A Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo e o MARCO lanzan unha convocatoria conxunta de apoio á produción para alumnas da Facultade de Belas Artes da Universidade de Vigo.

unnamedA partir de mañá martes, 9 de xuño, ábrese o prazo de presentación de proxectos para a convocatoria de axudas á produción ARTISTAS 2015.

Trátase dunha iniciativa conxunta da Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo, e o MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo, que ten como obxecto a realización dunha exposición individual no Anexo do MARCO (sala de proxectos situada no vestíbulo principal) no ano 2016, a través dunha convocatoria de apoio á produción.

A esta convocatoria poden presentar proxectos alumnas da Universidade de Vigo graduadas en Belas Artes, posgraduadas no Mestrado en Arte Contemporánea, Creación e Investigación, ou matriculadas en calquera programa de doutoramento durante o curso 2014-2015.

ARTISTAS é unha iniciativa destinada a apoiar ás mulleres que desexan comezar a súa andaina no campo da arte, facilitando a súa incorporación ao espazo artístico profesional, buscando novas redes de difusión, promovendo e dando visibilidade aos seus traballos, dadas as maiores dificultades que teñen respecto aos homes. O proxecto está comisariado por Mar Caldas e Almudena Fernández Fariña, profesoras da Facultade de Belas Artes, e a colaboración co MARCO iniciouse no ano 2013, a través de varias presentacións públicas e da exhibición de postais realizadas polas artistas participantes nas dúas pasadas edicións.

En palabras da directora da Área de Igualdade da Universidade de Vigo, Anabel González Penín, “esta é a primeira ocasión que o proxecto ARTISTAS se concreta en axudas á produción. Ata agora, a convocatoria consistía na selección de imaxes de obras das artistas participantes, que se reproducían en postais para ser distribuídas de balde nos centros da Universidade de Vigo e noutros espazos e centros de arte contemporánea. Un percorrido necesario para chegar á edición deste ano, na que o proxecto intermedia entre as alumnas e o Museo para facilitarlles a posibilidade de expoñer a súa obra”.

“Levamos xa realizadas catro edicións, e a repercusión do proxecto foi alta dentro e fóra da comunidade universitaria. É un proxecto coñecido e reclamado cada ano. Nunha enquisa realizada entre as alumnas que participaron nas edicións anteriores, manifestan estar moi satisfeitas coa ampla difusión da súa obra a través das postais, que chegaron a un público ao que polos seus propios medios non sería posible achegarse. Agora ábrese unha nova etapa na que a implicación do MARCO é sustancial para os obxectivos do proxecto, pois ofrece a posibilidade de inmersión nun centro de arte real e de traballar nun entorno profesional. É unha oportunidade única para as alumnas de Belas Artes para ter un espazo de visibilización da súa obra nun centro de arte de referencia”.

Nesta misma liña apunta Iñaki Martínez Antelo, director do MARCO, que considera fundamental o apoio a iniciativas que contribúan á profesionalización no ámbito da arte contemporánea, como é o caso do Premio para novos comisarios —realizado en colaboración con FRAC Lorraine e SFKM e que tivo como resultado a exposición A voz do tradutor, recentemente inaugurada no 1º andar— ou as Bolsas de Produción DKV/MARCO, concedidas a Patricia Dauder e Misha Bies Golas.

“Neste caso, agradecemos a oportunidade que nos brinda a Área de Igualdade da Universidade de Vigo para poñer en marcha a convocatoria. O Museo comprométese nesta nova etapa do programa, para servir como plataforma de visibilización do traballo das artistas, e facilitarlles o inicio da súa andaina profesional mediante a elaboración dunha proposta para un espazo concreto e a implicación directa en todas as etapas dun proxecto expositivo, dende a súa concepción ata a produción e difusión. O proxecto seleccionado formará parte da programación de exposicións do MARCO en 2016, dentro do ciclo do Anexo, e a artista gañadora poderá levar a cabo a súa proposta contando coa implicación de todo o equipo, os medios técnicos, honorarios, e o orzamento necesario para produción de obra.”

O prazo de presentación finaliza o 1 de setembro de 2015, e a selección do proxecto gañador estará a cargo dun xurado integrado por Mar Caldas e Almudena Fernández Fariña, como representantes da Universidade de Vigo; Agar Ledo Arias e Iñaki Martínez Antelo por parte do MARCO; e a comisaria responsable da programación do Anexo en 2016.

Achéganse a esta nota de prensa as bases da convocatoria coa información sobre requisitos, prazos e criterios de valoración, tamén dispoñible para descarga nas webs de ámbalas dúas entidades, xunto con planos e imaxes do Anexo.

www.marcovigo.com

http://www.uvigo.es/uvigo_es/administracion/igualdade

 

Link á noticia publicada no Diario da Universidade de Vigo:

http://duvi.uvigo.es/index.php?option=com_content&task=view&id=10055&Itemid=47

 

 

About Vgomagazine

Revista Online.

Deja una respuesta

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Salir /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Salir /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Salir /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Salir /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: