A Compostela dos 80 visita Vigo Mañá luns 6 ás 20h30 Antonio Piñeiro presenta A identidade fascinada na Feira do Libro de Vigo (na rúa Progreso)
Antonio Piñeiro presenta mañá luns ás 20h30 na Feira do Libro de Vigo A identidade fascinada, unha novela híbrida, un ensaio novelado ou crónica ensaística dunha época irrepetible, que é tamén memoria dos lugares, das persoas, personaxes e significados dun tempo incomparable: o da Compostela universitaria e sublime da década de 1980. Estará acompañado polo editor Carlos Lema.
Santiago foi afectada, dende 1982 ata 1990, polos maiores incrementos demográficos da súa historia. Duplicábase a poboación durante o período lectivo universitario, mesturándose cunha combinación de traballadores, funcionarios autonómicos, persoal dunha ampla gama de servizos e das ramificacións político-administrativas. Durante eses anos, Santiago recibiu a enxurrada xeracional do baby boom. A poboación universitaria duplicouse tamén. De trinta mil a sesenta mil mozos. “Sesenta mil receptáculos, pisos, establecementos, transportes, servizos, comedores, cuartos; as vellas fondas víronse rebordadas. O paisano con paraugas encontrouse, de súpeto, enmarasmado na súa beirarrúa de sempre, estraño na cidade de sempre”, polo que resulta fácil comprender o impacto, a transformación que semellantes cifras, por si soas, supuxeron para a cidade, para o campus, para a propia comunidade universitaria e mesmo para toda Galicia.
Antonio Piñeiro achéganos a aquel tempo, aos cambios acontecidos na cidade e ao que acabaría por confirmar o paso definitivo da transición política á democracia, simbolizado no atentado contra a discoteca Clangor. Con ese feito remata un libro no que relato, historia persoal e colectiva, ensaio e memoria dun tempo se combinan mediante un estilo literario vívido e eficaz, co que o autor actualiza os feitos e os ámbitos dunha década prodixiosa.