A XUNTA REMATA AS OBRAS DO ACCESO AO NOVO HOSPITAL PÚBLICO DE VIGO, CUN INVESTIMENTO DE PRETO DE 1,8 MILLÓNS DE EUROS

  • clip_image002Ethel Vázquez destaca que esta actuación demostra “o exercicio de planificación, coordinación e o compromiso” da Xunta para dotar dos mellores accesos a esta infraestrutura pública
  • Ampliouse a capacidade e aumentouse a fluidez do tráfico da Avenida Clara Campoamor, vía que canaliza os tráficos do complexo Álvaro Cunqueiro
  • Rocío Mosquera lamenta o “inexplicable boicot” do Concello de Vigo á maior e mellor infraestrutura sanitaria pública que se fixo en Galicia

 

Vigo, 23 de xuño de 2015.- A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Ethel Vázquez, destacou hoxe “o exercicio de planificación, coordinación e o compromiso” da Xunta para dotar dos mellores accesos a esta infraestrutura pública. Así o dixo durante a visita que esta mañá realizou, xunto coa conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera, ás obras xa rematadas do novo acceso ao complexo hospitalario, que supuxeron un investimento por parte da Axencia Galega de Infraestruturas de 1,8 millóns de euros.

 

Ethel Vázquez salientou o esforzo realizado desde a Xunta para axilizar ao máximo a mellora da Avenida Campoamor: a previsión inicial era comezar as obras en marzo, pero os traballos previos permitiron adiantar o inicio ao 23 de febreiro, co obxectivo de que a actuación estivese rematada antes da posta en servizo do novo hospital.

 

A actuación comeza na glorieta do enlace co segundo cinto de circunvalación de Vigo (VG-20),  na que se executou unha nova saída exclusiva para acceso ao hospital. Esta saída conta con dous carrís, un para acceso exclusivo de urxencias e o outro que continúa como vía de servizo ata a entrada principal do Hospital. O carril de uso exclusivo para urxencias cruza o río Barxa mediante un pequeno viaduto e desemboca na glorieta do hospital.

 

Así, a sección tipo da avenida neste treito engade aos dous carrís actuais por sentido, outros dous carrís adicionais de acceso ao hospital. Nesta zona permítese, ademais, a saída dos vehículos desde a zona de urxencias do hospital cara a avenida.

 

Para complementar a actuación, construíuse unha nova glorieta, que permitirá todos os cambios de sentido, na intersección entre a avenida Clara Campoamor e o acceso á entrada principal do centro hospitalario. Conta con dous carrís de 4 metros de ancho, beiravía interior de 1,5 metros e exterior de 0,5 metros.

 

Finalmente, estase a rematar a execución dunha senda peonil adicional para conectar esta nova glorieta coa que dá acceso ás urxencias do hospital.

 

 

Parada do autobús interurbano

A conselleira de Territorio e Infraestruturas destacou que, atendendo ás demandas dos veciños, a Xunta habilitou dúas paradas de autobús, unha a cada lado da vía, para facilitar a mobilidade e os desprazamentos de todos os cidadáns que teñan que acudir ao hospital Álvaro Cunqueiro.

 

Ademais, Vázquez informou que o Goberno está a traballar de cara a lograr que unha liña interurbana de autobús faga parada no hospital (a que fai traxecto entre Vigo e Baixo Miño ). Onte mesmo, o Diario oficial de Galicia publicaba a resolución pola que se somete a trámite de información pública o expediente de reestruturación e ampliación de tráficos no novo hospital, co fin de autorizar esta parada. “E tamén mantemos conversas co Concello para coordinar co transporte urbano a mellor solución de acceso ao centro hospitalario desde o resto de liñas”, explicou Ethel Vázquez.

 

Un dos centros sanitarios máis modernos de Europa

Pola súa banda, a responsable da carteira sanitaria agradeceu á conselleira de Infraestruturas a obra acometida polo seu departamento, que dota ao centro de accesos axeitados desde a glorieta do segundo cinto de Vigo e desde a avenida Clara Campoamor.

 

Rocío Mosquera salientou que “estamos orgullosos da obra do hospital, mais hai algo que, reitero, debemos lamentar: o inexplicable boicot do goberno municipal á maior e mellor infraestrutura sanitaria pública que se fixo en Galicia, xusto aquí, en Vigo”. Engadiu que “non se entende moi ben como unha mellora de semellante magnitude a prol da saúde dos seus cidadáns pode ser dificultada no seu desenvolvemento dun xeito tan irracional.  Precisamente, foi a entrega da obra por parte da concesionaria a mellor resposta fronte aos enganos e terxiversacións sobre o proxecto, o seu financiamento e a súa utilidade”, afirmou.

 

“O grupo do señor Caballero dixo que non se financiaría, e se financiou; que non se faría e fíxose; e que sería privado, e é público. Máis alá do populismo, a realidade é tozuda”, apostillou.

 

A área sanitaria de Vigo dispón xa dun hospital público dos máis modernos de Europa, situado na vangarda tecnolóxica, sostible, afable, dinamizador económico e social, e que ofrecerá as mellores condicións asistenciais para pacientes e profesionais.

 

Esta nova infraestrutura permitirá reorganizar a asistencia sanitaria a prestar á cidadanía de Vigo e á súa área de referencia, 600.000 habitantes, poñéndoa ao nivel que lle corresponde en Galicia e en España.

 

O hospital público Álvaro Cunqueiro conta cunha superficie total construída de 280.000 metros cadrados; 22 quirófanos para cirurxía con ingreso; 12 unidades de parto; 2 quirófanos de urxencia e 5 salas especiais. Así mesmo, dispón de 62 salas de diagnóstico por imaxe; 150 locais de consulta; unha gran área de consultas multicanle; unha área de Urxencias de gran capacidade, e tamén unha Área de Docencia e Investigación deseñada con visión de futuro. Ademais, contará cun laboratorio de resposta hospitalaria para todas aquelas probas que requiren una resposta en menos de 6 horas.

Nas imaxes pode observarse a traza do tramo da vía que se mellora coas obras.

 

Acerca de Vgomagazine

Revista Online.

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Cerrar sesión /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: