O GOBERNO GALEGO AMPLIARÁ A EXENCIÓN DO COPAGO DE MEDICAMENTOS A 100.000 PERSOAS MÁIS

  • O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e a conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, avanzaron hoxe esta medida tras participar na constitución e primeira xuntanza do grupo de traballo do Plan social contra a desigualdade económica
  • Os beneficiarios serán aquelas persoas que teñan ingresos por renda de traballo iguais ou inferiores aos necesarios para acceder á Renda de Integración Social de Galicia (RISGA)
  • Ademais, o programa Reconduce ampliarase aos desafiuzamentos por impago de aluguer, e abriranse catro novas oficinas provinciais de asesoramento nesta materia
  • Está previsto traballar coa “máxima celeridade” na aplicación deste Plan, polo que se realizarán novas reunións nos próximos días para seguir definindo actuacións
  • Este Plan social inscríbese nos obxectivos marcados en decembro pola Estratexia de Inclusión Social de Galicia 2014-2010, que establece como prioridade a prevención das situacións de exclusión

 

Santiago, 16 de xuño de 2015.- A Xunta anunciou hoxe que ampliará a exención do copago dos medicamentos, de xeito que practicamente se duplicará o número de persoas beneficiarias desta medida. Actualmente, a Xunta asumía o 100 por cento do custo no caso das  persoas perceptoras da RISGA (Renda de Inclusión Social de Galicia) ou de desempregados que esgotaran todas as súas prestacións. A partir de agora, esta exención estenderase tamén a aquelas familias con menores a cargo que, a pesares de non estar en ningunha das situacións descritas anteriormente, teñen un nivel de ingresos por renda de traballo iguais ou inferiores aos que se establecen para acceder á RISGA. Isto suporá sumar uns 100.000 novos beneficiarios aos aproximadamente 130.000 que xa non estaban facendo ningún tipo de achega.

 

Así o explicaron hoxe o vicepresidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, e a conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, tras participar na constitución e primeira xuntanza do grupo de traballo interdepartamental encargado de avanzar na concreción do Plan social contra a desigualdade económica, anunciado o pasado xoves polo presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo.

 

Esta estratexia ten como obxectivo chegar a todos os colectivos en situacións de vulnerabilidade ou risco de pobreza. É dicir, busca ampliar o “colectivo diana” das políticas de inclusión e prestar unha especial atención a aqueles casos que presenten carencias, aínda que conten cun emprego ou mesmo superen os límites de ingresos familiares que establecen prestacións como a Renda de Inclusión Social de Galicia (RISGA).

 

A partir de agora, esta comisión interdepartamental avanzará “coa máxima celeridade” na concreción do Plan, para o que xa están previstas novas xuntanzas nos próximos días e semanas. Ademais, o diálogo continuará coas entidades sociais e os concellos para seguir definindo novas actuacións e mellorando as existentes.

 

Ademais da ampliación da exención do copago de medicamentos anunciado hoxe, están especialmente avanzadas outras medidas referidas á vivenda. En concreto, tense decidido ampliar o programa Reconduce a aquelas persoas que están en risco de desafiuzamento por falta de pagamento de aluguer. Para poder atender a esta demanda, crearanse catro novas oficinas provinciais, que se sumarán á que xa está funcionando en Santiago. Actualmente, o programa centrábase nas execucións hipotecarias, un campo no que ten ofrecido asesoramento a máis de 300 familias. Nesta mesma materia está previsto tamén iniciar a tramitación dun decreto que permita crear o rexistro de vivendas baleiras de Galicia.

 

Estratexia de Inclusión Social

En definitiva, o obxectivo deste Plan é continuar avanzando na loita contra a exclusión social, facendo especial fincapé na prevención destas situacións. O documento está deseñado de acordo cos obxectivos que establece a Estratexia de inclusión social de Galicia 2014-2020, aprobada en decembro con 300 medidas concretas e un orzamento de máis de 520 millóns de euros.

 

Precisamente, a Estratexia recollía medidas específicas para familias con menores ao seu cargo en situación de risco, ou monoparentais, que constitúe tamén un dos colectivos prioritarios deste Plan social. Entre outras propostas de actuacións, destaca o establecemento dun anticipo das axudas de inclusión social para adquirir produtos de primeira necesidade destinado a axudar a estas familias.

About Vgomagazine

Revista Online.

Deja una respuesta

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Salir /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Salir /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Salir /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Salir /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: