ETHEL VÁZQUEZ SALIENTA QUE OS 1.363,9 MILLÓNS QUE OS PRESUPOSTOS XERAIS DO ESTADO RECOLLEN PARA GALICIA EN 2016 DEMOSTRAN O COMPROMISO “CUANTIFICABLE” COA COMUNIDADE

  • Galicia recibe o 12,3% do investimento produtivo de toda España e é a segunda Comunidade do Estado con máis investimento por habitante por parte do Ministerio de Fomento
  • Os cinco Presupostos Xerais do Estado aprobados por este Ministerio na presente lexislatura recollen un gasto na Comunidade de preto de 8.400 millóns de euros
  • Un compromiso “sen precedentes”, en palabras da conselleira de Medio Ambiente, que “vén facer xustiza con Galicia e permite que a nosa Comunidade teña igualdade de oportunidades e sexa máis competitiva”
  • En 2016 medra o investimento en materia de ferrocarril ata situarse nos 883,96 millóns de euros, o que permitirá seguir avanzando na execución da alta velocidade cara á Meseta
  • As obras da liña de alta velocidade Olmedo-Lubián-Ourense contarán cunha dotación de 993 millóns de euros, dos cales 733 corresponden ao tramo de Galicia
  • Tamén se prevé unha partida de 16 M€ para as estacións intermodais de Santiago, A Coruña, Ourense e Vigo
  • O investimento de Fomento en materia portuaria en Galicia sitúase en 104,8 millóns e tamén medra o investimento destinado a estradas, que sube ata os 230,7 millóns
  • En materia de infraestruturas hidráulicas prevense 62 M€, fundamentalmente, para continuar coas grandes obras de saneamento e depuración da Comunidade e a rexeneración da ría do Burgo

 

Bergondo (A Coruña), 5 de agosto de 2015.- A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Ethel Vázquez, valorou moi positivamente que o Proxecto de Lei de Orzamentos Xerais do Estado, presentado no día de onte polo Goberno español no Congreso dos Deputados, renove por quinto ano consecutivo o compromiso investidor coa Comunidade galega. A titular de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas subliñou esta mañá durante a visita ás obras da depuradora de Gandarío, que as contas do Estado recollen 1.363,9 millóns de euros para Galicia, polo que a Comunidade recibirá en 2016 o 12,3% do investimento produtivo de toda España. “Un compromiso cuantificable” que, segundo manifestou, atende en gran medida, as demandas formuladas pola Xunta, responde aos principais intereses da Comunidade e permitirá dar un importante pulo a aquelas infraestruturas que se consideran prioritarias.

 

O 75% do investimento provén do Ministerio de Fomento, con 1.239 millóns de euros, o que supón un incremento de case un 7% con respecto ao exercicio anterior. Isto sitúa a Galicia como a segunda Comunidade Autónoma de España con maior investimento por habitante, 451 euros por persoa.

 

Ademais, os cinco Presupostos Xerais do Estado na presente lexislatura recollen un gasto de Fomento na Comunidade de preto de 8.400 millóns de euros. Unhas partidas que permitiron levar a cabo actuacións tan importantes como a posta en servizo do Eixe Atlántico Ferroviario; a posta en marcha das obras de todos os treitos de alta velocidade ferroviaria que unen Ourense con Madrid (excepto a integración ferroviaria na cidade das Burgas); a Terceira Rolda da Coruña; a posta en servizo dos primeiros treitos da Autovía Santiago-Lugo; a posta en servizo da Autovía do Cantábrico na súa totalidade; o inicio das obras da autovía entre Pontevedra e Vigo; a ampliación da AP-9 en Santiago e Vigo; ou a mellora dos aeroportos galegos.

 

Un compromiso “sen precedentes”, en palabras de Ethel Vázquez, que “vén facer xustiza con Galicia e permite que a nosa Comunidade teña igualdade de oportunidades e sexa máis competitiva”.

 

Investimentos en materia ferroviaria

Unha das principais partidas do Ministerio de Fomento para o vindeiro ano en Galicia serán os investimentos ferroviarios, que se verán incrementados respecto a 2015, ata acadar os 883,96 millóns de euros. Esta contía recollida nos Orzamentos Xerais do Estado permitirá proseguir coas obras da liña de alta velocidade de conexión coa Meseta e seguir avanzando ao ritmo necesario para que esta infraestrutura sexa unha realidade no horizonte comprometido.

 

Concretamente, a liña de alta velocidade Olmedo-Lubián-Ourense contará cunha dotación de 993,66 millóns de euros, dos cales 733,42 millóns están comprometidos para levar a cabo as obras no territorio galego, permitindo que continúen as obras de toda a liña, agás a integración ferroviaria en Ourense.

 

Adicionalmente, tamén se recolle unha partida de 1,2 millóns de euros para levar a cabo a tramitación dos proxectos básicos e os proxectos construtivos da nova liña entre Ourense e Vigo por Cerdedo. Destínanse, ademais, 21 millóns para actuacións pendentes do Eixe Atlántico (Vigo-A Coruña); e 5,7 millóns para iniciar a implantación do sistema de xestión ERTMS.

 

Para favorecer a intermodalidade, Fomento destinará un total de 16 M€ ás estacións de Santiago, A Coruña, Ourense e Vigo. Concretamente, reserva unha partida de 10 M € para a  estación intermodal de Santiago; 4 M€ para a de Vigo; 1 M€ para a estación intermodal da Coruña; e 1 M € para a intermodal de Ourense.

 

Investimentos en estradas

De igual xeito, o investimento de Fomento en materia de estradas aumentará o vindeiro ano respecto do proxecto de orzamentos para 2015, subindo a 230,7 millóns de euros. Esta suba acumúlase á rexistrada de 2014 a 2015, polo que se consolida unha evolución en positivo do compromiso orzamentario do Goberno do Estado polas estradas galegas.

 

Entre as actuacións máis destacadas, cómpre subliñar o investimento de 110 millóns de euros na AP-9, unha dotación que permitirá executar a ampliación da circunvalación de Santiago e a ampliación da Ponte de Rande. Actuacións “moi necesarias”, en palabras de Ethel Vázquez, posto que, ademais de asegurar os tránsitos do eixe máis importante para a mobilidade de Galicia, tamén inducirán unha importante actividade económica para a Comunidade.

 

Xunto con isto, destacan os investimentos na autovía A-54 Santiago-Lugo, á que se destinarán 29,3 millóns para licitar as obras dos dous últimos tramos do itinerario Arzúa-Melide e Melide-Palas de Rei que farán que en 2016 todos os treitos estean en obras ou en servizo; o desenvolvemento da A-57, que conta cunha partida de 5,2 millóns de euros para licitar en 2016 o treito A Ermida-Pilarteiros; a continuación da A-56, co treito San Martiño-Enlace da Barrela así como o inicio de obras da Variante Norte de Ourense; ou a A-76, Ourense-Ponferrada, na que se continuará coa redacción dos proxectos dalgúns treitos. Os orzamentos do vindeiro ano recollen dúas importantes novidades, que son o inicio do estudo informativo da A-8 entre Lavacolla e Guitiriz e o proxecto da Variante de Monforte, da A-72.

 

Por outra banda, o investimento de Fomento para aeroportos en 2016 prevé actuacións por valor de 12 millóns de euros nas tres terminais aeroportuarias galegas.

 

As partidas en materia portuaria no vindeiro ano para Galicia ascenderán a un total de 104,85 millóns de euros, destacando os accesos ferroviarios aos portos exteriores da Coruña e Ferrol.

 

Infraestruturas hidráulicas

En materia de medio ambiente están consignados 68,5 millóns de euros de investimento. A maior parte, tal e como sinalou a conselleira, destinados a infraestruturas hidráulicas, que acaparan 62 millóns, e van permitir continuar coa programación realizada para o saneamento e a depuración de Santiago, Ourense, Vigo e Ribeira, entre outros.

 

Destaca a consignación dun  millón de euros para a obra de rexeneración da ría do Burgo, aos que hai que engadir a previsión doutros 6 millóns nos vindeiros anos. O investimento en 2016 posibilitará a licitación desta obra, dado que están contratados polo Ministerio a redacción do proxecto construtivo e do documento de avaliación ambiental.

 

Acerca de Vgomagazine

Revista Online.

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Cerrar sesión /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: