Cool Cucumbers, grupo gañador no festival Ensaiamos-Colleita 2015 da Universidade de Vigo
O cuarteto poderá gravar en estudio a súa primeira maqueta
Vigo, 30 de abril de 2015.- O grupo Cool Cucumbers foi o gañador onte do segundo festival Ensaiamos-Colleita 2015. Logo de interpretar nove temas propios, a banda foi a máis votada polo público asistente e a que recibiu a mellor puntuación por parte do xurado. Cool Cucumbers poderá gravar a súa primeira maqueta no estudio da Facultade de Ciencias Sociais de Pontevedra.
Pablo Dopico, voz e guitarra do grupo, e estudante de Maxisterio; agradeceu á Universidade a oportunidade de subir a un escenario e tocar cara ao público, unha experiencia difícil de desenvolver para grupos como o seu. Músico afeccionado desde que aos trece anos se xuntara con Carlos Mosquera, a outra guitarra deste cuarteto, Cool Cucumbers constituíuse como cuarteto hai tres anos. Era a primeira vez que participaba no programa Ensaiamos.
A Universidade de Vigo ofrece un lugar onde ensaiar e parte do equipo de son necesario. A Vicerreitoría de Extensión Universitaria organiza cada ano esta actividade co obxectivo de axudar na produción da música propia e impulsar a súa difusión. Estes dous fins reflíctense nun máis importante que é a formación de axentes culturais propios nos seus lugares de orixe, grazas á formación alcanzada.