BENESTAR COLABORA CON PROXECTO HOME EN DIVERSAS ACTUACIÓNS CARA Á INCLUSIÓN SOCIOLABORAL DAS PERSOAS EN RISCO DE EXCLUSIÓN
A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, asinou hoxe en Santiago un convenio de colaboración co director do Proxecto Home Galicia, Ramón Gómez
- O departamento autonómico blinda esta iniciativa e destina este ano a este fin preto de 136.000 euros
- Cada programa, dependendo do tipo de adición ou perfil psicosocial da persoa usuaria, ten unhas características diferenciadas que permiten unha abordaxe integral e individualizada das distintas problemáticas
- Os programas que se desenvolven inclúen alternativas residenciais e obradoiros ocupacionais, incluída a intermediación laboral
Santiago, 4 de maio de 2015- A Consellería de Traballo e Benestar volverá a colaborar este ano con Proxecto Home, a través da Fundación Monte do Gozo, cara á inclusión social e laboral das persoas en risco de exclusión. Para elo, a titular do departamento autonómico, Beatriz Mato, asinou hoxe en Santiago un convenio de colaboración co director de Proxecto Home Galicia, Ramón Gómez.
Benestar blinda esta iniciativa e destinará este ano preto de 136.000 euros para a integración satisfactoria no ámbito familiar, social e laboral das persoas a tratamento nos distintos programas que xa se atopen na fase de reinserción social. Esta fase realízase en réxime ambulatorio, semi-residencial ou residencial.
A Fundación Monte do Gozo desenvolve unha serie de actuacións encamiñadas á inclusión socio laboral englobadas nun programa marco denominado ‘Proxecto Home’ de atención, rehabilitación e reinserción social de persoas con adiccións. Os programas que leva a cabo dependen do tipo de adición e do perfil psicosocial do usuario polo que contan cunhas características diferenciadas que permiten unha abordaxe integral e individualizada das distintas problemáticas.
Os programas que se desenvolverán a través desta actuación poden incluír alternativas residenciais, obradoiros ocupacionais dirixidos á mellora das habilidades e destrezas e actividades enfocadas á consecución dun emprego normalizado, incluída a intermediación laboral.
O programa educativo-terapéutico Proxecto Home de atención, rehabilitación e reinserción social das persoas en risco de exclusión lévase a cabo en dispositivos emprazados en Santiago, Vigo, Ourense, Lugo, A Coruña, Pontevedra.