Archivo | mayo 7, 2015

Rastro Portovello Maio – Vigo

O vindeiro Sábado 9 de Maio, terá lugar unha nova edición do RaRASTRO MAIOstro Portovello  nas rúas do Casco Vello de Vigo en horario de 11.00h a 21.00h.


Nel podense atopar roupa e zapatos de segunda man, libros, vinilos, obxectos de decoración, así como artesanía, cosmética natural, instrumentos musicáis, cadros, fotografías e outras curiosidades…

 

Venres 8 ás 20:00 – Video ‘A loita na rotonda de Coia’

video8maioA Asemblea Aberta de Coia organiza unha proxección solidaria coas multadas na loita da rotonda de Coia. Será o venres 8 de maio ás 20:00 no salón de actos da parroquia do “Cristo da Vitoria” e proxectaremos o vídeo “A loita na rotonda de Coia”.

O video fai un repaso polas respostas dunha veciñanza que denunciou a dilapidación de cartos públicos mentres moitas persoas da cidade sofren o empobrecemento e o desastre dunhas políticas sociais insuficientes e ineficaces.

Aproveitaremos este acto para seguir convidando á solidariedade coas multadas nesta loita, xa que polo momento as multas superan os 1100€. Antes da proxección haberá un sorteo e sorpresas!

PUBLICADAS AS LISTAS PROVISIONAIS DAS PROBAS DE COMPETENCIAS CLAVE QUE PODERÁN BENEFICIAR A PRETO DE 3.300 GALEGOS E GALEGAS

  • Este ano estímase que preto de 3.300 galegos e galegas participen nestes exames dirixidos a aquelas persoas que non posúan os requisitos académicos requiridos para o acceso aos cursos vinculados aos certificados de profesionalidade
  • As probas terán lugar o 23 de maio para o nivel 2 (quenda mañá) e nivel 3 (quenda de tarde) e os exames serán para catro competencias ou materias: lingua galega, inglés, matemáticas e lingua castelá
  • Desde 2009 preto de 18.000 persoas participaron neste proceso que convoca a Dirección Xeral de Emprego e Formación

 

Santiago, 7 de maio de 2015.- A Consellería de Traballo e Benestar vén de publicar as listas provisionais das probas de avaliación en competencias clave para poder acceder ás accións formativas dos certificados de profesionalidade. Este ano estímase que preto de 3.300 galegos e galegas participen nestes exames dirixidos a aquelas persoas que non posúan os requisitos académicos requiridos para o acceso aos cursos vinculados aos certificados de profesionalidade.

 

Deste xeito, mediante este proceso de avaliación específico, poderán demostrar que adquiriron os coñecementos requiridos para cursar os correspondentes módulos dos certificados. As listas son provisionais, polo que aquelas persoas interesadas poderán subsanar as súas solicitudes ata o 12 de maio

 

As probas desta novena convocatoria terán lugar o 23 de maio para o nivel 2 (quenda mañá) e nivel 3 (quenda de tarde) no recinto feiral de Silleda (Pontevedra). En concreto, os exames serán para catro competencias ou materias: lingua galega, inglés, matemáticas e lingua castelá.

 

A posta en marcha desta iniciativa responde á renovación que desde 2009 se vén realizando en toda a oferta de formación para o emprego, en base aos novos certificados de profesionalidade. Unha das principais novidades que introducen estes módulos é a de esixir uns requisitos de acceso para os alumnos, que aseguren deste xeito que contan cunha formación mínima para seguir con aproveitamento a actividade.

 

En definitiva, con este fin, puxéronse en marcha as probas de avaliación en competencias clave, que permiten acceder a estes cursos a aquelas persoas que non poidan acreditar posuír a formación básica necesaria para optar aos mesmos.

 

Desde 2009 preto de 18.000 persoas participaron neste proceso, convocado pola Dirección Xeral de Emprego e Formación, que adoitan aprobar de media un 80 por cento dos participantes. Toda a información que se precise ao respecto destas probas pode consultarse na web http://traballo.xunta.es/portada-competencias-clave.

 

TRABALLO PROMOVERÁ OS PROXECTOS DE COOPERATIVISMO DO EIDO CULTURAL, SOCIAL E CREATIVO NA FEIRA ZINC SHOWER 2015 EN MADRID

  • O Consello Galego de Cooperativas estará presente mañá e o sábado nunha das feiras das industrias culturais e creativas máis innovadora a nivel estatal
  • O evento contará con máis de 200 relatores nacionais e internacionais, 7.000 profesionais, 45 investidores, 85 startups e máis de 120 actividades relacionadas co emprendemento, a tecnoloxía ou a economía colaborativa

 

Santiago, 7 de maio de 2015.- A Consellería de Traballo e Benestar, a través da Dirección Xeral de Traballo e Economía Social e o Consello Galego de Cooperativas, vai estar presente unha edición máis no Meeting Show da Economía Creativa e Colaborativa, ZINC SHOWER 2015, que se celebrará mañá e o sábado no Centro de Creación Contemporánea Matadero, en Madrid.

 

O Consello Galego de Cooperativas aproveita a súa presenza na feira para promover, apoiar e reforzar a acción cultural e os proxectos de empresas do ámbito cultural, social e creativo, ofrecéndolles unha oportunidade para amosar todo o seu potencial e propiciando novas oportunidades de comercialización e colaboracións empresariais.

 

Zinc Shower é neste momento unha das feiras das industrias culturais e creativas máis innovadora do panorama estatal, unha cita de referencia na que, a través do Consello Galego de Cooperativas, estarán presentes as cooperativas Rexenerando, Inprega, 7h cooperativa cultural, Xeneme proxectos sociais, Dezdedez e o Cable Inglés. Os participantes na feira presentarán proxectos que teñen como punto de partida unha idea empresarial baseada na economía social. O sector da cultura como o da economía social teñen varios puntos en común. Ambos usan como base do seu funcionamento o fomento da creatividade das persoas, a continua comunicación que realizan co seu contexto social á hora de desenvolver as súas actividades e propostas, a aposta por modelos de organización cada vez máis horizontais, e o compromiso ético coa realidade social e a comunidade onde se inscriben.

 

As cooperativas e sociedades laborais participantes, xunto co Consello Galego de Cooperativas, presentarán en Zinc Shower un programa completo de actividades que inclúe, entre outros, obradoiros, un espectáculo músico-teatral e a presentación dos proxectos de cada empresa.

 

O stand do Consello Galego de Cooperativas permanecerá aberto mañá e o sábado no Centro de Creación Contemporánea Matadero (Praza de Legazpi, 8 – Madrid), en horario de 11,00 a 20,00 horas. Este ano a feira contará con máis de 200 relatores nacionais e internacionais, 7.000 profesionais, 45 investidores, 85 startups e máis de 120 actividades relacionadas co emprendemento, a tecnoloxía, as tendencias, a creatividade, a innovación, a economía colaborativa e o crowfunding.