MAÑÁ COMEZA A CAMPAÑA DE VERÁN DA CONSELLERÍA DE TRABALLO E BENESTAR QUE OFERTA 8.530 PRAZAS, UN 3,2% MÁIS QUE EN 2014

  • A programación, que se prolongará ao longo do verán, favorecerá tamén a contratación de 900 monitores de tempo libre e directores
  • A campaña inclúe campamentos para os máis novos, campos de traballo, oferta concertada e actividades para maiores de 18 anos
  • Por cuarto ano consecutivo, o Goberno galego volve incrementar o número de prazas, nun 3,2 por cento
  • A principal novidade deste ano é a inclusión das quendas IMPLÍCA-T para maiores de 14 anos que contarán con actividades de educación non formal e voluntariado

 

Santiago, 30 de xuño de 2015.- Mañá comeza a campaña de verán organizada pola Consellería de Traballo e Benestar e que este ano ofertará un total de 8.530 prazas, un 3,2 por cento máis que en 2014. Trátase do cuarto ano consecutivo no que a Xunta aumenta as prazas desta iniciativa. As actividades, que se prolongarán ao longo do verán, favorecerán tamén a contratación de máis de 900 monitores e directores de campamentos, que son na súa maioría xente nova.

 

O incremento de prazas non é a única novidade deste ano, senón que tamén se inclúe unha nova programación en campamentos para os maiores de 14 anos –as quendas IMPLÍCA-T- que contarán con actividades de educación non formal e voluntariado.

 

A Xunta inviste 2,4 millóns de euros en desenvolver esta campaña, que inclúe: campamentos para menores de entre 9 e 17 anos, oferta concertada, campos de traballo para maiores de idade, e actividades para maiores de 18 anos.

 

Campamentos

Os campamentos, dirixidos a menores de entre 9 e 17 anos, desenvolveranse durante os meses de xullo e agosto nun total de 19 albergues e campamentos por toda a xeografía galega. Ademais, outros 173 mozos e mozas poderán participar en campamentos de intercambio con outras comunidades autónomas (País Vasco, Castela e León, Estremadura, e a Rioxa). Ao mesmo tempo, rapaces e rapazas desas comunidades autónomas tamén poderán vir a Galicia para participar na programación da Xunta.

 

A duración dos campamentos varía segundo a idade dos participantes, e oscila entre os 8 e os 12 días. Ademais, contan con temáticas moi diversas para adaptarse a todos os gustos: actividades náuticas, coñecemento do medio natural, dramatización, expresión cultural, xogos tradicionais, deportes de multiaventura ou actividades de voluntariado das quendas IMPLÍCA-T.

 

Todos os participantes están en réxime de manutención en pensión completa, e inclúese o material necesario para cada actividade, que está dinamizada por un equipo técnico de monitores especialistas na xestión de ocio educativo. Nos campamentos disponse tamén de atención sanitaria de primeiros auxilios e os mozos e mozas están cubertos por un seguro de accidentes e responsabilidade civil.

Ademais, como en anos anteriores, a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado colabora coa Secretaría Xeral de Emigración para facilitar a participación de descendentes de emigrantes galegos. A maiores, tamén se reservan unha serie de prazas para colectivos específicos, que son xestionadas polas secretarías xerais de Igualdade e de Política Social, e pola Dirección Xeral de Familia e Inclusión.

 

Campos de traballo

Na campaña tamén se inclúen os campos de traballo, con máis de 700 prazas: 465 de acollida en Galicia, e outras 260 de partida, un 19% máis que o ano anterior. En concreto, das prazas no exterior, 115 serán noutras comunidades autónomas, e 150 estarán distribuídas en máis de 25 países de todo o mundo.

 

Os campos de traballo de Galicia son 18: Illas Cíes (4 quendas), Cotobade, Ribadumia, Illa de Cortegada (Vilagarcía), Riós, Muíños, Celanova, Vilar de Barrio, Portomarín, Xermade, Quiroga, Outes, A Laracha (2 quendas), Ponteceso, Boqueixón, Rois e Padrón.

 

As quendas son de 10 ou 12 días ao longo do verán e os voluntarios poderán participar en actividades ambientais, etnográficas, sociais, arqueolóxicas ou de fomento do emprendemento. Os campos de traballo galegos están dirixidos tanto aos mozos e mozas galegos, como a residentes noutras comunidades autónomas, procedentes de países estranxeiros, así como a voluntarios da Galicia exterior.

About Vgomagazine

Revista Online.

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Cerrar sesión /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: