Fallo xurado Bolsas produción DKV/MARCO – Vigo

Fallo do xurado

Dous proxectos de Patricia Dauder e Misha Bies Golas,

gañadores das Bolsas de produción DKV/MARCO

 

Hoxe martes 28 de abril, durante a conferencia de prensa convocada no salón de actos do MARCO, deuse a coñecer o fallo do xurado das Bolsas de produción DKV/MARCO 2015.

A devandita convocatoria, que se fixo pública o 13 de febreiro, ten como obxecto outorgar dúas bolsas para a realización de cadanseus proxectos de artistas españois ou con residencia legal en España, nacidos a partir de 1972. http://www.marcovigo.com/content/bolsas-de-produci-n-dkvmarco-2015

A selección dos proxectos estivo a cargo dun xurado composto por Alicia Ventura como membro designado por DKV Seguros; Iñaki Martínez Antelo e Agar Ledo Arias por parte do MARCO; David Barro (director Fundación Luis Seoane) e Carlos Rosón (director Fundación RAC) como membros externos.

As dúas propostas gañadoras corresponden a Patricia Dauder (Barcelona, 1973) e Misha Bies Golas (Lalín, Pontevedra, 1977). O xurado tomou a súa decisión tras examinar e valorar en detalle un total de 142 proxectospresentados, 30 deles procedentes de Galicia. Na decisión tívose en conta a calidade das propostas e a súa viabilidade técnica e de realización en función dos prazos e o orzamento. As dúas obras seleccionadas formarán parte da exposición que terá lugar nas salas da planta baixa do MARCO a partir do 16 de outubro de 2015, xunto a outras obras producidas por DKV e pertencentes á súa colección.

Na conferencia de prensa na que se deu a coñecer o resultado participaron Alicia Ventura (responsable da Colección DKV Seguros Médicos), Carlos López Font (2º tenente de alcalde como representante da Fundación MARCO), e Iñaki Martínez Antelo, director do MARCO. Durante a reunión, os membros do xurado salientaron a gran calidade das propostas recibidas, e o éxito da convocatoria.

 

 

Patricia Dauder (Barcelona, 1973)

Recinto

Na obra de Patricia Dauder, materia e estrutura constitúen os medios a través dos cales proxecta ideas e sensacións sobre o paso do tempo e a idea de espazo, sendo a observación do mundo natural unha práctica constante. As imaxes e obxectos son resultado de longos procesos de traballo nos que se establece un diálogo entre o comportamento azaroso dos materiais e sensacións, proxeccións mentais que se nutren de referencias múltiples –literarias, visuais, históricas ou autobiográficas– e ideas como a relación entre positivo e negativo, masa e baleiro, construción e destrución, ou sistemas de representación gráfica como mapas e cosmoloxías.

No último ano xurdiu no seu traballo un interese por transferir algúns procesos executados no estudio cara a territorios semi-urbanos. Esta crecente necesidade de romper coa introspección habitual do estudio e expandir a súa práctica cara a unha esfera máis real desembocou nun proxecto chamado Traballos Subterráneos, que nos vindeiros meses levará a cabo nun solar abandonado en El Prat de Llobregat (Barcelona), onde realizará unha serie de excavacións subterráneas co obxectivo de experimentar con procesos de transformación e erosión que afectan á materia cando xace soterrada por un período de tempo, co obxectivo de abordar diferentes tipoloxías de recintos subterráneos. Os resultados deste traballo de campo plasmaranse á súa vez a través dunha serie de debuxos, esculturas e fotografías.

A proposta Recinto, presentada á convocatoria das Bolsas de produción DKV/MARCO 2015, pretende recoller parte destes resultados e mostralos en forma de instalación. Alén do carácter experimental do traballo de campo no solar, o proxecto permítelle xerar un conxunto de debuxos, fotografías, e obxectos recuperados, que ocuparán os muros e o chan da sala, abordando así a idea do rastro, do desgaste e do fragmento; e como xerar novas composicións e significados a partir dun certo simbolismo.

www.patriciadauder.net

 

Misha Bies Golas (Lalín, Pontevedra, 1977)

O ceo non é humano

A proposta de Misha Bies Golas toma como punto de partida unha narración de Hanta, protagonista do libroUnha soidade demasiado ruidosa, do escritor checo Bohumil Hrabal. Hanta é un obreiro que traballa cunha máquina embaladora para prensar papel nun vello taller subterráneo, e ao longo de trinta e cinco anos foi facendo balas de papel, como esculturas, compostas por libros e láminas con reproducións de obras de grandes autores. O seu proxecto de utilizar a máquina para realizar a obra da súa vida, unha serie de esculturas que conteña todos os volumes da súa colección, verase frustrado pola introdución de novos métodos de produción, inhumanos e impersonais.

O ceo non é humano consiste en instalar unha prensa de papel no sótano do museo, e a partir de aquí realizar de xeito case artesanal e a modo de recreación documental, unha serie de balas de papel prensado, emulando as que Hanta describe no seu relato. “O ceo non é humano e o home que pensa tampouco o é, non pode selo de ningunha maneira, e eu prenso un paquete tras outro, no corazón de cada un poño un libro aberto pola páxina onde o texto é máis fermoso…”

Misha Bies Golas entende este proxecto como unha continuación dos seus últimos traballos en torno aos libros, a literatura, as apropiacións, e a obra de diferentes artistas como Alberto Sánchez, Seoane, ou o Jusep Torres Campaláns de Max Aub.

http://mishabiesgolas.tumblr.com/

About Vgomagazine

Revista Online.

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Cerrar sesión /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: