida o cambio iniciado na orde publicada en 2012. Desde ese curso os pais e nais poden elixir sen restricións o centro no que matriculan aos seus fillos e fillas, xa que son agora as familias as que perciben directamente esta contía a través dun bono mensual. Anteriormente os beneficiarios só podían acceder unha praza nalgún das instalacións adscritas a este programa, posto que eran as propias escolas as que recibían a subvención. Esta nova forma de abono da axuda permite ás familias conseguir unha maior flexibilidade ao poder escoller calquera centro, sempre que estea autorizado.

 

A contía a percibir varía en función da renda, e oscila entre os 45 euros mensuais e os 250 euros no caso da xornada completa con comedor. Por esta razón, o número total de beneficiarios –que adoita ser de 1.000 aproximadamente- pode variar en función de cal sexa a renda das familias que soliciten cada ano estas axudas. Unha vez concedida, só se pode variar o tipo de servizo solicitado polas seguintes circunstancias, sempre que sexan xustificadas: pasar a situación de desemprego ou outros motivos laborais; enfermidade grave dos pais, nais ou representantes legais; ou situación de nulidade, separación ou divorcio.

 

No acceso ás axudas,  os requisitos a cumprir son principalmente dous: ter unha nena ou neno nacido con posterioridade ao 31 de decembro de 2012 e non dispoñer doutras axudas para igual ou análoga finalidade outorgadas por outros organismos ou institucións públicas ou entes privadas que, en concorrencia coa regulada nesta orde, supere o custo da praza.

 

Con respecto aos novos solicitantes, mantéñense os criterios da orde de cursos pasados: poderán beneficiarse da axuda aquelas persoas con nenos e nenas de 0 a 3 anos que tiñan solicitado praza pública e non resultaran adxudicatarios, sempre e cando exercesen a opción polo cheque infantil cando a solicitaron. Tamén terán dereito a esta subvención aquelas persoas que residan en localidades onde non existan escolas infantís de 0 a 3 anos sostidas con fondos públicos.

 

Na orde enténdese como prazas sostidas con fondos públicos aquelas dependentes directamente da rede de escolas infantís da Xunta, das corporacións locais ou ben aquelas de iniciativa social que son subvencionadas polo Goberno galego. Este ano, vaise manter o mesmo período de presentación de solicitudes que o ano pasado, co obxectivo de que se consoliden esas datas para que as familias poidan ter unha previsión dos prazos anuais da convocatoria e de que as resolucións estean listas no mes de xullo.

 

Esta orde de axudas vén a complementar a orde de financiamento das escolas de iniciativa social que foi publicada no DOG o pasado mes de xaneiro. Esta convocatoria destina en 2015 máis de 3 millóns de euros para manter unhas 2.700 prazas en escolas infantís, ás que agora se sumarán as que sexan financiadas polo cheque infantil.

About Vgomagazine

Revista Online.

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Cerrar sesión /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: