AMBIENTE LICITA O PLAN DE ACCESIBILIDADE DO TRANSPORTE INTERURBANO AO CENTRO DE VIGO CO OBXECTIVO DE MELLORAR O SERVIZO DE TRANSPORTE PÚBLICO PARA OS CIDADÁNS

  • En base a este estudo analizaranse os posibles itinerarios e paradas das liñas interurbanas, máis alá das estacións de autobuses así como a incidencia no tráfico urbano
  • Este mesmo estudo sobre os movementos e as necesidades viarias tamén se realizará nas cidades da Coruña, Ourense e Vigo, polo que o investimento necesario ascende a máis de 80.000 euros
  • No caso das cidades da Coruña e Vigo, o plan de accesibilidade deberá ter en conta o incremento do servizo de transporte colectivo
  • A área de Pontevedra presenta a peculiaridade de carecer dunha rede de transporte urbano, sendo atendidos os tráficos urbanos mediante varios contratos de xestión de servizo público de transporte interurbano

 

Santiago, 5 agosto de 2015.- A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas licita hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) (http://www.xunta.es/dog/Publicados/2015/20150805/AnuncioCA02-300715-0001_gl.html), por un importe de máis de 80.000 euros a redacción dos plans de accesibilidade do transporte interurbano aos centros das cidades da Coruña, Ourense, Pontevedra e Vigo. Trátase dunha iniciativa incluída no marco do Plan de Transporte Metropolitano de Galicia, que analizará os posibles itinerarios e paradas das liñas interurbanas, máis alá das estacións de autobuses, así como a súa incidencia no tráfico urbano.

 

Entre os obxectivos da Consellería de Medio Ambiente está mellorar a mobilidade na Comunidade galega, polo que está a traballar para facer do uso do transporte público metropolitano máis atractivo para o usuario ao dotalo dun mellor acceso aos núcleos urbanos, reducindo os tempos de viaxe e o número de transbordos a realizar.

 

A posta en marcha do Plan de Transporte Metropolitano supuxo unha modificación tarifas do sistema de transporte, pasando a un modelo de tarifas sinxelas, que se traduce no aforro dos transbordos e prezos bonificados e maiores descontos por uso recorrente. O seguinte debe incidir fundamentalmente no tempo de viaxe, cuestión que está modulada pola conectividade das redes de transporte urbano e metropolitano, e nos puntos de acceso deste último sistema de transporte nos ámbitos urbanos.

 

Para levar a cabo este traballo, tense solicitado xa información ás empresas de transporte sobre os principais puntos de interese dos seus usuarios e está previsto o mantemento de reunións cos concellos para conseguir o maior consenso posible no plan de accesibilidade.

 

No caso das cidades da Coruña e Vigo, onde xa está implantado o Plan de Transporte Metropolitano, o plan de accesibilidade terá que ter en conta o incremento do servizo de transporte colectivo, coa mellora da súa accesibilidade nos respectivos centros urbanos e da conectividade entre ambas redes, urbana e metropolitana.

 

Estes mesmos parámetros se terán en conta na área de transporte metropolitano de Ourense, onde a necesidade de definición dun modelo de conectividade das redes de transporte urbana e metropolitana dificultaron a posta en marcha do Plan de Transporte Metropolitano.

 

Por último, a área de Pontevedra presenta a peculiaridade de carecer dunha rede de transporte urbano, sendo atendidos os tráficos urbanos mediante varios contratos de xestión de servizo público de transporte interurbano. Este feito determina a necesidade de realizar un tratamento específico que compaxine tanto a adecuada atención de tráficos urbanos cos vixentes servizos interurbanos, así como a mellora na accesibilidade urbana do conxunto de servizos interurbanos e metropolitanos que acceden á cidade do Lérez.

 

Traballo a realizar

A empresa adxudicataria deste contrato deberá elaborar un plan de accesibilidade do transporte interurbano ao centro urbano, para cada unha das cidades obxecto do contrato (Coruña, Ourense, Pontevedra e Vigo), no que se concretarán novas rutas e se fixarán novos puntos de parada e interconexión das redes urbana e interurbana de transporte público.

 

En base a este traballo, estudarase a oferta e a demanda (actual e potencial) de servizos de transporte público en autobús urbano, interurbano e metropolitano, para cada unha das áreas obxecto do contrato e no ámbito da súa área metropolitana. Tamén se analizará a oferta actual de servizos de transporte público en autobús urbano, no caso de existir, e interurbano, con especial énfase nos servizos metropolitanos. Esta análise incluirá os recorridos das liñas, a localización das paradas, os horarios e frecuencias dos servizos, os tempos, e toda aquela información que fose necesaria para a completa definición dos servizos actualmente ofertados.

 

Por outro lado, realizarase un estudo detallado da mobilidade das persoas usuarias dos servizos interurbanos e, especialmente, dos servizos metropolitanos, incluíndo orixes e destinos, destinos prioritarios, transbordos realizados, preferencias, para o cal se levarán a cabo traballos de campo, como enquisas, aforos, etc.

Por último, elaborarase unha proposta de reordenación e/ou reestruturación do servizos interurbanos e metropolitanos, contemplando unha ou varias alternativas, priorizadas entre si, e definindo os novos itinerarios de penetración e paradas das liñas interurbanas e metropolitanas na cidade e a súa interconexión coas liñas urbanas, tendo en consideración os seguintes aspectos:

 

– maior satisfacción directa das demandas de mobilidade dos cidadáns

– menor tempo de viaxe, incluídos posibles transbordos

– maior grado de cobertura e conectividade das redes de transporte en concorrencia

– maior fluidez do tráfico dos servizos colectivos e a menor afección ao tráfico en xeral e

– capacidade xeométrica do viario que se propoña para a entrada e saída dos autobuses (radios de xiro e dimensións)

 

Ademais, para cada proposta de reordenación e/ou reestruturación dos servizos analizarase a súa incidencia sobre o tráfico rodado da cidade e estudarase a capacidade xeométrica do viario que se contemple para o acceso dos autobuses ao centro urbano da mesma.

 

Beneficios

Un dos principais obxectivos da Xunta de Galicia é o fomento do transporte público, con vistas a favorecer a mobilidade das persoas dun xeito sustentable; xa que a aposta por un mellor acceso do transporte público ás cidades, diminúe o tempo da viaxe ao destino final.

 

Por outro lado, a mellor penetración das liñas interurbanas ás cidades suporá unha mellora significativa da conectividade dos residentes nas áreas metropolitanas.

 

As empresas interesadas en presentar as súas ofertas dispoñen ata o 20 de agosto, 15 días a contar dende mañá, para remitir as súas propostas a este contrato público, cuxo prazo máximo de execución é de 5 meses.

 

Plan de Transporte Metropolitano de Galicia

O Goberno galego, en colaboración con outras administracións públicas, veñen poñéndose en marcha actuacións que tenden a contribuír ao fomento do transporte público, incidindo nos seus tres principais condicionantes: tempo de viaxe, tarifa e cobertura.

 

No caso de Galicia, o Plan de Transporte Metropolitano de Galicia (PTM), partindo da extensa rede de servizos preexistentes, introduciu unha profunda modificación que afecta fundamentalmente ás tarifas do sistema de transporte, convertendo as múltiples tarifas lineais nunhas sinxelas matrices de tarifas zonais; este sistema supuxo, con carácter xeral, a despenalización do transbordo.

 

O Plan de accesibilidade é unha medida que está encadrada dentro do Plan de Transporte Metropolitano de Galicia, que naceu co obxectivo fundamental de facilitar aos cidadáns un sistema de transporte público coordinado, que o configure como unha alternativa real á intensiva utilización do vehículo particular na contorna das grandes cidades. Na actualidade, funciona en cinco áreas: Santiago, Lugo, A Coruña, Ferrol e Vigo, e representan unha nova concepción do transporte público, cun sistema de tarifas simplificado, unha maior coordinación entre servizos e cunha importante bonificación económica para o usuario.

 

Foméntase tamén a utilización dos diferentes modos de transporte bonificando os transbordos de xeito que sexan gratuítos para o usuario e un exemplo de colaboración entre administracións, no que a Xunta aporta o 80% do orzamento. Tamén existen achegas que permiten ás familias un aforro medio de 600 euros anuais nos seus desprazamentos, polo que constitúe o máximo interese para o Goberno galego manter unha actuación activa que permita seguir avanzando na prestación do servizo.

 

 

Acerca de Vgomagazine

Revista Online.

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Cerrar sesión /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: